O Cumio de Samarcanda (Uzbequistán) celebrouse entre o 15 e o 17 de setembro do 2022

Samarcanda: Última sede da Organización de Cooperación de Shanghai

A Organización de Cooperación de Shanghai (OCS) fundada en abril de 1996 coma o Grupo do Cinco de Shanghai polos líderes de Rusia, China, Kazakhstán, Kirguizstán e Tadjikistán na mencionada cidade de China, asinaron entón un “Acordo sobre a construción da confianza no campo militar nas fronteiras”. Un ano despois en Moscova incorporaron o “Acordo sobre a redución mutua de forzas armadas nas fronteiras”, establecéndose por primeira vez en Asia unha estrutura de seguridade rexional multilateral.1

No 6° Cumio anual no 2001 incorporouse Uzbequistán, e Paquistán solicitou tamén a súa incorporación a este Grupo, que desde este momento ten por nomes “Organización de Cooperación de Shanghai” e “Convención de Shanghai para a Supresión do Terrorismo, Separatismo e Extremismo (relixioso)” e decidiu a creación dun grupo antiterrorista con base no territorio de Kirguizstán.

Aínda que a Organización de Cooperación de Shanghai non é un sistema de alianzas senón un partenariado -para a cooperación, o intercambio, a paz ou a seguridade- os seus obxectivos evidentes foron contrarrestar os intereses dos EE.UU. nas Repúblicas Centrais Asiáticas (RCA) e o Cáucaso, conter o avance do Partenariado para a Paz da OTAN e excluír a proposta do oleoduto Bakú-Ceyhan –no Mediterráneo oriental- fortemente sustentada por EE.UU. e Turquía.

Desde 2007 a OCS actuou en forma conxunta coa Organización do Tratado de Seguridade Colectiva (OTSC) da Comunidade de Estados Independentes e as súas Tropas de Desprazamento Rápido.

No 2012 os membros eran doce: ademais dos cinco RCA, atopábanse Rusia e China como membros plenos, Mongolia, Irán, Afganistán, Paquistán e India como observadores e Belarús e Turquía como “socios para o diálogo”. No último Cumio, setembro 2022, os membros superaban o numero de 20. Son permanentes China, Rusia, Tadjikistán, Usbequistán, Kirguizstán, Kazakhstán, Irán (2022), India e Paquistán. Son observadores Mongolia, Afganistán e Belarús, mentres que son socios para o diálogo Turquía, Arabia Saudi, Azerbaiján, Armenia, Qatar, Cambodia, Nepal, Sri Lanka e Exipto. En Samarcanda os Emiratos Árabes Unidos, Bahrein e Kuwait recibiron o “status de socio” oficial da OCS, xunto con Maldivas e Myanmar.

Estamos a nos referir ao 44% da poboación mundial, ao 23% da superficie do planeta e ao ¼ do PIB mundial.

Considérase que, na súa adaptación aos novos escenarios, a OCS continúa tentando –tras os conflitos Iraq, Afganistán- evitar novos avances da OTAN e EE.UU. en Asia e nas fronteiras dos Estados membros. A idea orixinal que excluía alianzas, confrontación e actuar contra terceiros, hoxe atende cuestións de política, seguridade, economía e humanidades en vistas a un desenvolvemento global que parece contrastar coas prioridades dun occidente hexemónico e conflitivo.

A conclusión máis importante do Cumio de Samarcanda foi que o presidentes chinés e ruso presentáronse xuntos, como xefes de “potencias globais responsables”. Xi Jinping destacou que ambos os Estados estaban abocados a soster a multipolaridade e rexeitar calquera cosmovisión unipolar (incluíndo futuras revolucións de cor nos países da OCS). Putin indicou que as transformacións rexistradas na política e a economía mundial non teñen retorno. O presidente da flamante integrante Irán, Ebrahim Raisi, informou que non recoñecerá as sancións contra Rusia.

A OCS é unha organización a ter moi en conta no xogo xeopolítico mundial e a longo prazo un serio desafío para a xeoeconomía mundial2. Xi e Putin delinearon en Samarcanda una axenda para fortalecer a multipolaridade que convén ter presente, asinada por todos os membros da OCS: a “Declaración final de Samarcanda do Consello de Xefes de Estado da OCS”, que mostrou consenso respecto de que a soberanía tecnolóxica determinará a soberanía, que a rexionalización (euroasiática) podería substituír a globalización actual, así como cuestións como garantir a estabilidade rexional, o desenvolvemento económico sustentable, o fortalecemento dos lazos de transporte e comunicación ou lograr unha orde internacional multipolar máis representativa, democrático e xusto.

Destacamos que falamos de máis do 44% da poboación do planeta e de varias potencias nucleares…

1 Para máis detalles sobre este tópico, véxase Stanganelli, Isabel. “China e Rusia: dous colosos en busca de novos equilibrios”. En Diplomacia , Academia Diplomática de Chile. N° 81. Oct-nov. 1999. Pp. 27-34.

2 No económico, Rusia e China están a aumentar o seu comercio en rublos e yuans e o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, anunciou que o 25% do gas que compra a Rusia pagarase en rublos.