Topa China coa Santa Sé?

O Vaticano e a China Popular parecen estar máis preto que nunca de chegar a un acordo que facilite a reanudación das relacións diplomáticas interrompidas en 1951. O Papa Francisco, a diferenza de anteriores papados, recoñeceu en máis dunha ocasión o seu desexo de visitar China, onde é visto con simpatía polas súas declaracións de signo progresista, a adscrición ao cristianismo latinoamericano e o seu compromiso na mediación en numerosos conflitos enquistados (desde Colombia a Cuba-EUA ou Venezuela, entre outros). Esas actitudes dan conta dunha maior proximidade con algunhas visións dos países do Sur coas que China tamén comulga. 

O Vaticano e a China Popular parecen estar máis preto que nunca de chegar a un acordo que facilite a reanudación das relacións diplomáticas interrompidas en 1951. O Papa Francisco, a diferenza de anteriores papados, recoñeceu en máis dunha ocasión o seu desexo de visitar China, onde é visto con simpatía polas súas declaracións de signo progresista, a adscrición ao cristianismo latinoamericano e o seu compromiso na mediación en numerosos conflitos enquistados (desde Colombia a Cuba-EUA ou Venezuela, entre outros). Esas actitudes dan conta dunha maior proximidade con algunhas visións dos países do Sur coas que China tamén comulga. 

En China, como é sabido, conviven dúas igrexas católicas. A oficial congrega a uns sete millóns de crentes e é independente do poder de Roma. Conta co apoio e recoñecemento do Partido Comunista que alenta nos seus cónclaves, como o celebrado o pasado decembro, a aliñarse co discurso das autoridades. Fronte a unha Igrexa Patriótica comprometida coa sinización das crenzas católicas, a coñecida como igrexa clandestina congrega a un número indeterminado de seguidores, probablemente similar, e é obxecto de persecución ata o punto de manter a varios dos seus bispos e sacerdotes en prisión. Tal como acontece con outras confesións con presenza no país, o PCCh non admite outra lealdade que non sexa ao país nin tampouco que poderes alleos interfiran ou socaven a súa vontade de adoutrinamento no ideolóxico. En consecuencia, nega a capacidade do Vaticano para nomear de forma unilateral ás autoridades eclesiásticas no seu propio territorio soberano. 

A Santa Sé recoñece diplomaticamente á República de China, é dicir, a Taiwan. Agora que as relacións entre Taipei e Beijing revisten unha tensión crecente, o interese de China por lograr un acordo co Vaticano é maior xa que privaría a Taiwan dun aliado clave tanto polo seu valor simbólico como pola influencia que detenta nos aliados centroamericanos que constitúen a maioría de países que seguen apoiando ao goberno da illa. En Taipei recoñecen estar ao tanto das negociacións entre Beijing e o Vaticano pero negan que se atopen nunha hipotética etapa final e aseguran que o diálogo limítase a asuntos eclesiásticos e non a temas políticos ou diplomáticos. Ambas partes reuníronse no último ano, polo menos en catro ocasións, só para falar de asuntos espirituais? A tregua diplomática dos anos de goberno do Kuomintang chegou ao seu fin. 

Quizá como preludio dese inminente cambio, na asemblea de católicos chineses celebrada en decembro último advertiuse unha nova atmosfera marcada pola moderación. A reivindicación dun diálogo construtivo parece atopar no Vaticano unha maior flexibilidade plasmada na ausencia de rotundas condenas como en anteriores ocasións. A Santa Sé, por exemplo, rompeu co costume de prohibir aos seus fieis a asistencia a un evento noutro tempo amplamente demonizado.

Sen dúbida, o tema máis espiñento que dificulta o acordo é o relativo ao nomeamento dos bispos, pero non é insalvable e ben podería resolverse seguindo o modelo vietnamita establecido en 2010 que traza procedementos para asegurar a converxencia das preferencias dunha e outra parte. O arranxo no cume completaríase coa converxencia das dúas igrexas na base, de forma que os millóns de católicos que secundan as teses do Vaticano deberían incorporarse a unha única igrexa resultante. Folga dicir que ese proceso non será fácil. 


Unha normalización de relacións co Vaticano supoñería para China unha vitoria con lecturas internas. Os contenciosos co islamismo ou o budismo son ben coñecidos con delicadas proxeccións tanto en Xinjiang como en Tibet onde os sentimentos relixiosos blindan de forma impenetrable a identidade das nacionalidades minoritarias. Todo canto contribúa a reducir esa fronte facilita a consecución da estabilidade, preocupación máxima do PCCh neste ano crucial para o mandato de Xi Jinping. Tamén axudaría a mellorar a súa imaxe internacional e moderar algunhas críticas relacionadas co respecto á liberdade relixiosa e que forman parte habitualmente do decálogo de condenas nos informes sobre a situación dos dereitos humanos no país. 

Para o Vaticano, sen superar a profunda crise en que se atopa en virtude da secuencia de escándalos e corruptelas de diversa índole que mingúan a comunidade de fieis nun contexto global de retroceso da fe relixiosa no mundo desenvolvido de Occidente, penetrar no planeta chinés -a quinta parte da humanidade- podería abrirlle unhas posibilidades de gran alcance para a súa misión ecuménica. O Papa Francisco, desoíndo as seguras críticas, parece disposto a ser tamén pragmático nesta orde para promover o catolicismo e protexer os dereitos dos católicos no continente chinés. Aínda así, é pouco probable que a normalización asome dun día para outro; máis ben cabe pensar nun proceso de progresiva acomodación das partes.