Un país, dous núcleos

Nos seus xa catro anos de mandato, Xi Jinping conformou unha vasta operación de centralización do poder político e da súa propia autoridade. Convertido en “home forte” de China, a súa cualificación como “núcleo da dirección do Partido” elévalle a un novo status que pode supoñer unha creba no liderado colectivo que Deng Xiaoping, o arquitecto da reforma e apertura, dispuxo para evitar o rexurdir do culto á personalidade e a acumulación dun poder excesivo por parte dun único líder. No argot político chinés, ser considerado “núcleo” engade un plus significativo ao seu titular aínda que non lle aporte atribucións específicas a maiores, polo menos estatutariamente.

Liñas de investigación Observatorio de la Política China
Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

Nos seus xa catro anos de mandato, Xi Jinping conformou unha vasta operación de centralización do poder político e da súa propia autoridade. Convertido en “home forte” de China, a súa cualificación como “núcleo da dirección do Partido” elévalle a un novo status que pode supoñer unha creba no liderado colectivo que Deng Xiaoping, o arquitecto da reforma e apertura, dispuxo para evitar o rexurdir do culto á personalidade e a acumulación dun poder excesivo por parte dun único líder. No argot político chinés, ser considerado “núcleo” engade un plus significativo ao seu titular aínda que non lle aporte atribucións específicas a maiores, polo menos estatutariamente.

Esta nova denominación reflexa un rápido aumento da súa potestade interna, plasmada no acaparamento do control directo de numerosas áreas de xestión, desde a defensa ou a política exterior á economía, con intromisións pouco habituais e que levantan ampolas entre os máis afectados, incluíndo o primeiro ministro Li Keqiang. A súa autoridade persoal imponse á autoridade institucional.

A entronización da figura dun Xi dotado dos máximos poderes internos complétase coa reafirmación paralela do Partido Comunista como o “núcleo” do país e do seu sistema, establecendo un vínculo indisoluble entre ambos. Asistimos así a un proceso a gran escala de restauración da supremacía do PCCh a través dunha campaña contra a corrupción que pulverizou os vellos límites da inmunidade. Ninguén poderá evitar a supervisión, dise; como tamén que a adulación está prohibida ou que o liderado colectivo seguirá guiando o proceso de toma de decisións. No peor dos casos, o seu valor simbólico, por máis que se intente temperar con estes adobos, non é baladí. O reforzamento do PCCh pasa por ampliar o poder do seu Secretario Xeral, e á inversa. 

O novo estatus de Xi e a repartidirización reflicten dúas preocupacións principais. A primeira é inseparable do afán de consolidación da súa propia base de poder de cara ao XIX Congreso do PCCh que terá lugar no segundo semestre do próximo ano. Xi reclama atributos especiais non só para afirmar o seu propio estilo de liderado, notoriamente máis incisivo que o dos seus antecesores, senón para dispoñer das ferramentas indispensables a fin de facerse un notable oco no deseño da nova dirección que presidirá o primeiro centenario do PCCh (2021). Cabe esperar que máis membros persoalmente afíns gañen posicións a todos os niveis, o cal pode acentuar pugna interna con outras faccións, principalmente os próximos a Jiang Zemin e Hu Jintao, os anteriores secretarios xerais. Para ese efecto, tamén podería variar as regras da sucesión, especialmente a idade de xubilación ou o número máximo de mandatos.

A segunda, co énfase na obediencia e a omnipresencia do PCCh suxire unha lameira da reforma, con centos de medidas adoptadas que encallan na súa aplicación práctica. Este colapso débese en boa medida a ese proceso de recentralización que reduce a capacidade de iniciativa dos executores locais e tamén ao temor, moi estendido na maquinaria burocrática, a ser vítima da campaña anticorrupción. A diferenza do pasado, hoxe é máis noticia o castigo que a recompensa. O Partido gaña poder, presenza e influencia en todos os ámbitos e nas organizacións, seguíndoo todo moito máis de cerca, pero está por ver que así se logre desatascar a parálise.

A mensaxe de Xi abunda na idea de que China enfróntase a unha oportunidade estratéxica e histórica. Os desafíos son múltiples e dramáticos, incluíndo “o cerco das forzas estranxeiras hostís”. Para afrontalos e culminar o soño chinés do rexuvenecemento nacional requírese que o Partido recupere os seus acenos de identidade (disciplina, sacrificio, heroísmo, etc.), a unidade dos seus membros e a lealdade. O envite á épica complétase co rexurdir a par das virtudes confucianas e os reflexos maoístas.

O incremento do poder persoal de Xi na toma de decisións estratéxicas, argumentado como condición sine qua non para garantir a plena realización das reformas aprobadas nos últimos anos, ten como contrapunto que terá máis dificultades para explicar o atraso na súa aplicación. Isto ponlle a tiro dos seus opoñentes que desconfían do seu método cuartelario para mellorar a gobernanza.