O transporte en tren é fundamental a nivel estatal, e en Galicia vertebra o Eixo Atlántico, iso si, en agarda da unión en condicións co Norte de Portugal, que demora hai décadas polo centralismo de Madrid e Lisboa. Pero se hai un transporte que é relevante hoxe en día en Galicia a nivel de vertebración do territorio por causa do espallamento de núcleos de poboación, ese é o autobús, especialmente en ausencia dunha rede funcional de proximidade ferroviaria. Ata hai relativamente poucos anos, o sector do transporte en autobús estaba caracterizado por ser un sector moi atomizado, o que permitía conectar parte dos núcleos rurais con certa independencia respecto doutros traxectos interurbanos. Ademais, o modelo de pequenas empresas permitía fixar poboación e crear valor noutras localidades diferentes das cidades, certo que ás veces a custo de perder certa eficiencia económica. Mais nos últimos anos foise producindo no sector do transporte en autobús unha concentración do mercado pola vía de transmisións de titularidades, compras ou fusións, que foron expulsando do mercado ás empresas pequenas e medianas. Ademais, as licitacións e conformacións de unións temporais de empresas foron favorecendo estas dinámicas.