Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
23 de Setembro de 2021 Schreinmoser

Incerteza na recta final das eleccións alemás

Este domingo, o 26 de setembro de 2021, 60,4 millóns de cidadáns e cidadás teutóns están convocados a votar o próximo Bundestag, o parlamento alemán. Despois de 16 anos ao temón da chancelaría, este domingo rematara tamén a era Merkel. A de Hamburgo –a primeira muller en exercer o cargo–, conduciu a Alemaña a través de varias crises nos seus catro mandatos, decidiu non postularse de novo. Consecuentemente, a campaña electoral deste ano foi ferozmente disputada e estivo marcada por varios xiros e cambios de rumbo –algúns deles bastante sorprendentes.

En principio, prevíase que as problemáticas medioambientais e o quecemento global fosen as protagonistas da campaña electoral, mais, aínda que estas cuestións ocuparon unha posición central nos programas electorais de todos os partidos, por voltas pareceu centrarse moito máis na idoneidade persoal dos candidatos ca nas súas posicións de cara ao futuro. Neste terreo, nin a Unión democristiá –unha alianza entre os partidos CDU e CSU– nin os Verdes –os dous favoritos para gañar as eleccións– lograron convencer. Dende a elección de Armin Laschet como candidato a chanceler a finais de abril, a Unión entrou nunha continua tendencia descendente constante e actualmente as sondaxes sitúana en mínimos históricos. Laschet, o actual Ministro Presidente de Renania do Norte-Westfalia, realizou unha campaña electoral débil na que non foi capaz de distinguirse nin polo seu liderado nin pola súa visión política. Incidentes como a súa desafortunada risa durante un discurso do Presidente Federal ás vítimas da catástrofe das inundacións en xullo danaron aínda máis a súa reputación. Actualmente, só o 29 % dos cidadáns considera a Laschet un candidato apto para o posto.

Pola súa banda, a candidata dos Verdes, Annalena Baerbock, tampouco convenceu como se esperaba. As inexactitudes no seu currículo, os ingresos suplementarios declarados tardiamente e as acusacións de plaxio en relación co seu novo libro empanaron, de principio a fin, a súa campaña e pasáronlle factura menoscabando os seus apoios entre o electorado: tan só o 27 % da poboación a considera unha candidata axeitada. A mala valoración de Baerbock refléxase tamén nos resultados dos Verdes nas sondaxes: mentres en maio rondaban o 26 %, as últimas enquisas non lles dan máis do 15 %.

O caso do SPD é ben diferente. Para o partido socialdemócrata a personalización da campaña electoral resultou ser unha vantaxe dada a boa reputación do seu candidato, Olaf Scholz. Fronte á debilidade dos seus competidores e co seu talante tranquilo e serio –non moi diferente ó de Merkel– o actual Ministro de Finanzas conseguiu presentarse como unha alternativa crible e competente. Isto proxéctase tamén nas enquisas: o 67% da cidadanía considera a Scholz como un candidato apto para liderar o país e, polo menos o 29 %, votaríao no caso de que se puidese elixir o chanceler de maneira directa.

Impulsado pola popularidade de Scholz, o SPD é, polo tanto, o favorito de cara á xornada electoral. As enquisas actuais o sitúan no 25 %, entre tres e catro puntos por diante da CDU/CSU. No terceiro posto estarían os Verdes cun 14-17 %, seguido pola ultradereita AfD e o partido liberal FDP cun 11-12 % cada un. Finalmente, pecharían a táboa os socialistas de DIE LINKE cun 6-7 %.

Se ben a situación de partida parece favorable para os socialdemócratas, a súa victoria non é nin moito menos segura. As sondaxes sempre son meras instantáneas do momento no que se realizan e están suxeitas á volatibilidade do electorado. Ademais, este ano moitos votantes fican aínda indecisos, así pois, non resultaría imposible que Laschet acabase gañando a carreira e que a Unión se convertise na forza máis votada o domingo. O que parece seguro, gañe Scholz ou Laschet, é que se aveciñan longas e complexas negociacións para acadar un goberno de coalición. Un bipartito do partido gañador cos Verdes non abondará para obter a maioría, e polo tanto, será necesario un terceiro socio para formar goberno, o que dificultará considerablemente as negociacións. Toca permanecer atentos ao resultado do próximo domingo e aos movementos que se produzan nas vindeiras semanas para saber que rumbo tomará a Alemaña post-Merkel.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais