Kevin McCarthy (medio) no Congreso en Washington, EUA o 6 de xaneiro (Foto: Xinhua Liu Jie)

O encrucillado taiwanés

Un dos temas clave na axenda dese cumio aprazado China-EUA debera ser o de Taiwán, a “liña vermella número un”, segundo a cualifican as autoridades chinesas. A falta dun compromiso na xestión deste contencioso pode condicionar integralmente as relacións bilaterais, que xustamente acadaron un dos seus niveis máis baixos dos últimos tempos trala visita da entón presidenta da Cámara de Representantes Nancy Pelosi á illa en agosto pasado.

Liñas de investigación Observatorio de la Política China
Apartados xeográficos Asia China e o mundo chinés
Idiomas Galego

Nas últimas semanas houbo varios sinais relevantes. Do lado chinés, cambios nos actores e no discurso. Dunha banda, Song Tao, antigo responsable das relacións exteriores do PCCh, asumiu o liderado no tratamento dos asuntos de Taiwán no Partido e no Estado; doutra, o anuncio dunha nova política. Tamén xestos no eido comercial como as medidas de facilitación dos intercambios en materia de alimentos ou a reapertura dos voos directos entre ambos os dous lados do Estreito.

Do lado estadounidense, o anuncio dunha probable visita a Taipéi do substituto de Pelosi, Kevin McCarty, supón un xerro de auga fría. Desentoan tamén de calquera vontade de sosegamento as declaracións do xeneral de catro estrelas e responsable do Comando de Mobilidade Aérea Mike Minihan ou a visita á illa de Philip Davidson, ex responsable da Comandancia Estadounidense do Pacífico. Se este último prognosticou unha guerra por Taiwán para 2027, aquel outro, guiado polo seu “instinto”, sitúana xa en 2025.

Na illa, o panorama político ven marcado polos resultados das eleccións locais do 26N, que supuxeron unha gran derrota para o soberanismo, revalidada despois en dúas eleccións parciais e á espera do que resulte nunha terceira en marzo no condado de Nantou. O Kuomintang (KMT) semella saír do tobo pero como aconteceu en 2018, as cousas poden torcérense aínda, especialmente polas desavinzas internas.

No poder dende 2016, o Minjindang (Partido Democrático Progresista, PDP) apura un dobre escenario. Dunha banda, un cambio de goberno, agora presidido por Chen Chien-jen, debe servir para endereitar o derradeiro tramo que resta ata os comicios de xaneiro de 2024; doutra, a atracción do apoio, redobrado a poder ser, dos EUA, Xapón e algúns países europeos. Nesta liña cabe interpretar o interese en facer pública a chamada ao gañador checo, Petr Pavel, dos comicios do domingo 26 de xaneiro, emulando a chamada con Donald Trump de 2016. Pavel foi ex presidente do Comité Militar da OTAN e suponse que sabe “o que cómpre facer”. A presidenta Tsai tamén situou ao experimentado diplomático David Lee, ata agora á fronte da secretaría xeral da Oficina Presidencial, como novo presidente da fundación que xestiona o operativo das relacións a través do Estreito. Na Comisión de Asuntos do Continente mantén a Chiu Tai-san, centrándose as queixas da oposición no seu novo segundo, Liang Wen-chieh.

Taiwán, dunha extensión semellante a Galicia, a vixésimo primeira economía máis grande do mundo, acredítase como a concreción territorial principal da pugna xeoestratéxica sino-estadounidense. O papel punteiro de Taiwán na disputa global pola fabricación dos semicondutores, engade tensións adicionais nunha tirapuxa que afecta ao devir da guerra tecnolóxica no seu conxunto.

Para a China, que o PDP continúe no goberno en Taipéi é un serio problema. Por iso, precisa fiar moi fino este ano para prexudicar electoralmente aos soberanistas. As escollas non son doadas. Un exceso de presión militar ou diplomática, pode ter o efecto contrario ao desexado. Precisa recoñecer, en primeiro lugar, o esgotamento de certa política e dotala de maior sofisticación e quizais menos dureza. Nesa encomenda, con aspecto de cambio de rumbo teórico e práctico, andan Wang Huning, o ideólogo principal do PCCh, e Wang Yi, a cargo do grupo dirixente sobre Taiwán.

Pola contra, aos EUA, convenlle o liderado de Lai Ching-te, chamado a liderar o PDP nos vindeiros comicios, definido a si mesmo como “un traballador pragmático” pola independencia. Aínda que as relacións de Washington cos nacionalistas do KMT e o seu entorno son boas, na Casa Branca non se pasa por alto que no mandato de Ma Ying-jeou (2008-2006) asináronse 23 acordos entre Beijing e Taipéi. Conta o ex vicepresidente do KMT, Lien Chan, nas súas memorias, presentadas recentemente, que Washington obrigou a Ma a deixar de lado a súa idea de manter conversas coa China sobre un acordo de paz a través do Estreito.

Na estratexia de confrontación ascendente promovida por algúns, a paz asemella un estorbo.