Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI no seu 29º aniversario, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Trump: síntoma dun mundo en crise. Por Alfredo Iglesias, Doutor en Historia e profesor, discípulo de José Gibert.

O mundo está en crise. Porén, a súa orixe non está na actual pandemia da Covid-19; nin sequera na quebra de Lehman Brothers no ano 2008, como consecuencia da crise dos créditos subprime. A crise vén de máis atrás. Efectivamente, de acordo co economista marxista Michael Roberts, que analizou a evolución da taxa de ganancia dende 1869, a crise comezou na volta de 1965-1968, momento dende o que a taxa de ganancia retrocede anualmente -agás nun efémero interludio de ‘recuperación neoliberal’ entre os anos 1983 e 1998-.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

O mundo está en crise. Porén, a súa orixe non está na actual pandemia da Covid-19; nin sequera na quebra de Lehman Brothers no ano 2008, como consecuencia da crise dos créditos subprime. A crise vén de máis atrás. Efectivamente, de acordo co economista marxista Michael Roberts, que analizou a evolución da taxa de ganancia dende 1869, a crise comezou na volta de 1965-1968, momento dende o que a taxa de ganancia retrocede anualmente -agás nun efémero interludio de ‘recuperación neoliberal’ entre os anos 1983 e 1998-.

Ao longo destes 55 anos, pasaron moitas cousas, que se poden secuenciar do seguinte xeito: primeiro, os capitalistas buscaron reducir os salarios e os custos laborais, polo que houbo que reducir a capacidade de negociación dos sindicatos e defender un estado feble, velaí os anos da ‘recuperación neoliberal’, sobre as costas da clase traballadora; segundo, unha vez que esa recuperación se mostrou ficticia e no momento en que o capital ‘produtivo’ deixou de ser rendible, os capitais atoparon outros sectores nos que obter maiores beneficios: no capital financeiro, mediante o endebedamento das familias, as empresas e os estados, e no capital da ‘vixilancia’, mediante a conversión das persoas en mercancías -xa non é a nosa forza de traballo a mercancía, somos nós-.

Pode unha transformación tan profunda da base económica das nosas sociedades non ter unha expresión política? Obviamente non.

Se botamos unha ollada ao mundo na volta dos anos 60 e 70, podemos advertir unha pulsión transformadora no seo das sociedades: revoltas estudantís, mobilizacións obreiras, triunfo de Allende en Chile e da revolución dos Cravos en Portugal e da revolución sandinista na Nicaragua de 1979... Obviamente, as clases dominantes non podían permanecer indiferentes e reaccionaron axiña: golpe de Estado de Pinochet en Chile, transición pactada en España... Finalmente, logo do escuro desastre que supuxo a quebra da Unión Soviética -como a definiu Alain Badiou-, semellaba que xa non había alternativa... e así se comportou o mundo, sendo moitos os intelectuais que agoiraron a fin da Historia.

Porén, os parias da Terra, xs desposuídxs de toda condición -os ninguén, dicía Galeano-, mostraron que fronte unha década perdida -os anos 90 de América Latina- existía unha alternativa: velaí está o levantamento zapatista de 1994 e os triunfos de Chávez, de Lula, de Kirchner, de Evo Morales... e outras expresións do mundo indignado: primaveras árabes, movemento 15M, Syriza... Ora ben, o capital e os seus brazos armados despregaron de novo toda a súa capacidade de combate: principalmente os golpes brandos -Honduras...- ou non tan brandos -lembremos Bolivia- e o lawfare e as fake news -que demostraron ser un elemento decisivo no triunfo electoral de Bolsonaro, tralo impeachment de Dilma Rousseff e a inhabilitación de Lula-; alén das xa vellas tácticas das ‘revolucións de cores’, que no mundo árabe remataron en cruentas guerras -como sempre para satisfacer os intereses de Occidente- e na vella Europa no sometemento dos gobernos alternativos ao ditado dos ‘homes de negro’.

Obviamente, na tradicional esfera de influencia dos EUA, o seu ‘patio traseiro’, as cousas están a volver ao rego: malia algún sobresalto -triunfo de Alberto Fernández na Arxentina e de AMLO en México, estreitamente vinculado ao veciño do Norte, polo que non é unha gran ameaza- e a obstinada resistencia de Maduro -malia Guaidó...- e Cuba -e mais unha Nicaragua á deriva-. E no resto do mundo? Rusia sobreveu á desintegración da URSS -con todo o que supuxo de perda de poboación, recursos naturais...- e é un actor a ter en conta nun escenario multipolar. China é unha potencia. Europa, unida, é unha vella potencia que aínda pode ter moito que dicir nun mundo multipolar, desintegrada sería un actor en decadencia. Certamente existen outras potencias rexionais: India, Turquía, Irán...

Trump como síntoma dun mundo en crise’ pretende ser un enunciado que expresa o esgotamento do modelo de desenvolvemento do capitalismo nesta fase senil, como a caracterizou Samir Amin.

A crise, expresada na caída da taxa de ganancia do capital, comeza a producir monstros perigosos: Trump nos EUA, Modi na India, Bolsonaro no Brasil, aos que se poden sumar Erdogan, Orban... Obviamente, non se trata de que as persoas sexan monstruosas; é un monstro o que representan: a crise da democracia.

Efectivamente, a perda de confianza nas institucións políticas que nos representan -’todxs son iguais’...-, a incapacidade de dialogar co contrario -un dos efectos colaterais da infantilización do pensamento político a través das redes sociais, nas que antes que argumentos empregamos ‘likes’-, o aumento do odio e da incapacidade de recoñecer no contrario a un igual -consecuencia do anterior-, o rexurdimento dos trazos ‘nacionais’ e das relixións como elementos de identidade con expresión política -en detrimento dunha cidadanía liberada de ataduras identitarias-, que levan ao auxe da extrema dereita en todo o mundo..., constitúe unha grave ameaza para a democracia. Non en van a historia nos ensina que democracia e capitalismo son compatibles unicamente cando as elites económicas son débiles ante un pobo organizado e consciente dos seus dereitos.

É certo, a crise tamén produce outros monstros: a destrución ecolóxica da Terra, o obsceno incremento das desigualdades sociais, a trata de persoas... Porén, se non recuperamos a democracia, a razón democrática que nos fixo soñar cun mundo de liberdade, igualdade e fraternidade..., un mundo de iguais na diferenza, un mundo no que a verdade e a ciencia nos faga libres na igualdade, un mundo no que a beldade nos irmande na igualdade..., teremos un mundo no que, como sinalaba Margaret Thatcher, non haberá alternativa, non haberá futuro.

Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI (coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Linguística) no seu 29º aniversario, coa vontade de impulsar e normalizar o uso do galego en todos os ámbitos, de maneira específica e desde a natureza do IGADI, na análise das relacións internacionais, xeopolítica e novos estudos globais.