Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI no seu 29º aniversario, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

De Venus a Jano: a UE nun mundo iliberal. Por Miguel Otero, Investigado principal do Real Instituto Elcano

Os vinte anos de hiperglobalización que se deron dende 1989, coa caída do Muro de Berlín, ata 2008, coa caída de Lehman Brothers, foron relativamente bos para a Unión Europea. É certo que, en 2005, os franceses e os holandeses votaron en contra da Constitución Europea, e iso foi un duro golpe para as ambicións federalistas, pero esas dúas décadas consolidaron o mercado interior, trouxeron a moeda única e a ampliación ao Leste. Europa volvía estar unida e vía con optimismo o futuro. Autores como Mark Leonard ata se atrevían a escribir libros que anunciaban Por que Europa vai dominar o Século XXI e moitos analistas describían ao Vello Continente como Venus, deusa do amor, a beleza e o amor, fronte aos Estados Unidos, que eran Marte, deus da guerra, a virilidade masculina e a violencia, e que se empantanaran na Guerra de Iraq. A sensación era que Europa era postmoderna, mentres que os EUA e China e Rusia quedáranse no século XIX.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Os vinte anos de hiperglobalización que se deron dende 1989, coa caída do Muro de Berlín, ata 2008, coa caída de Lehman Brothers, foron relativamente bos para a Unión Europea. É certo que, en 2005, os franceses e os holandeses votaron en contra da Constitución Europea, e iso foi un duro golpe para as ambicións federalistas, pero esas dúas décadas consolidaron o mercado interior, trouxeron a moeda única e a ampliación ao Leste. Europa volvía estar unida e vía con optimismo o futuro. Autores como Mark Leonard ata se atrevían a escribir libros que anunciaban Por que Europa vai dominar o Século XXI e moitos analistas describían ao Vello Continente como Venus, deusa do amor, a beleza e o amor, fronte aos Estados Unidos, que eran Marte, deus da guerra, a virilidade masculina e a violencia, e que se empantanaran na Guerra de Iraq. A sensación era que Europa era postmoderna, mentres que os EUA e China e Rusia quedáranse no século XIX.

Hoxe, en 2020, esta sensación de superioridade moral europea aínda persiste. A orde liberal internacional, que tanto beneficiara á UE, estase derrubando e a culpa téñena os “bárbaros” de fóra. O neo-nativismo do Reino Unido, o neo-proteccionismo dos EUA e o neo-nacionalismo da China (Turquía, a India, Brasil e un longo etc.) son os grandes culpables desta tendencia iliberal, mentres que a bela Venus atópase incrédula e desamparada. Nun mundo neo-hobbesiano de carnívoros, unha Unión Europea, que desde o seu nacemento é herbívora, vese moi vulnerable. Pero esta é unha narrativa falsa. A Unión Europea ten a mesma responsabilidade, ou ata máis que outros países, de que hoxe amplas capas das nosas sociedades occidentais opóñanse á globalización. É moi común botarlle a culpa das desigualdades e tensións sociais que vivimos dende a crise global de 2008 (e que ameazan con agravarse coa pandemia do Covid-19) ao Consenso de Washington e á Escola de Chicago, pero tamén houbo unha Escola de Bruxelas cega pola súa fe nas bondades do mercado.

Durante décadas promulgouse o libre comercio, a libre competencia, a desregulamentación financeira e as privatizacións, e rexeitouse a política industrial, a visión estratéxica e a política distributiva. Europa (ou máis ben a súa elite) namorouse tanto do mercado e de facer negocios que descoidou a xeopolítica e a política social. As razóns son múltiples. A integración europea forxouse en reducir o poder dos monopolios nacionais e para iso había que eliminar as axudas públicas, Alemaña, como potencia reticente, nunca se preocupou polo estratéxico e sempre viu nos mercados un mecanismo de disciplina para o sur (a xestión da crise do euro é o último exemplo); Francia, que si ten visión estratéxica, estivo durante moito tempo moi ensimesmada e en xeral as comunidades epistémicas europeas centradas na economía (o libre comercio e os mercados financeiros) e as relacións internacionais (a política exterior e de seguridade) traballan de costas. Non se falaban. E o peor é que falaban pouco cos de abaixo, que cada vez o estaban pasando peor.

Todo isto levou a erros estratéxicos importantes. A Unión Europea chegou a ser tan naif que un día descubriu que políticos iliberais como Le Pen, Salvini ou Wilders estaban asaltando as portas do poder, que Bruxelas impulsara a privatización de pezas estratéxicas como a rede eléctrica de Portugal e o porto do Pireo en Grecia a empresas “públicas” chinesas, que una das empresas de robótica máis potentes de Alemaña como Kuka caera tamén en mans chinesas e que Europa non tiña ningunha empresa dixital entre as vinte primeiras do mundo. A dependencia é tal que practicamente todos os datos da banca europea están en “nubes dixitais” de empresas estadounidenses. Isto levou a Klaus Regling, director xeral do Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE) a preguntarse: de que serve ter leis de protección de datos europeas, se eses datos, nun contexto de crecente rivalidade xeopolítica, están situados fisicamente en almacéns de países terceiros. É por todo isto que en Europa se fala cada vez máis de soberanía económica e autonomía estratéxica. Por fin Bruxelas, e sobre todo Berlín, espertaron e agora temos unha “Comisión Xeopolítica” liderada por unha alemá, Ursula von der Leyen. Unha simbiose franco-alemá, que se conseguiu grazas á vitalidade de Macron e a responsabilidade de Merkel. Só hai que ler o manifesto a favor dunha política industrial europea dos ministros de economía e a declaración histórica dos dous líderes a favor de emitir débeda conxunta que levou ao fondo de recuperación Next Generation EU.

Venus espertouse, pois. Pero Venus tense que converter en Jano, deus das portas, os portais e as transicións. Europa tense que manter aberta, e non caer no proteccionismo e nativismo, pero tamén saber cando ten que pechar as portas. Isto vale para o investimento estranxeiro, pero tamén para os inmigrantes. Europa tamén ten que saber manexar a transición cara a unha sociedade máis verde, dixital e inclusiva. Con portais de entrada para todos, e iso quere dicir establecer un contrato social que restableza o ascensor social que leva roto varias décadas. E Europa, como Jano, ten que mirar para Occidente e para Oriente. Non deixarse arrastrar pola rivalidade xeopolítica entre os EUA e China e lograr a súa independencia. Para iso, como Jano, tamén ten que aprender dos erros do pasado, para poder ter un mellor futuro. Finalmente, Jano, é o deus que protexe o estado. A Unión Europea, ata na súa visión máis federalista, necesita estados fortes e cohesionados. Se non, a propia Unión será débil. Pero tamén é verdade que a Unión necesita certas estruturas de estado para poder sobrevivir. Que os líderes europeos comprometéranse a endebedarse conxuntamente por 750.000 millóns de euros e devolver esa débeda conxuntamente ata o ano 2058 é un gran paso cara a unha Unión cada vez máis estreita. Esperemos que haxa moitos máis. Iso si, sempre respectando o principio de subsidiaridade, e os catros alicerces que conforman o modelo social europeo. O pluralismo político, o estado de dereito, a economía de mercado e o estado de benestar.

Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI (coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Linguística) no seu 29º aniversario, coa vontade de impulsar e normalizar o uso do galego en todos os ámbitos, de maneira específica e desde a natureza do IGADI, na análise das relacións internacionais, xeopolítica e novos estudos globais.