Un shock exterior
En Galicia levamos demasiados anos mareando a perdiz en materia de acción exterior. Os últimos lustros foron de aberta deconstrución. Curiosamente, este labor de fondo seguiu coexistindo cunha narrativa en positivo debedora doutras épocas. Así, ao tempo, non importaba subscribir ambiciosas unanimidades, aprobar normas legais ou mesmo estratexias que podían dar a sensación contraria. Moito botafumeiro pero ninguén facía o camiño. A nula implementación foi o santo e seña do mais burdo cinismo institucional, reforzado pola ausencia de mecanismos de avaliación e control e amparado no feble interese parlamentario e social.