logoudc

Convenio Universidade da Coruña-IGADI (2022)

A Coruña, a 21 de decembro de 2022

COMPARECEN

Dunha parte a Universidade da Coruña, a partir de agora UDC, con sede na Coruña, rúa da Maestranza, 9, e no seu nome e representación, Julio Ernesto Abalde Alonso, Reitor Magnífico da Universidade da Coruña, no uso das atribucións que lle confire o artigo 36.1.f) dos Estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio, da Xunta de Galicia (DOG de 26 de maio) e doutra parte o Instituto Galego de Documentación Internacional (IGADI), con CIFG36741049 e enderezo na rúa Luís Braille 40, Centro Cívico Sul, 36003, Pontevedra, representado polo seu director, Daniel González Palau.

EXPOÑEN

  1. Que ambas as entidades teñen obxectivos e intereses comúns nos campos académico, científico e cultural.
  2. Que para contribuír para a mellora económica e social dos pobos é de fundamental importancia que se establezan relacións de intercambio nos campos da ciencia e a cultura.
  3. Que as universidades son institucións chamadas pola súa esencia, finalidade e obxectivos a establecer as canles de comunicación que permitan o intercambio do coñecemento científico e cultural.
  1. Que o IGADI, ten entre outros obxectivos, o estudo, análise e difusión da realidade social, económica, cultural e política chinesa, a través do Observatorio de Política. Que por todo o anterior as dúas institucións consideran conveniente afianzar a súa colaboración académica e científica establecendo os instrumentos adecuados e, para os efectos, deciden subscribir un convenio de cooperación académica, científica e cultural, de acordo coas seguintes:

CLÁUSULAS

PRIMEIRA. FINALIDADE DO ACORDO DE COOPERACIÓN

O IGADI e a Universidade da Coruña (UDC), comprométense a fomentar o intercambio de experiencias e de persoal nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral, dentro daquelas áreas nas cales ambas as dúas teñan interese manifesto.

SEGUNDA. MODALIDADES DE COLABORACIÓN

Co fin de satisfacer os obxectivos definidos no artigo anterior, ambas as partes comprométense, na medida dos medios de que poidan dispoñer, e conforme ás normas de cada entidade, de maneira enunciativa pero non limitativa, a:

  • a) Facilitar o intercambio por tempo limitado de profesionais, profesores e investigadores.
  • b) Favorecer a participación en proxectos e programas de investigación e desenvolvemento, bilaterais ou multilaterais.
  • c) Cooperar en programas de formación de persoal asistencial, investigador e/ou técnico.
  • d) Asesorarse mutuamente en cuestións relacionadas coa actividade de ambas as entidades.
  • e) Intercambiar libros, publicacións e outros materiais de investigación e docencia sempre que non haxa compromisos anteriores que o impidan.
  • f) Cantas outras sexan consideradas de interese mutuo, dentro das dispoñibilidades das partes e das actividades que constituían o obxecto do presente acordo.

TERCEIRA. ESTABLECEMENTO DA COOPERACIÓN

A execución das modalidades de cooperación previstas no presente acordo será obxecto de convenios elaborados de común acordo entre ambas as entidades, en que figurarán o motivo da colaboración, o plan de traballo, os participantes e o financiamento. Os ditos convenios serán incorporados como addendas ao presente acordo.

Sen prexuízo dos convenios específicos aos que se refire o parágrafo precedente, cada unha das partes asume as obrigas e compromisos concretos que a seguir se relacionan:

A UDC comprométese a:

  • a) Ceder ao IGADI no Campus de Esteiro, na cidade de Ferrol, un espazo adecuado para albergar a sede do Observatorio de Política Chinesa.
  • b) Contribuír para o financiamento da actividade do Observatorio de Política Chinesa cunha cantidade adecuada, fixada para cada exercicio pola Comisión se Seguimento deste convenio.
  • c) Ter en conta as propostas do IGADI na súa programación de actividades (cursos de verán, ciclos de conferencias, exposicións, proxectos de pesquisa, etc.), en especial no que se refire á titulación de Relacións Internacionais.

O IGADI comprométese a:

  • a) Apoiar ás estratexias de internacionalización da UDC no mundo chinés (China continental, Hong Kong, Macao, Taiwán) e en América Latina a través da RIBSI (Rede Iberoamericana de Sinoloxía) nos ámbitos da investigación, a docencia e o intercambio de alumnado.
  • b) Promover a investigación en áreas de interese común, desenvolvendo todo tipo de cooperación técnica, académica, científica, tecnolóxica, de investigación, docencia e extensión que poida ser de interese para ambas institucións no ámbito das Ciencias Políticas, Económicas, Sociais, Tecnolóxicas e Ambientais, no marco da axenda conxunta que as partes acorden.
  • c) Cooperar activamente co desenvolvemento do Grao de Relacións Internacionais da UDC, facilitando acceso de estudantes e profesores ao Centro de Información e Documentación Internacional Contemporánea do IGADI, cooperando na realización de prácticas internacionais do alumnado, a elaboración de publicacións e a organización de eventos científicos de relevancia internacional.
  • d) Apoiar a captación de investimentos de empresas chinesas na área das industrias emerxentes e fomentar alianzas institucionais e público-privadas de proxección internacional para o desenvolvemento dos obxectivos do convenio.

Ambas as partes comprométense a elaborar un plano anual de actuacións no que se concreten, para cada exercicio, os compromisos indicados nas epígrafes anteriores.

CUARTA. COMISIÓN DE SEGUIMENTO

Para facilitar a elaboración dos convenios e o seu cumprimento constituirase unha comisión de seguimento paritaria integrada pola Vicerreitora do Campus de Ferrol, ou a persoa en quen delegar por parte da UDC e polo Director do IGADI ou persoa en quen delegar. Esta dita comisión levará a cabo, polo menos anualmente, un balance das accións realizadas ou en curso e elaborará un informe que lles será comunicado ás instancias apropiadas.

QUINTA. FINANCIAMENTO

Sen prexuízo do previsto na cláusula terceira, ambas as dúas entidades, baseándose na xusta reciprocidade, intentarán conseguir os fondos de financiamento externos que se utilizarán para apoiar as actividades que se van realizar no ámbito deste acordo.

SEXTA. DURACIÓN

O acordo subscrito terá unha duración de catro anos anos, a contar desde a data da súa sinatura.
En calquera momento antes da finalización do prazo previsto no apartado anterior, as partes asinantes do convenio poderán acordar unanimemente a súa prórroga, por un período de ata catro anos adicionais, ou a súa extinción.

SÉTIMA. DISCREPANCIAS

A resolución de posibles controversias inherentes á interpretación e execución do presente acordo transferirase a unha comisión arbitral formada polos asinantes do acordo ou as persoas en que deleguen.

En proba de conformidade, as partes asinan dixitalmente este convenio.