Un debate aprazado
Unha das principais novidades nas próximas eleccións galegas é que o voto da diáspora pode volver ser decisivo. No 2024 xa non haberá ‘voto rogado’. Os electores no estranxeiro non van ter que facer ningunha xestión especial para poder participar nos comicios. Pode que volvamos a cifras de participación semellantes ao 2009, cando votou unha terceira parte do censo exterior; cifras que contrastan coa participación nas do 2020 cando só exerceron este dereito 5.726 galegos dos case 500.000 censados no estranxeiro, é dicir o 1,24%. Alfonso Rueda sábeo ben e, desde o verán pasado, cada semana, polo menos un membro do Goberno estivo de viaxe entre os votantes no exterior.