images publicacions IgadiPaper103

IgadiPaper nº103

¿Un Nobel da Paz en guerra? A deriva belicista da Unión Europea

(06/2013)

¿Un Nobel da Paz en guerra?
A deriva belicista da Unión Europea

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper103

A pesar de imperar unha política de austeridade financeira, o apoio da Unión Europea (UE) ás intervencións militares en Libia (2011) e Malí (2013), o seu cada vez maior respaldo oficial ao Consello Opositor Sirio, entidade sumida nunha guerra interna contra o réxime de Bashar al Asad con propostas como a efectuada recentemente por Francia e Gran Bretaña de subministrar armamento aos opositores, así como as sancións e presións contra o programa nuclear iraniano, son aspectos que evidencian unha relativamente inesperada deriva de carácter belicista por parte do principal organismo europeo de integración, unha realidade que contrasta e cuestiona severamente a atribución do Premio Nobel da Paz en 2012 e, sobre todo, unha traxectoria ata agora modestamente compensada cunha política que igualmente apostaba pola cultura de paz, a prevención de conflitos, o diálogo e a reconstrución.

Concibido nas súas orixes como un organismo de integración baseado nos principios da convivencia pacífica e de respecto polos dereitos humanos, a recente orientación da UE á hora de apoiar estas intervencións militares na súa periferia mediterránea e africana semella certificar unha notoria supeditación aos intereses estratéxicos de algúns países membro (Francia) así como aos intereses “atlantistas” asociados á OTAN. Este aspecto revela, ao mesmo tempo, a escasa autonomía dunha Política Europea e de Seguridade Común (PESC), incapaz de artellar unha posición independente e alternativa para a resolución destas crises e conflitos.

Así e todo, compre salientar que a UE, considerada en termos absolutos a segunda potencia militar a nivel mundial, aglutinando a case dous millóns de efectivos militares e cun orzamento de defensa anual calculado en US$ 250.000 millóns, experimenta na actualidade un notorio proceso de diminución do seu gasto militar, estimado nun 20% durante a última década([1]). En 2012, a única excepción europea desta diminución do gasto militar global (aínda que centrado oficialmente en gastos burocráticos) foi precisamente Francia, país que liderou a recente intervención militar en Malí e que conta con intereses enerxéticos en Libia e xeopolíticos no conflito sirio.

b) Libia e Malí: cara unha UE “militarista”?

Desde 2011, a Unión Europea (UE) ven manifestando un inédito proceso de intervencionismo político e militar en crises e conflitos suscitados na súa periferia mediterránea oriental, magrebí e do Sahel africano, aspectos que cuestionan notoriamente a tradicional esencia “pacifista” deste organismo, a súa recente designación como Premio Nobel da Paz (2012) e, incluso, a imaxe de polarización interna derivada da intervención militar de Washington en Iraq (2003).

A pesar do contexto de crise económica e austeridade financeira, o momento actual semella evidenciar unha (re) concreción de intereses de carácter atlantista entre a UE e EUA. Baixo o amparo da resolución 1973 da ONU, que estipulaba exclusivamente un embargo de armamentos e a apertura dun espazo aéreo de apoio ás milicias do Consello Nacional Libio, a UE manifestou un decidido apoio á intervención militar en Libia a partir de marzo de 2011, neste caso baixo o liderado militar de Gran Bretaña e Francia, os cales actuaron cunha absoluta converxencia de intereses con Washington e a OTAN. Outros países membros da UE que apoiaron esta intervención en Libia foron España, Italia, Bélxica, Grecia, Países Baixos, Suecia e Dinamarca.

Se ben a misión da OTAN e da ONU en Libia finalizou oficialmente en outubro de 2011, a mesma deu curso a unha incipiente tutela de carácter político e militar no marco da Libia post-Gadafi, sen que isto certifique unha completa transición política cara a democracia nin moito menos unha estabilidade global nese país e nunha rexión convulsionada polos cambios políticos emanados da Primavera árabe. A pesar da celebración de eleccións lexislativas e presidenciais durante o primeiro semestre de 2012, a Libia post-Gadafi resulta se cabe un escenario sumamente inestable e volátil, sumida nas rivalidades entre clans territoriais e milicias armadas, atenazadas e inducidas polos intereses das multinacionais enerxéticas por controlar os codiciados recursos petroleiros e gasíferos do país.

A inestabilidade libia exerce unha repercusión rexional indubidable, principalmente entre os seus veciños magrebís e do Sahel, particularmente no caso de Malí, a través da proliferación dun mercado de armamentos fora de control e da constante mobilización de combatentes islamitas, algúns deles incluso remanentes de grupos armados que loitaron a favor do réxime de Gadafi durante a guerra de 2011([2]).

Deste modo, a inestable posguerra libia expándese dalgunha forma ao conflito interno que vive Malí, escenario que revela igualmente a incapacidade da UE, da ONU e da OTAN por conformar un marco de estabilidade rexional. Impulsada pola intervención militar francesa de xaneiro de 2013, a UE inseriuse decididamente na crise interna de Malí, país azoutado pola proliferación de grupos armados irregulares e principalmente polo control de milicias yihadistas no norte dese país.

Proseguindo coa política do seu antecesor Nicolás Sarkozy durante a guerra en Libia, o actual presidente francés François Hollande centra a súa atención en “estabilizar” un Sahel sumido nos riscos derivados dun eventual “Estado fracasado” como Malí. Baixo o impulso de París e co apoio de 5.000 efectivos militares da Comunidade Económica de Estados de África Occidental (CEDAO), a UE despregou a EU Training Mission en Malí (EUTM), con 250 instrutores militares e 300 soldados de apoio([3]), coa velada intención de evitar que o Sahel se converta nun eventual territorio   de proliferación de milicias “yihadistas” de carácter salafista, con capacidade para actuar dentro da periferia magrebí europea, como foi o caso de Alxeria en xaneiro pasado.

Por tanto, a EUTM supón unha peza sumamente estratéxica para a Política Europea de Seguridade Común (PESC). Amparada pola resolución 2085 do Consello de Seguridade da ONU, a Comisión Europea destinou 50 millóns de euros para a misión de Malí, ampliando o radio de actuación da PESC a nivel global, contando 29 misións civís e militares desde 2002, 14 delas en países africanos (especialmente do Corno de África), nove en Europa (principalmente os Balcáns), catro no mundo árabe (Iraq, Palestina, Libia) e dous en Asia (Afganistán e Indonesia).([4])

Este radio de actuación da PESC ven igualmente determinado pola creación en 2010 do Servizo Europeo de Acción Exterior (SEAE), dirixido pola británica Catherine Ashton, e que concibiu actualmente á crise de Malí como unha especie de “punta de lanza” orientada a consolidar a noción da “Europa da Defensa”([5]).

c) Siria e Irán na recámara

Alén das intervencións en Libia e Malí, resulta palpable unha cada vez maior intervención política e de apoio loxístico da UE aos rebeldes enrolados no Consello de Oposición Sirio, coa velada intención de acabar co réxime de Bashar al Asad en Damasco. Desde que comezou o conflito sirio en febreiro de 2011, a UE apoiou a aplicación de sancións contra o réxime de Bashar, pero evitando ao mesmo tempo comprometerse directamente nunha intervención militar similar á de Libia.

Non obstante, nas derradeiras semanas, Bruxelas comeza a intensificar as presións contra Siria. A mediados de febreiro, o Consello de Ministros de Exteriores da UE renovou por tres meses as sancións contra Damasco, aínda que recentemente non aprobou o levantamento do embargo de armas a favor dos rebeldes. Paralelamente, a UE concedeu un orzamento de 420 millóns de euros para axudar aos aproximadamente 800.000 refuxiados sirios nos países veciños así como aos case dous millóns de desprazados internos.([6])

A mediados de marzo, a reunión en Istambul do Consello Opositor Sirio orientada a propiciar unha Siria post-Bashar contou co total aval da UE, facendo así causa común cos intereses doutros países implicados no apoio aos rebeldes, como Qatar, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos, Turquía e EUA. Neste sentido, países membros da UE que contan con intereses xeopolíticos en Siria, tales como Francia (ex metrópole colonial siria) e Gran Bretaña, propiciaron con anterioridade o seu apoio loxístico aos rebeldes sirios.

O epicentro sirio responde a un cálculo de carácter xeopolítico para a UE en Oriente Próximo, que corre paralelo aos intereses de Washington. Por tanto, implicarse cada vez máis no cometido de acabar co réxime de Bashar apoiando unha transición política en Siria, supón abrir unha serie de escenarios múltiples para os intereses europeos. Estes poderían resumirse en propiciar un goberno “tutelado” en Damasco, similar ao goberno iraquí post-Saddam, e que evite a cooperación siria con movementos islamitas como o libanés Hizbulá e o palestino Hamas, os cales observan ao réxime de Bashar como un importante interlocutor.

Paralelamente, unha posición mais decidida da UE en Siria pretendería evitar unha maior implicación de Irán e Rusia como sostén do réxime de Bashar e que Teherán e Moscova gañen posicións xeopolíticas dentro do novo escenario que se abre en Oriente Próximo coa post-Primavera árabe. Como se sabe, Teherán, Moscova, China e, con menor incidencia, Venezuela, son os actores exteriores que con maior forza seguen a apoiar ao réxime de Bashar.

A conxunción destes intereses europeos cos de EUA e, tanxencial e indirectamente con Israel, implican outro escenario de actuación, Irán, en particular por afianzar as sancións que Teherán recibe da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) e da ONU, debido ao avance do seu programa nuclear. Neste sentido, a UE non semella ter a capacidade (ou vontade) para propiciar unha vía alternativa de negociación con Teherán que permita intensificar unha medida de presión contra os xa coñecidos e eventuais preparativos militares “preventivos” de Israel e EUA contra Irán.

d) Sen rastro da PESC

Creada en 2002 con Javier Solana como Alto Representante, co cometido de servir como baluarte da política exterior e de defensa da UE, a PESC manifesta actualmente un escaso impacto no escenario internacional, basicamente supeditada aos intereses da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Así, tanto a PESC como o SEAE actualmente a cargo da Alta Representante Catherine Ashton, a penas locen con capacidade autónoma de actuación en crises de carácter global, como foron as intervencións da OTAN e da ONU en Afganistán (2001) e do eixe atlantista liderado por Washington en Iraq (2003). A participación da PESC limitouse dende entón como apoio dos procesos de transición post-Talibán en Afganistán e post-Saddam en Iraq, moi supeditada ás decisións da OTAN e da ONU, así como dos intereses específicos de países membros da UE, como Gran Bretaña, Francia ou Alemaña.

Noutros ámbitos, a PESC tivo particular incidencia en escenarios de menor intensidade global (posguerras balcánicas, Myanmar, Gaza, Congo, etc.), pero a súa operatividade segue a reproducir a polarización de visións e intereses existentes dentro da UE. Unha diversidade que restrinxe a súa normal funcionalidade e capacidade de influencia, igualmente determinada polo contexto de crise económica e de austeridade financeira, que limita o orzamento comunitario en materia de defensa e política exterior.

IGADI. 25 de marzo de 2013

 


([1]) “Horas bajas del gasto militar europeo”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 831, 25 de febreiro de 2013, pp. 4-5.

([2]) “La poudrière libyenne”, Jeune Afrique, Nº 2.721, do 3 ao 9 de marzo de 2013. pp. 44-47.

([3]) “Hollande se envuelve la bandera”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 827, 28 de xaneiro de 2013, páxina 4.

([4]) “Malí, prueba de fuego para la UE”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 828, 4 de febreiro de 2013, pp. 2-3.

([5]) Ibid, páxina 3.

([6]) “La UE pierde la paciencia en Siria”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 831, 25 de febreiro de 2013, páxina 5.