images publicacions IgadiPaper55

IgadiPaper nº55

A independencia de Sudán do Sur:
outra evidencia de “dobre moral” internacional?

(01/2011)

A independencia de Sudán do Sur:
outra evidencia de “dobre moral” internacional?

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper55A eventual aparición dun novo Estado en África, denominado “Sudán do Sur”, a raíz da probable vitoria do Movemento Popular de Liberación de Sudán (MPLS) no referendo celebrado o pasado 9 de xaneiro de 2011, salienta un relevante exemplo de autodeterminación pacífica e democrática que, dende diversas perspectivas, coloca no tapete a falta de uniformidade de criterios por parte da comunidade internacional para acometer os casos de secesión.

Este referendo de autodeterminación no Sur de Sudán observa os parámetros estipulados no Acordo de Paz subscrito en 2005 polo goberno sudanés de Omar al-Bashir e o Movemento Popular de Liberación do Sudán (MPLS), actualmente liderado por Salva Kiir, sucesor do histórico precursor da independencia do Sur sudanés, John Galtung, falecido nun accidente aéreo en 2005.

Desde a perspectiva da pacificación interna en Sudán, país que sufriu unha prolongada guerra civil e crise humanitaria que afectou, aproximadamente, a 4,6 millóns de persoas na rexión de Darfur, este referendo e, incluso, a posible secesión de Sudán do Sur, poden constituír unha solución preliminar ao conflito interno entre o Norte do país, maioritariamente islamita e proclive á aplicación da lei islámica (Sharia), e o Sur sudanés, con maioría de relixión animista e cristiá.

Sen menoscabar o feito de que a fragmentación territorial sudanesa pode igualmente incrementar as tensións internas, o Sudán do Sur independente afrontaría a súa andaina con amplas probabilidades de desenvolvemento, especialmente a través dun notable tecido institucional e a concentración do 80% da produción petroleira sudanesa, un aspecto que motiva os intereses estratéxicos de potencias estranxeiras como EEUU e China.

Do mesmo xeito, a secesión de Sudán do Sur terá importantes repercusións no contexto africano, na medida en que concreta unha referencia viable, pacífica e democrática cara outras reivindicacións secesionistas no continente. Ao mesmo tempo, o seu caso certificará tamén a dobre moral das potencias internacionais á hora de acometer os casos de secesión de diversos territorios e comunidades, especialmente no caso de EEUU, favorable á aparición deste novo Estado africano pero que, ironicamente, non mantén a mesma política en casos igualmente próximos, como o do Sáhara Occidental.

b) O perfil dun novo Estado africano

Sudán do Sur pode converterse no 54º Estado de África. O eventual triunfo do Movemento Popular de Liberación do Sudán (MPLS) no histórico referendo iniciado o pasado 9 de xaneiro, cunha votación que se prolongará durante sete días para eventualmente ofrecer resultados definitivos o próximo 14 de febreiro, abriría unha nova perspectiva sobre a materialización dunha secesión realizada por medios pacíficos e democráticos.

Esta transición e secesión democrática intensifica a súa relevancia tendo en conta a pesada herdanza colonial británica en Sudán, o país de maior territorio en África (2.500.000  km2) que igualmente sufriu a guerra civil máis prolongada do continente (acaecida en dúas etapas, entre 1956-1972 e 1983-2005), orixinando unha grave crise humanitaria na rexión de Darfur (2002-2005).

Deste modo, o Sudán do Sur independente contaría con, aproximadamente, 8.800.000 habitantes (datos de 2006), nun territorio de 619.745 km2 conformado por 10 provincias, de maioría relixiosa animista e cristiá. Deste xeito, Sudán do Sur albergaría un importante mosaico étnico e tribal, manifestado pola presenza das comunidades dinka, shilluk, baggara, anwak, nuer.

images publicacions 055 a independencia de sudan do sur clip image002

 

(Fonte:blogspot.com)

Paralelamente, este territorio posúe importantes reservas acuíferas, alimentarias (trigo e sorgo) e minerais (ferro, ouro, prata, cobre), así como unha relevancia petroleira manifestada por concentrar o 80% da produción de cru sudanesa, un aspecto que certifica o interese enerxético de países como EEUU e China.

Trala sinatura dos Acordos de Paz de 2005 entre o goberno sudanés de Omar al-Bashir e o Movemento Popular de Liberación de Sudán (MPLS), constituíuse o Goberno do Sur de Sudán (GOOS), baixo a Constitución Provisional de Sudán do Sur. Dende entón, o Sur de Sudán practicamente funcionou como un “Estado de Feito”, cunha viabilidade institucional manifestada na elección do seu actual Presidente, Salva Kiir, quen tamén ocupa os cargos de Xefe do Estado, Xefe do Goberno e Comandante en Xefe do Exército de Liberación do Pobo Sudanés (ELPS), organismo antecesor do actual MPLS.

Ao mesmo tempo, cabe sinalar a existencia dunha Asemblea Lexislativa unicameral de 170 membros elixidos por sufraxio popular, encargados igualmente de elixir aos representantes dunha Corte Suprema de Xustiza, oficialmente independente. O seu sistema bancario e financeiro está igualmente conectado cos países da rexión, especialmente Quenia e Etiopía, países con directos intereses económicos en Sudán do Sur.

c) A xeopolítica de Sudán do Sur

Mentres prosegue o referendo, Sudán do Sur afronta diversos escenarios sobre a viabilidade deste novo Estado en pleno corazón de África Oriental, principalmente á luz da xeopolítica rexional e dos intereses estranxeiros.

c.1) O contexto rexional

Compre observar ata qué punto a independencia de Sudán do Sur, baixo parámetros democráticos e pacíficos, pode constituír unha solución do conflito interno no resto do Estado sudanés. Días antes do referendo de secesión, o presidente sudanés Omar al-Bashir, tradicionalmente oposto á secesión do Sur, avaliou o proceso electoral polo seu carácter pacífico.

Non obstante, no caso de afianzáranse as posicións intransixentes, principalmente por parte do gabinete sudanés, un escenario a tomar en conta sería a reactivación do conflito armado entre o goberno de Khartum (capital sudanesa) e a nova entidade estatal, con capital na cidade de Juba. Diversas fontes estiman que, nos últimos tempos, tanto o goberno de al-Bashir como o MPLS rearmaron as súas respectivas milicias ante un posible escenario de rexurdir da violencia, eventualmente no caso de que Sudán do Sur declarara de forma unilateral a súa independencia. Días antes do referendo rexistráronse máis de 20 mortes por violentos choques políticos e tribais.

A eventual independencia de Sudán do Sur debuxaría novos escenarios na estratéxica e volátil rexión do Corno de África. En primeiro lugar, un retorno de refuxiados sudaneses a este territorio dende países limítrofes como Etiopía e Quenia, que suporía un reto ineludible para as autoridades de Juba. Polo tanto, un equilibrio nas relacións entre Sudán do Sur, Etiopía e Quenia serviría tamén para garantir a viabilidade e estabilidade deste novo ente estatal.

Compre igualmente observar cómo a secesión de Sudán do Sur influirá noutras comunidades de países africanos que buscan, igualmente, a súa autodeterminación. Algúns casos próximos son Ogadén (provincia somalí dentro de Etiopía), Cabinda (Angola), Puntlandia (Somalia) ou incluso en Nixeria, onde as tensións entre musulmáns (norte do país) e cristiáns (ao sur) poden tamén ilustrar un escenario similar ao sudanés.

Outros casos notorios nos que Sudán do Sur pode constituír unha referencia secesionista viable son o de Somalilandia, un “Estado de Feito” desde 1991, e o Sáhara Occidental, este último territorio que busca insistentemente a súa autodeterminación a través dun referendo.

Paralelamente, compre ter en conta que Sudán do Sur limitaría con países marcados por prolongadas guerras civís e crises humanitarias, como son os casos de Uganda, a República Democrática do Congo e a República Centroafricana, un factor que podería alterar o de por si complicado mapa rexional.

c.2) China e a“dobre moral” de EEUU

Outro aspecto a considerar son os intereses de potencias estranxeiras, especialmente China e EEUU. A penetración de Beijing en África ten en Sudán un aliado estratéxico clave, especialmente en materia enerxética, unha influencia contestada reiteradamente á luz da crise en Darfur. Non obstante, á vista da preponderancia petroleira de Sudán do Sur, os lazos chineses co réxime de Omar al-Bashir poderían verse seriamente alterados en favor do novo Estado. China enviou a Sudán observadores da consulta que cualificaron de “pacífica e ordenada”, ofrecendo o seu respaldo aos resultados.

A implicación estadounidense en Sudán manifesta diversas vertentes: dunha banda, unha porción considerable da opinión pública estadounidense denuncia constantemente o xenocidio cometido polo réxime de al-Bashir en Darfur e a súa presunta anuencia con grupos islamitas radicais e núcleos terroristas no Corno de África, que afectarían os intereses estadounidenses nesa rexión, especialmente de cara a Oriente Próximo e o Océano Índico.

Deste modo, diversos lobbies premen en Washington para que o goberno estadounidense recoñeza a secesión de Sudán do Sur. Non se debe esquecer que EEUU, xunto a Gran Bretaña e Noruega, son garantes dos Acordos de Paz de 2005.

Paralelamente, Washington tamén recea da implicación chinesa en Sudán do Sur, especialmente en materia enerxética, razón pola que non vería con malos ollos a creación dun “Estado-tapón” que afiance diversos intereses xeopolíticos para EEUU. Unha perspectiva moi similar á anteriormente existente no caso de Cosova nos Balcáns, onde Washington propiciou o recoñecemento para favorecer os seus intereses en rexións de alto valor estratéxico.

Non obstante, esta visión confirmaría a escasa uniformidade de criterios dentro da comunidade internacional e en potencias como EEUU, á hora de afrontar casos de secesión territorial. Os exemplos favorables por parte de Washington ao recoñecer as secesións e independencias de Cosova ou Sudán do Sur contrastan notoriamente coa súa visión contraria a recoñecer outros casos similares, como Sáhara Occidental ou Palestina, escenarios determinados pola “realpolitik” de Washington a favor dos seus intereses con aliados estratéxicos como Marrocos ou Israel.
            
c.3) Israel, un actor inédito

Un caso particularmente relevante (e igualmente contraditorio) dentro do eventual recoñecemento de Sudán do Sur o constitúe Israel. O primeiro ministro Benjamín Netanyahu iniciou recentemente contactos cos representantes de Sudán do Sur para a posible apertura de relacións diplomáticas, así como a activación de negocios relativos á construción de proxectos inmobiliarios e de hoteis de luxo. Igualmente, estúdase a apertura dunha ruta aérea entre a capital israelí Tel Aviv, a capital de Sudán do Sur, Juba, e a capital de Quenia, Nairobi, xestionada pola liña aérea israelí El Al.

A implicación israelí no Sur de Sudán ten longa data xa que, durante as décadas de 1960 e 1970, Tel Aviv proveu de armamentos e loxística á anteriormente existente milicia secesionista sudanesa Anyanya, unha das antecesoras do actual MPLS. No contexto actual de posible secesión de Sudán do Sur, o lobby israelí en EEUU premeu insistentemente o goberno de Barack Obama para que defendera a lexitimidade deste referendo secesionista. Nos últimos anos, milleiros de sudaneses desta rexión recibiron o status de refuxiados políticos en Israel.

Igualmente, Tel Aviv segue con interese a instrución da Corte Penal Internacional (CPI) contra o presidente sudanés Omar al Bashir polo xenocidio en Darfur (2002-2005). Ao mesmo tempo, Israel intensifica o illamento internacional do réxime sudanés a quen acusa de apoiar e albergar células terroristas islamitas. Polo tanto, non se descarta que, a curto prazo, Israel e Sudán do Sur establezan relacións diplomáticas, políticas, comerciais e ata militares, intensificando a contraditoria visión dos “Estados-tapón”, manifestada por Washington.

c.4) A ONU e a Unión Africana

Finalmente, compre salientar a influencia da ONU no eventual Estado de Sudán do Sur, principalmente a través da Misión das Nacións Unidas en Sudán (UNMIS, polas siglas en inglés) con 10.000 efectivos desde 2005. Esta misión está completada con outra da ONU e da Unión Africana, conformada por 20.000 integrantes, apostados na rexión de Darfur e no Sur de Sudán desde 2007.

A grandes trazos, a ONU validaría unha secesión pacífica aceptada por Khartum, circunstancia que podería influír na situación de illamento internacional do réxime sudanés ante as denuncias tramitadas ante a Corte Penal Internacional. Non obstante, diversas fontes na propia ONU recean sobre unha posible reactivación da violencia en Sudán, procreando un “Estado fracasado” que dificulte a misión de paz da ONU.

A ONU acusa a mesma falta de criterios e coherencia ante os casos de secesión territorial. Resulta así contraditorio que a ONU aprobe o referendo de secesión de Sudán do Sur mentres elude premer a Marrocos para instar a realización do plebiscito no Sáhara Occidental. Unha contradición agrandada polo silencio ante a recente represión marroquí nos campamentos de refuxiados saharauís en El Aaiún.

Pola súa banda, a Unión Africana (UA), creada en 2001, atópase ante un importante reto político no caso da eventual creación de Sudán do Sur. A razón principal debese á cláusula principal deste organismo, que rexeita as secesións territoriais nos actuais Estados africanos. O último caso factible de secesión territorial en África foi o de Eritrea con respecto a Etiopía, en 1993, anos antes da creación da UA.

Non obstante, a UA deberá ponderar con maior equilibrio e coherencia, o impacto que supón unha secesión territorial baseada nun proceso electoral democrático e, ata agora, pacífico. Así, a UA deberá acometer a curto prazo os novos escenarios que se presentan cun Sudán do Sur independente, especialmente nunha conxuntura marcada pola posible reactivación da guerra civil en Côte d´Ivôire, trala crise política suscitada polos resultados das eleccións presidenciais de decembro pasado.

Tralo probable resultado afirmativo do referendo, Sudán entrará nun período de transición de seis meses no que as autoridades do norte e do sur negociarán asuntos moi delicados, como a demarcación de fronterias, o estatus da rexión de Abyei, rica en petróleo, e a distribución das débedas estatais e os ingresos derivados do petróleo.

IGADI, 13 de xaneiro de 2011