images publicacions IgadiPaper133

IgadiPaper nº133

O futuro da Unión Euroasiática trala crise de Crimea

(6/2014)

O futuro da Unión Euroasiática trala crise de Crimea

images publicacions IgadiPaper133a) Introdución

A crise en Ucraína e a posterior anexión rusa de Crimea, lexitimada a través dun referendo, confirman as credenciais de Moscova á hora de trazar as súas esferas de influencia dentro do espazo euroasiático, particularmente ante a pretensión xeopolítica de EUA, Europa e a OTAN de restarlle capacidade de manobra neste espazo estratéxico.

Ao mesmo tempo, este contexto consolida a percepción dunha Rusia consciente da súa potencialidade internacional, dedididamente disposta a participar no deseño dunha xeopolítica global visiblemente de carácter “tripolar”. Esta perspectiva cobra particular incidencia ante a diminución da presenza militar e xeopolítica de Washington (principalmente en Asia Central e Oriente Medio) e ante o inevitable ascenso global de China, con particular intensidade na contorna centroasiática e de Asia-Pacífico. 

No entanto, este “retorno” ruso, posibilitado pola audaz reacción do seu presidente Vladimir Putin á hora de actuar con decisión e capacidade de influencia en focos importantes para a seguridade internacional (guerra en Siria, programa nuclear iraniano, crise de Crimea), supón ao mesmo tempo unha delimitación das prioridades de actuación dentro da súa periferia euroasiática a cal, inevitablemente, influirá no seu proxecto de Unión Económica Euroasiática previsto para 2015. 

É de esperar que a resolución rusa da situación en Crimea persuada a Moscova a acelerar un proxecto de ampla significación estratéxica, principalmente nos campos económico, enerxético e xeopolítico. Pero o desafío para  Putin e Rusia non se remite unicamente á definición de prioridades estratéxicas ou o labor de “sedución” doutros países euroasiáticos para ingresar neste proxecto, senón na inevitable reacción occidental (vía OTAN, EUA e UE) así como a xestión dos intereses manifestados por outros actores emerxentes nese espazo, principalmente China e, en menor medida, Turquía.

b) A xeopolítica de Putin e da UEE

A crise de Ucraína e a anexión rusa de Crimea parecen convencer ao presidente ruso Vladimir Putin da necesidade de apostar por medidas efectivas e de urxencia xeopolítica,  orientadas a frear unha evidente estratexia de intromisión occidental, vía EUA, OTAN e Europa, no seu estratéxico espazo periférico en Eurasia. No centro de atención está o futuro da Unión Económica Euroasiática (UEE), o proxecto que en clave estratéxica impulsa o Kremlin  para asegurar as súas esferas de influencia nesta contorna estratéxica.

Os acontecementos parecer apoiar  esta perspectiva. A anexión de Crimea, lexitimada por un referendo popular avalado por Moscova e os cidadáns e as autoridades de Crimea pero sen recoñecemento internacional, evidenciou a reacción do Kremlin ante a radicalización dos acontecementos en Ucraína, alentados coa plausible intromisión de EUA e da UE, da orientación pro-occidental de feito das novas autoridades en Kiev e do ascenso do nacionalismo radical ucraíno, cos previsibles riscos para a poboación étnica e lingüisticamente de orixe rusa en Ucraína, estimada aproximadamente nun 40% da poboación, e principalmente asentada nas rexións do Leste e Sueste ucraíno. 

Esta dobre perspectiva, a de observar un avance occidental no espazo euroasiático trala deposición do ex presidente Viktor Yanúkovich en Kiev e, particularmente, a necesidade de protexer os seus intereses estratéxicos así como a integridade das comunidades de orixe rusa, foron as variables que levaron a Putin a postular unha especie de “cordón sanitario” en Eurasia. Con todo, o contexto actual pon de manifesto a máis aguda crise nas relacións entre  Rusia, Europa e EUA desde a caída da ex URSS.

Todo iso gravita con intensidade na nova xeopolítica de Putin en Eurasia e, en particular, no futuro da UEE trala caída de Ucraína como peza chave deste dominó  estratéxico. A intensidade do pulso entre Moscova e Occidente cobra así maior calibre ante o feito de que, trala anexión rusa de Crimea, EUA e Europa reaccionaron de inmediato instando ás novas autoridades de Kiev a adoptar o Acordo de Asociación que o ex presidente Yanúkovich se negara a asinar en novembro pasado, e que actuou como detonante da crise actual.

Para Putin, a perda de influencia en Kiev aliviouse coa súa inmediata reacción en Crimea, unha reacción subestimada por Occidente. Por iso, resulta altamente probable que, tralas eleccións lexislativas en Ucraína previstas para maio próximo, a Unión Europea e incluso a OTAN (organismo claramente revitalizado trala crise de Crimea) aceleren os mecanismos de aproximación de Kiev en ambas as dúas organizacións. 

A eventual materialización dunha orientación “atlantista” de Ucraína en plenas fronteiras rusas, proceso anteriormente iniciado coa admisión das repúblicas bálticas á OTAN e a UE entre 1997 e 2004, moi probablemente acelerará os plans euroasiáticos de Putin. Neste sentido, Rusia espera fortalecerse como unha especie de “alma mater” das diversas repúblicas ex soviéticas, as cales igualmente atópanse divididas e atomizadas pola recente crise de Ucraína e a inmediata anexión rusa de Crimea.

A intensidade dos pulsos xeopolíticos entre Rusia e Occidente calibrarase, igualmente, no contexto dos organismos internacionais. Mentres se delimitan as esferas de influencia no espazo euroasiático, EUA, Europa e a OTAN alentarán sancións e o illamento internacional de Moscova, incluso suspendendo a participación de Rusia do G-8 (recobrando así a orixe do G-7), tal e como se observou recentemente coa petición británica de cancelar o cumio previsto para xuño próximo na localidade rusa de Sochi.

Paralelamente, a presión occidental podería igualmente concretarse na conceptualización de Rusia como unha “ameaza” para a seguridade internacional, perspectiva que se intensifica ante as advertencias realizadas pola OTAN (con escaso fundamento) dunha eventual intervención rusa en repúblicas de feito como Transnistria, Osetia do Sur e Abxasia, incluso intuíndo a presunta anexión das mesmas seguindo o exemplo de Crimea. Neste sentido, a anexión de Crimea pode igualmente afectar á resolución de crises como a de Nagorno Karabaj([1])  entre Armenia e Acerbaixán, na que Moscova é un actor imprescindible como mediador.

c) Crimea define a “nova” Eurasia

Por iso, a pretendida Unión Económica Euroasiática que Putin esperaba lanzar a partir de 2015 pode sufrir modificacións considerables trala crise ucraína e a anexión de Crimea. Neste sentido, Putin abordará unha nova estratexia de integración rexional dentro da periferia rusa ex soviética que, igualmente, implique reconsiderar a preeminencia de organismos escasamente operativos, como é o caso da Comunidade de Estados Independentes (CEI), creada por Rusia, Ucraína e Bielorrusia en decembro de 1991 no momento da desintegración da ex URSS.

Tras obter o “visto e prace” de Bielorrusia, Kazajstán, Armenia e Kirguizistán, o Kremlin acelerará toda serie de mecanismos  para tentar atraer ao resto de países euroasiáticos a unirse a este proxecto de integración, tendo igualmente en conta que algúns deles tradicionalmente mostraron unha maior inclinación pro-occidental, como son os casos de Xeorxia, Acerbaixán, Turkmenistán e Uzbekistán, complicando así os intereses rexionais rusos.

Un aspecto relevante nese sentido é o factor enerxético, á vista dos numerosos oleodutos e gasodutos que dende  o Mar Caspio transitan cara Europa, pasando polo conflitivo Cáucaso, o territorio ruso e o Mar Negro, con epicentro en Crimea e o Leste ucraíno. Neste sentido, Putin quere converter a Rusia no eixe integrador clave dunha diversidade de redes de abastecemento enerxético que se pode converter, a curto e medio prazo, no verdadeiro factor xeopolítico de poder no espazo euroasiático. 

Non obstante, este escenario presenta diversos claroscuros. Algúns réximes autocráticos centroasiáticos, como Uzbekistán, Kazajstán e Turkmenistán, poden sentirse persuadidos a unirse ao proxecto euroasiático de Putin, temerosos de ver reproducidos nos seus países unha contestación cidadá “á ucraína” (coloquialmente denominada o “efecto Euromaidán”) que ao mesmo tempo conleve unha evidente intromisión occidental nestes países. Este escenario xa ocorreu en 2005, coa caída do presidente kirguizo Askar Akayev

images publicacions IgadiPaper133 mapa

Este mapa ofrece unha perspectiva do espazo euroasiático trala anexión rusa de Crimea, en función do proxecto da Unión Económica Euroasiática (UEE). En  liña vermella atopamos aos países que xa aceptaron formar parte da UEE (Rusia, Bielorrusia, Armenia, Kazajstán), ao que se une a península de Crimea. En cor azul está Ucraína como peza chave da estratexia de EUA, Europa e a OTAN de contención a Rusia. En liña verde están os países proclives a formar parte da UEE ou ben que gravitarán en torno á estratexia rusa (Xeorxia, Acerbaixán, Turkmenistán, Uzbekistán, Kirguizistán, Tadxikistán). Finalmente, en cor morado, atópase a área de influencia rusa no Leste de Ucraína (rexións de Donetsk, Dnepropetrovsk)

Outros países centroasiáticos, como Taxikistán, amósanse igualmente preocupados de “irritar” a Moscova, á vista da presenza de 7.000 soldados rusos no seu territorio, desprazados alí con motivo das operacións de seguridade na veciña Afganistán e para evitar o fortalecemento do islamismo político en Asia Central. Moscova está convencido de posuír resortes estratéxicos para intervir nestes países cada vez que os seus intereses vense afectados, como sucedeu en 2010 coa caída do entón presidente kirguizo Kurmanbek Bakiyev, tras autorizar este a Washington a apertura dunha base militar no seu territorio([2]).

Non se debe esquecer que,  dende o Báltico ata Asia Central, conviven numerosas poboacións de orixe rusa, así como tamén existe unha notable inmigración caucásica e centroasiática en Rusia, estimada en máis de once millóns de persoas. Por tanto,  ambas variables apréstanse como factores estratéxicos para Moscova á hora de persuadir e, eventualmente premer e intervir nalgúns países centroasiáticos, argumentando o interese lexítimo en protexer aos seus compatriotas rusos.

d) O mundo tripolar

O que resulta perceptible é que a crise en Ucraína convenceu a Putin de actuar con decisión e rapidez en escenarios onde se vexan afectados os seus intereses. Coñece con exactitude que a administración de Barack Obama está en retirada, non só militar (Afganistán e Iraq) senón pola crise económica, a contorna política interna (eleccións ao Congreso e Senado de novembro próximo; presidenciais de 2016) e as prioridades xeopolíticas, as cales céntranse basicamente na contención de China e a remodelación de alianzas en Asia-Pacífico, considerado este como o futuro centro de poder que desprace o ata agora hexemónico foco “atlantista”. 

Neste sentido, Putin observa igualmente con atención a estratexia da Asociación Transpacífica impulsada por Obama a finais de 2011 e que, no concerto hemisférico occidental, alcanza á Alianza do Pacífico acordada en 2012 entre  México, Perú, Colombia e Chile, e ampliada cara diversos países europeos e asiáticos, tales como Xapón, Australia ou España, entre outros.

Persuadido desta realidade, Putin tenta remodelar os intereses globais do Kremlin. A pax rusa en Siria de setembro pasado serviulle a Moscova para conter unha eventual intervención unilateral de Obama no país árabe, fortalecer a un aliado como o réxime sirio de Bashar al Asad e definir áreas de influencia en Oriente Medio.

Precisamente, en Oriente Medio así como no espazo euroasiático e de Asia Central, Putin parece estar explorando unha alianza estratéxica con Turquía, país membro da OTAN, nunha ecuación na que recentemente ingresou de xeito tanxencial China, a través de acordos de cooperación militar con Turquía, (defensa antimísiles) que provocaron friccións  entre a OTAN e Ankara. Todo isto sen menoscabar o reforzamento das relacións de Rusia con China, así como as súas estratéxicas alianzas económicas e militares con  Irán e India, que lle permite a Moscova trazar unha xeopolítica de alcance global.

No plano hemisférico occidental, mentres a crise de Ucraína se decantaba pola anexión rusa de Crimea, o Kremlin fortaleceu os lazos de cooperación militar con Venezuela, Nicaragua e Cuba, convencido da necesidade de “xogar” as súas cartas xeopolíticas na propia periferia estadounidense, revertendo así a estratexia que Washington igualmente aplicou na periferia euroasiática rusa desde a desintegración da URSS.

Ao mesmo tempo, a fortaleza enerxética rusa, sumada á dependencia europea e dalgúns países euroasiáticos cara o subministro ruso, son variables que lle permiten a Putin xogar con forza no taboleiro internacional, fortalecendo ao mesmo tempo a nova nomenklatura no poder no Kremlin. Precisamente, este factor supón un efecto colateral sumamente importante nas actualmente tensas relacións entre Rusia e a UE e, particularmente, entre Moscova e Berlín, con unha dependencia enerxética de Rusia que corre paralela aos proxectos conxuntos de distribución de gasodutos e oleodutos dende o Mar Caspio, en particular no caso do gasoduto Nord Stream.

A desintegración da URSS e o posterior período de submisión de Rusia aos intereses occidentais, implicou unha dura lección para Putin e unha sociedade desencantada coas infrutuosas promesas occidentais. Por tanto, a recuperación do orgullo ruso e da súa condición de potencia global persuade a Putin a competir en igualdade de condicións con EUA, cunha hexemonía en retirada, e unha China emerxente pero igualmente sumida en dilemas e contradicións. 

IGADI. 30 de marzo de 2014.


([1]) Sobre a influencia colateral que a anexión de Crimea pode ter en crises non resoltas como o estatuto de Nagorno Karabaj, consultar os artigos: “Azerbaijan Divided over Crimea´s Implications for Karabakh Peace”, Eurasianet, 20 de marzo de 2014. Ver en: http://www.eurasianet.org/node/68172;  e “Armenia:  Karabakh Peace Seen as More Elusive after Crimea Annexation”, Eurasianet, 20 de marzo de 2014. Ver en: http://www.eurasianet.org/node/68171. No caso de Abxasia e Osetia do Sur, consultar o artigo de Valeriy Dzutsev, “The Crimean Crisis and Georgia´s Breakway Territories”, Central Asia-Caucasus Analyst, 19 de marzo de 2014, pp. 6-8. Ver en: http://www.cacianalyst.org/resources/pdf/issues/20140319analyst.pdf

([2]) “¿Sobrevivirá la Unión Euroasiática?”, Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 883, 24 de marzo de 2014, pp. 5-6. Unha oportuna análise sobre as reaccións que tomaron os gobernos de Asia Central trala crise ucraína e a anexión de Crimea pode consultarse no artigo de Slavomír Horák, “Russia´s Intervention in Ukraine Reverberates in Central Asia”, Central Asia-Caucasus Analyst, 19 de marzo de 2014, pp. 9-12. Ver en: http://www.cacianalyst.org/resources/pdf/issues/20140319analyst.pdf