IgadiPaper nº145 - A crise de Hong Kong

IgadiPaper nº145

A crise de Hong Kong 

(18/2014)

A crise de Hong Kong 

a) Introdución

IgadiPaper nº145 - A crise de Hong Kong

Nas últimas semanas, miles de persoas protestaron en Hong Kong contra a proposta de Beijing para introducir o sufraxio universal nas eleccións ao Xefe Executivo desta Rexión Administrativa Especial (RAE), na que, paradoxalmente, poderiamos cualificar como a forma máis avanzada de democracia na China.

A esencia da proposta adiantada polo goberno central e aprobada pola Asemblea Popular Nacional é a seguinte: Primeiro, non haberá modificacións no sistema de elección do Consello Lexislativo, o parlamento de Hong Kong (os próximos comicios serán en 2016). A última reforma levouse a cabo en 2011 para ampliar a 70 o número dos seus integrantes (entón 60) dos cales a metade distribúense con criterio xeográfico sendo elixidos mediante sufraxio directo mentres que os 35 restantes corresponden a colectivos socio-profesionais na súa maioría promovidos polos grupos de interese próximos tanto á oligarquía local como ao poder central. Segundo, na elección do Xefe Executivo da RAE de Hong Kong a celebrar en 2017 introdúcese a aplicación formal do sufraxio universal directo aínda que establecéndose un control previo na designación dos candidatos (que serán un máximo de dous ou tres), elixidos por un comité de nominación co apoio mínimo do 50 por cento dos seus integrantes. É esta restrición, que priva de espontaneidade democrática ao proceso, o que provocou a reacción inmediata do movemento estudantil e democrático.

Para que a proposta deseñada por Beijing salga adiante debe ser referendada polos 2/3 do Consello Lexislativo, non dispoñendo a priori da maioría suficiente ao controlar 43 dos 70 escanos. De non aprobarse, manteríase o sistema de elección vixente, é dicir, por un comité de 1.200 membros que a día de hoxe triplica a súa composición inicial (eran 400 en 1997). A elección por sufraxio universal do Xefe Executivo en 2017 e do Consello Lexislativo en 2020 foi aceptada pola Asemblea Popular Nacional en 2007.

b) Antecedentes

A tensión política actual habería que remontala a xaneiro de 2013 cando se pon en marcha o movemento de desobediencia civil “Occupy Central” que con iniciativas e unha audiencia variables logrou motivar a unha parte significativa da sociedade local para esixir o pleno desenvolvemento das previsións recollidas na Lei Básica de Hong Kong que contempla a introdución do sufraxio universal para as eleccións do Xefe Executivo e do Consello Lexislativo.

A oposición, unida nas súas demandas aínda que non sempre coincidente en canto aos modos de acción, acusa ao goberno central de querer introducir unha democracia restrinxida asegurando o seu control dos candidatos e encapsulando a vitalidade das liberdades políticas básicas. A maiores, a decisión de Beijing interprétase como unha desnaturalización da autonomía prometida no seu día á rexión. Chegado o caso, cabe esperar que os seus 27 deputados no Consello Lexislativo non secunden a proposta, o cal conduce directamente ao bloqueo da reforma a salvo dunha negociación difícil polas limitadas marxes que establece a proposta sometida a debate.

O goberno central argumenta, pola súa banda, que a súa oferta adáptase ás previsións recollidas no segundo párrafo do artigo 45 da Lei Básica e que a esixencia aos candidatos de adhesión patriótica a China e ao PCCh non só non ten nada de ofensivo senón que garante a estabilidade e a reputación de Hong Kong como centro de negocios e financeiro de escala global.

A actual crise é, sen dúbida, o asunto político máis importante en Hong Kong desde a retrocesión en 1997. O PCCh non só se xoga a súa credibilidade senón tamén a súa capacidade para alcanzar compromisos políticos que eviten a confrontación, aseguren o dinamismo da RAE e preserven o atractivo da fórmula “un país dous sistemas” para o gran escenario pendente da reunificación (Taiwan).

Cabe sinalar que gran parte da responsabilidade de canto acontece non cabe atribuíla en exclusiva a China. En 1984, Margaret Thatcher e Zhao Ziyang subscribiron os termos da retrocesión de Hong Kong a China. A partir de 1997, o PCCh transformou Hong Kong nunha Rexión Administrativa Especial dotada dun alto nivel de autonomía e coa garantía do mantemento ata 2047 do sistema económico, a independencia da xustiza, os dereitos políticos e sociais, moi especialmente, a liberdade de expresión e o dereito de manifestación.

Pero nos 156 anos de dominio colonial británico, Hong Kong nunca coñeceu a democracia. Só tardía e oportunistamente, nos anos previos á retrocesión, o entón gobernador Chris Patten modificou o sistema electoral (1994) para dar máis peso ao voto popular na xestión do territorio. Pero o goberno da colonia asegurábase, como sempre, a través dunha tripla estrutura nada democrática. O lexislativo non era elixido, senón nomeado polo Gobernador, quen tamén designaba o aparello xudicial, aínda que salientando a súa independencia para garantir a confianza dos medios empresariais. En canto ao Executivo axuntaba as influencias das sociedades industriais e comerciais locais.

Le Teng-hui, en Taiwan, entendeuno moi ben naquel tempo, cando apostou pola democratización plena da illa permitindo que os cidadáns elixisen directamente ao seu presidente (1996). Beijing reaccionou entón de forma airada. Iso é precisamente o que hoxe impide resolver o problema da reunificación mediante un simple acordo entre o Kuomintang e o PCCh, ratificado, como máximo, polos respectivos parlamentos.

O éxito de Hong Kong sempre se vinculou ao auxe dos seus mercados financeiros e inmobiliarios (este último habitualmente afectado pola corrupción) e unha lexislación tan liberal como rigorosa, ambos vectores complementados por unha acusada explotación laboral da poboación local, en especial dos descendentes dos inmigrantes continentais. O control dos sindicatos e da información pechaba o círculo virtuoso argumentado na incansable loita contra o comunismo. Paradoxalmente, o PCCh coidouse moito de alterar as claves estruturais provenientes do dominio colonial británico, especialmente no que se refire á conivencia co mundo dos negocios e a oligarquía, a salvo de calquera conciencia ou compromiso social ou democrático de alcance.

No contexto da crise, Beijing criticou duramente a “inxerencia exterior”, chegando a ameazar a Londres con represalias comerciais se emitía algunha declaración oficial. Outro tanto poderiamos dicir en relación a Washington. En abril, a reunión do vicepresidente Joe Biden con Anson Shan e Martin Le, dúas figuras de referencia críticas con Beijing, desataba as iras en Zhonanghai.

O goberno chinés e o PCCh conceden unha gran importancia ao dossier hongkonés. Non é probable que avale concesións substanciais nunha hipotética negociación entre as autoridades locais e os líderes da protesta. Beijing teme ao contaxio democrático e ata ben podería endurecer a súa posición non só ante as reclamacións formuladas pola oposición senón reforzando tamén o seu control sobre a disidencia política interna á vez que alenta o nacionalismo para xustificar a súa aposta por unha concepción diferente da lexitimidade política afastada dos valores occidentais da democracia e o bo goberno.

Para dita estratexia conta con importantes aliados en Hong Kong, tal e como se puido apreciar na manifestación do 17 de agosto que logrou reunir a unhas 100.000 persoas en defensa da estabilidade e prosperidade da RAE e contra “Occupy Central”. En xullo manifestáronse os partidarios dun sufraxio universal auténtico, só unhas semanas despois de que o Buró Político do PCCh dese a coñecer un Libro Branco que instituía unha visión máis conservadora da autonomía deixando entrever a súa desconfianza respecto das candidaturas non avaladas polo PCCh en base á fidelidade a China e a Hong Kong, a clave da fórmula “un país dous sistemas” que sinala os límites políticos que deben protexer dos riscos que o Partido intenta evitar.

O citado Libro Branco vén reafirmar a soberanía e a autoridade de China sobre a RAE, contextualiza a posición do goberno central en torno á cuestión do sufraxio universal e a democracia en Hong Kong e, sobre todo, advirte sobre o carácter nefasto da influencia occidental, reivindicando que o desenvolvemento político da RAE é un asunto interno chinés no cal debe primar a estabilidade.

O alto grado de autonomía non equivale a unha autonomía completa, destaca, nin é sinónimo de descentralización: o exercicio local do poder enmárcase no control do poder central e nos límites fixados por este. O libro recorda a importancia de que tanto o Xefe Executivo como os xuíces dean mostras de patriotismo, circunstancia contestada por quen abandeira a independencia fronte á introdución de criterios partidarios no exercicio do servizo público.

c) O futuro de Leung Chun-ying

O estoupido da crise ensombreceu o futuro político de Leung Chun-ying, o actual Xefe Executivo. A gravidade dos incidentes e a súa persistencia pode facer insostible a súa situación á fronte de Hong Kong se o conflito se enquista. Beijing pode aceptar a súa renuncia, mais agora que se multiplican as denuncias de corrupción contra el, aínda que dificilmente se avirá a considerar outras condicións suscitadas polos manifestantes.

O actual Xefe Executivo foi elixido o 25 de marzo de 2012 como solución de recambio á proposta inicial de Donald Tsang, quen fora elixido en 2007. Tsang foi elixido co 81% dos votos fronte ao 61% de Leung, quen se impuxo a Henry Tang, outro favorito inicial do PCCh pero caído en desgraza por un escándalo inmobiliario e unha intriga de adulterio. Leung, de orixe humilde, amasou fortuna no sector inmobiliario pero presentouse cun programa reflexo das moitas preocupacións sociais existentes na RAE tratando de atraerse o favor das clases medias e dos máis desfavorecidos. Desde o inicio do seu mandato foi visto con desconfianza polos medios de negocios e tamén polos demócratas quen lle acusan de ser moi pro-continental.

Trala retrocesión, Hong Kong viviu varias crises políticas destacables. A primeira foi en 2001, cando Anson Chan, secretaria xeral da Administración, presentou a súa dimisión en protesta polas interferencias do goberno central, denunciando especialmente o perigo que se aventuraba sobre a liberdade de expresión. A segunda crise remóntase a 2005 cando se produciu a substitución anticipada de Tung Chee Hwa á fronte da RAE tras grandes manifestacións en 2003 e 2004 contra o intento do PCCh de introducir na Lei Básica un artigo “anti-subversión” (art. 23) que limitaba o exercicio das liberdades públicas.

O nome de Leung Chun-ying podería sumarse a esa reveladora lista que evoca as dificultades de conciliar a xestión e intereses de ambos territorios nun contexto crecentemente adverso. Aínda recoñecendo que en Hong Kong existe máis liberdade que en ningunha outra parte de China e que o goberno central apoiou economicamente o presente da RAE, agrándase o foso psicolóxico e político entre Hong Kong e o continente. De facto, diversas enquisas veñen revelando un afán crecente de desenvolver unha identidade máis hongkonesa que propiamente chinesa. Os resultados publicados o 29 de abril de 2014 dunha consulta levada a cabo do 18 ao 31 de decembro de 2013 polo Hong Kong Transition Project, sinalaban a existencia dunha maioría incontestable moi sensible ás problemáticas da democracia e da identidade da RAE. Unha das cuestións máis significativas da sondaxe contrapoñía, dunha parte, a identidade cultural chinesa histórica e, doutra, a especificidade pluralista de Hong Kong. Un 31% das respostas mostraban a preferencia pola proximidade cultural coa China, mentres un 66% preferían a identidade de Hong Kong, chinesa con seguridade, pero aberta e múltiple. Cando a poboación interrogada situábase na franxa de 18-29 anos, as proporcións reflectían un 15% fronte ao 84%.

d) Impactos

Os efectos da crise no continente serán limitados non só pola censura extrema senón porque os tempos políticos son simplemente diferentes. No entanto, unha improbable vitoria do movemento cívico en Hong Kong serviría tanto para reforzar as conviccións da disidencia interna no continente como para acentuar a represión por parte das autoridades, confirmadas no seu ímpeto para redobrar os controis de todo tipo, multiplicando a loita ideolóxica. No apoxeo da crise, as redes sociais chinesas divulgaban as escenas da represión por parte da policía estadounidense dos activistas de Occupy Wall Street en Nova York…

Alén do Estreito, en Taiwan, obsérvase con preocupación a evolución actual, intentando extraer leccións para unha hipotética negociación á mantenta da reunificación co continente. As limitacións introducidas por Beijing en Hong Kong para preservar o seu control súmanse ás múltiples reservas expresadas nos últimos meses en Taiwan á propósito dos perigos dunha excesiva dependencia da China continental.
De feito, as autoridades centrais non dubidaron en acusar a Occupy Central de colusión cos independentistas taiwaneses. Recórdese que en marzo último, unha mobilización similar de estudantes, o chamado Movemento Xirasol, ocupou o Yuan lexislativo en Taipei paralizando a ratificación do acordo de comercio de servizos co continente asinado en 2013, unha peza chave máis da estratexia de reunificación rampante inspirada por Beijing.

e) As costuras do modelo territorial

Se Beijing pensa que a poboación de Hong Kong vaise a someter facilmente aos seus designios, podería cometer un grave erro de apreciación. As novas xeracións non son tan dóciles como as anteriores.

A magnitude da crise política evidencia o distanciamento de importantes sectores da sociedade hongkonesa, especialmente da mocidade, respecto das bondades da política continental. Por máis que Beijing se involucrou na estabilidade económica do antigo enclave británico, os seus instrumentos poden cativar ás elites empresariais con prebendas de diverso tipo pero nos anos transcorridos desde a retrocesión, a emerxencia dun proceso de “indixenización” fronte á avalancha que chega do continente está manifestando consecuencias políticas de maior alcance ao inicialmente previsto.

A crise demostra a incapacidade do PCCh para lidar con solvencia técnica os retos políticos inmediatos aínda contando con numerosos apoios para seducir aos electores. A ameaza de desprover a Hong Kong da súa especificidade pode privar a China dun dos fermentos esenciais da súa modernización.

En Hong Kong comprobamos de novo que China enfronta desafíos políticos e territoriais moi serios. Ao Movemento Xirasol de Taipei e esta grave crise en Hong Kong, cabe sumar a inestabilidade en Xinjiang e Tibet, con tensións agravadas, especialmente no primeiro caso, que mostran as insuficiencias dunha modernización baseada nun desenvolvemento tendente a diluír identidades profundamente arraigadas. As costuras do modelo político, incluíndo a fórmula “un país dous sistemas”, empezan a evidenciar as súas notorias limitacións fronte ás aspiracións, máis ambiciosas, dunha sociedade en plena evolución. A sorpresa pode chegar da periferia.

IGADI, 20 de outubro de 2014