images publicacions IgadiPaper99

IgadiPaper nº99

Os dilemas de Israel: atomización política e Primavera árabe

(02/2013)

Os dilemas de Israel:
atomización política e Primavera árabe

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper99

As eleccións parlamentarias israelís do pasado 22 de xaneiro amosaron un mapa político sumamente atomizado e fragmentado en Israel, un aspecto recorrente na política deste país desde 1981. Neste sentido, a axustada vitoria do actual primeiro ministro Benjamin Netanyahu, do dereitista partido Likud, implicará un inmediato reacomodo político parlamentario sensiblemente diferente ao resultante das anteriores eleccións de 2009.

O escenario político israelí 2013 indica un avance electoral de novas forzas de centroesquerda, en particular o partido Yesh Atid e o seu principal líder, Yair Lapid, o cal eríxese como o “actor bisagra” que pode definir a conformación do futuro goberno israelí. O Yesh Atid obtivo entre 18 e 19 deputados dos 120 escanos que conforman o Knesset (Parlamento), mentres que a coalición ata agora gobernante entre o Likud e a extrema dereita nacionalista de Yisrael Beitenu, alcanzaron 31 escanos conxuntamente, perdendo 11 escanos con respecto aos anteriores comicios de 2009. A atomización política israelí evidénciase ante o abano de forzas políticas que gravitará na próxima lexislatura: os partidos conservadores e de dereita (Likud, Yisrael Beitenu, Habayit Hayehudi, etc.) alcanzaron entre 61 e 62 escanos mentres que as forzas de centroesquerda e esquerda (Yesh Atid, laboristas, Hatnuah, etc.) sumaron entre 58 e 59 escanos.

Por tanto, as negociacións postelectorais anuncian a eventual conformación dunha coalición tripartita Likud-Yisrael Beitenu-Yesh Atid con Netanyahu como primeiro ministro, un escenario que implicaría importantes cambios no mapa político israelí e, principalmente, na súa política exterior ante un contexto rexional determinado polos conflitos (Palestina, Siria), os cambios políticos (Exipto, Primavera árabe) e os desafíos xeopolíticos (Irán). Todo isto sen descartar, aínda que con menor probabilidade, un eventual cambio de goberno en Tel Aviv en caso de consumarse un pacto entre laboristas, Yesh Atid e outras forzas de centroesquerda, que impulsen a Lapid como probable novo primeiro ministro.

b) Complexos equilibrios en Tel Aviv

Sen obviar que o panorama político israelí confirma un escenario de atomización e fragmentación que pode dar curso a eventuais cambios no seu sistema político, a mais que probable reelección de Benjamín Netanyahu como primeiro ministro israelí para o período 2013-2017 suxire un panorama sensiblemente diferente ao acaecido nas anteriores eleccións 2009.

Nese momento, tras a cruenta ofensiva militar israelí no territorio palestino de Gaza entre decembro 2008-xaneiro 2009, a vitoria de Netanyahu á fronte dunha coalición coa extrema dereita ultrarrelixiosa e nacionalista de Yisrael Beitenu, permitiulle ao actual primeiro ministro fraguar certa estabilidade parlamentaria nas súas decisións, basicamente centradas en evitar a conformación dun Estado palestino e, principalmente, conter a potencialidade dun Irán con capacidade nuclear.

Non obstante, catro anos despois, o escenario político israelí e rexional é drasticamente diferente. No plano interno, a coalición dereitista liderada por Netanyahu perdeu peso político ante o empuxe de novas formacións de centroesquerda (Yesh Atid). Igualmente, e a pesar de que Israel logrou sortear a crise económica mundial con notable crecemento económico (4,7% do PIB en 2011 e 3,3% no 2012), xurdiu un inédito movemento cívico contestatario contra o sistema político e as desigualdades socioeconómicas.

No plano exterior, os cambios foron mais significativos. A Autoridade Nacional Palestina (ANP) logrou ser recoñecida en 2012 como “Estado observador non membro” na ONU. Irán avanzou con forza no seu programa nuclear de xeito que os servizos secretos israelís estiman que Teherán ten xa acadado un 80% do mesmo. E, finalmente, a Primavera árabe que espallou na rexión a partir de 2011, coa caída de réximes rexionais (Tunisia, Exipto, Iemen, Libia) e con guerras civís (Siria), modificou sensiblemente o panorama político rexional.

Con desigual incidencia, todos estes factores gravitaron con especial atención no electorado israelí de cara aos comicios parlamentarios do pasado 22 de xaneiro, cunha elevada participación electoral superior ao 66% do censo. Aínda así, moi probablemente, o factor de esgotamento do sistema político israelí, sumamente atomizado e fragmentado, xunto co agravamento das desigualdades socioeconómicas (e dun lixeiro aumento da pobreza social), exerceron unha influencia política maior no electorado que, polo contrario, a cuestión palestina ou o programa nuclear iraniano, tal e como esperaban Netanyahu e os seus aliados ultranacionalistas e relixiosos.

É igualmente salientable rexistrar unha sensación de cambios no péndulo político israelí que, eventualmente, implicarían un amplo debate político sobre a súa identidade nacional e a súa posición rexional. A marcada fragmentación dunha esquerda xa non monopolizada polos laboristas evoluciona en paralelo coa inesperada perda de peso dos partidos relixiosos ultraortodoxos, observados con desconfianza por un amplo sector da sociedade israelí.

Se ben os partidos ultranacionalistas seguen afianzándose no panorama político local, é apreciable o ascenso de movementos e partidos de carácter centrista, os cales poden reflectir un cambio de prioridades na sociedade, mais orientada cara reformas progresistas, e cunha posición política que pode resultar clave para a conformación de futuros gobernos.

c) Palestina e Irán

Matizando ata qué punto resulta certo que o panorama postelectoral en Israel estaría propulsando a posibilidade de cambios e reformas no seu sistema político, o novo escenario traerá consecuencias importantes para a política exterior israelí ante os cambios que actualmente transforman a Oriente Próximo.

Un aspecto clave aínda que periférico nas pasadas eleccións será a cuestión palestina. O “retorno” palestino á ONU baixo o estatus de “Estado observador non membro” é un factor que exerce unha forte presión cara Tel Aviv, dado que están practicamente paralizados os canais de negociación coa Autoridade Palestina. Ao mesmo tempo, o goberno israelí persiste en evitar recoñecer ao partido islamita palestino Hamas como un interlocutor político válido, un aspecto que resultará practicamente inevitable a medio ou longo prazo, observando a hexemonía de facto que mantén Hamas en Gaza e o aumento da súa popularidade en Cisxordania.

Neste sentido, Israel segue a avaliar a ecuación xeopolítica rexional en termos de seguridade nacional e de potencialidade militar. Así, e aínda que sorprendentemente constituíu un aspecto marxinal nas pasadas eleccións parlamentarias, a preocupación principal para Israel segue a centrarse nun Irán con capacidade nuclear. Ao mesmo tempo, Tel Aviv insiste na necesidade de conter ou acabar coa eventual implicación iraniana en escenarios como Palestina, Líbano e Siria, a través dos movementos islamitas Hamas e Hizbulá e da alianza de Teherán co réxime sirio de Bashar al Asad, azoutado desde comezos de 2011 na guerra civil interna contra insurxentes apoiados dende o exterior.

Por tanto, o próximo goberno israelí moi probablemente sentirá a presión do seu estamento militar e doutras forzas ultradereitistas, no cometido de efectuar un eventual ataque “preventivo” unilateral contra as instalacións nucleares iranianas, tomando como referencia aquel realizado en 1981 contra as instalacións químicas e nucleares do extinto réxime de Saddam Hussein en Iraq. Non se debe esquecer que Irán celebrará en xuño próximo unhas eleccións presidenciais que, visiblemente, non semellan anunciar cambios políticos alén do final do ciclo presidencial de Mahmud Ahmadíneyad, iniciado en 2005. Israel observa con atención estes comicios ante a posibilidade de reprodución das mobilizacións e protestas contra o réxime teocrático iraniano, tal e como ocorreron en 2009.

Outro aspecto clave será comprobar se Israel tomará esta decisión unilateralmente, con ou sen apoio do seu aliado estratéxico EUA ou incluso da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA). No seu segundo período presidencial na Casa Branca, Barack Obama recibirá igualmente presións por parte do lobby israelí en Washington e dun Partido Republicano maioritario no Congreso e proclive á “man dura” contra Teherán. Sen ben é palpable a escasa sintonía política entre Netanyahu e Obama, Israel pode verse “obrigada” a tomar accións unilaterais contra Teherán, igualmente tendo en conta que as prioridades estratéxicas estadounidenses semellan estar mais ben orientadas cara Asia-Pacífico e China que cara Oriente Próximo.

d) Siria, Exipto e a Primavera árabe

Fóra do contexto iraniano, o próximo goberno israelí, moi probablemente liderado por Netanyahu e unha coalición tripartita de dereita e centroesquerda, deberá encarar a intensificación da inestabilidade siria e as súas implicacións periféricas, principalmente no Líbano, país que celebrará eleccións parlamentarias en xuño próximo.

A pesar de apoiar aos insurxentes sirios contra o réxime de Bashar, a eventual caída deste traduciría inesperados acontecementos para Israel, en particular no caso de que os movementos islamitas sirios mais radicais asuman posicións de poder en Damasco que afecten aos intereses israelís. Pola contra, o mantemento do réxime de Bashar, aínda sen el á fronte, preservaría o status quo vixente, non necesariamente pernicioso para Tel Aviv.

O tránsito da Primavera árabe e a eventualidade dun reacomodo xeopolítico en Oriente Próximo igualmente coloca a Israel ante serios dilemas estratéxicos, en particular no caso exipcio, tendo en conta o pulso político entre o goberno islamita de Mohammed Morsi e da Irmandade Musulmá, a presión do estamento militar e dos grupos de poder do Ancièn Règime de Mubarak, e a mobilización de novos actores políticos que demandan o recoñecemento do seu peso. Xunto con Xordania (país que celebrou eleccións parlamentarias o pasado 23 de xaneiro, con forte invocación do boicot por parte da rama xordana da Irmandade Musulmá) e sen esquecer á Autoridade Nacional Palestina, Exipto é o único país árabe que recoñece oficialmente a Israel, albergando un liderado histórico dentro do mundo árabe.

Por tanto, Exipto eríxese como un actor clave para a xeopolítica israelí. Neste sentido, o inicial (e aparentemente frustrado) achegamento entre Morsi e a Irmandade Musulmá cara Irán supón unha preocupación constante para Tel Aviv, en particular por compartir fronteiras con Exipto a través da Península do Sinaí. Precisamente, neste territorio próximo a Gaza, comezan a medrar grupos islamitas “yihadistas” que poden facer causa común co palestino Hamas para incomodar a Israel. Aínda que non se debe descartar que o pulso político exipcio obrigue á Irmandade Musulmá a adoptar posicións mais moderadas cara Israel.

Igualmente, Israel deberá observar con maior atención en qué medida actores emerxentes no contexto rexional, como son os casos de Turquía e Qatar, terán unha influencia real en escenarios estratéxicos (Siria, Exipto, Palestina, Irán) nos que poidan compaxinar ou incluso afectar substancialmente os intereses xeopolíticos israelís.

Pero a inestabilidade en Oriente Próximo indica que Israel seguirá outorgando prioridade aos aspectos da seguridade nacional por riba da diplomacia. Un cálculo igualmente reproducible no clima político interno á hora de postergar unha axenda social de reformas que se albisca inevitable. Resta saber se, a medio prazo, a Primavera árabe influiría nunha hipotética Primavera israelí.

IGADI. 24 de xaneiro de 2013