IgadiPaper nº161 - Europa ante a crise de refuxiados sirios

IgadiPaper nº161

Europa ante a crise de refuxiados sirios

(13/2015)

Europa ante a crise de refuxiados sirios

a) Introdución
IgadiPaper nº161 - Europa ante a crise de refuxiados sirios

Considerada a peor crise humanitaria da posguerra en Europa, sen infravalorar por iso o impacto das guerras balcánicas da década de 1990, a masiva afluencia de   milleiros de refuxiados que foxen da guerra civil que azouta a Siria desde 2011, así como doutros conflitos próximos (Afganistán, Iraq, Libia) nos que Occidente ten unha elevada responsabilidade, repercute nun problema social e de cohesión das políticas de integración no seo da Unión Europea, supoñendo un paso atrás no cumprimento dos tratados internacionais de defensa dos dereitos humanos, da tramitación das peticións de asilo e das políticas de acollida, obstaculizadas por un polémico reparto de cotas de refuxiados e pola intransixencia e dureza de determinados gobernos (Hungría, Eslovaquia, Dinamarca, Austria) á hora de pechar fronteiras e permitir o paso dos refuxiados.

A indiferenza e indolencia europea ante a crise dos refuxiados sirios, visiblemente diferente da solidariedade establecida tralos atentados terroristas contra o semanario francés Charlie Hebdo ocorridos en xaneiro pasado, intensifica aínda máis a dimensión dunha problemática obstaculizada pola incapacidade política e institucional da Unión Europea para cumprir cos compromisos legais adquiridos en materia de dereitos humanos. Incluso, a intempestiva decisión francesa, a través do seu presidente François Hollande, de impulsar voos de recoñecemento con drons para atacar posicións do Estado Islámico en Siria, revela unha actitude reactiva con claros visos de exculpación moral e escaseza de visión integral do problema.

A crueza das estatísticas do conflito sirio obriga a repensar unha estratexia internacional claramente fracasada e incompleta para solucionar un conflito estratéxico para os intereses de diversos actores. Segundo as cifras do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), máis de once millóns de sirios son considerados refuxiados deste conflito, estimándose en máis de catro millóns os refuxiados en países veciños (Turquía, Líbano, Xordania e Iraq, principalmente) e case sete millóns de desprazados internos([1]). Desde que comezara o conflito en marzo de 2011, estímase en máis de 250.000 as mortes causadas polos enfrontamentos.

Paralelamente, os gobernos de diversos países de Oriente Próximo igualmente vense contrariados e criticados pola súa actitude cara os refuxiados sirios. Turquía, con máis de dous millóns de refuxiados e desprazados sirios, comeza a endurecer a súa política de acollida, e as condicións dos refuxiados empeoran tanto nos campamentos de acollida como nas cidades turcas. O mesmo tratamento obsérvase no Líbano, onde o fustigamento dos refuxiados comeza a medrar.

Por outra banda, Israel, Arabia Saudita, Qatar, Emiratos Árabes Unidos, Kuwait e Bahrein amosaron publicamente a súa negativa a acoller refuxiados, baixo pretextos de alteración do equilibrio demográfico, étnico e comunitario, e da presunta infiltración de elementos integristas. Mentres, se Washington semella decidido a afrontar unha segunda fase militar contra o Estado Islámico prevista no plan de Siria presentado polo presidente Barack Obama (novembro de 2014), Rusia e Irán, principais aliados externos do réxime sirio de Bashar al Asad, tentan impulsar iniciativas de solución do conflito, tan incertas como controvertidas, en particular ante a eventualidade dunha maior asistencia militar rusa ao Exército sirio.

b) Siria: punto de non retorno

Orixinalmente relacionado coas ansias de cambio político impulsadas no Magreb e Oriente Próximo a carón da Primavera árabe, o conflito sirio iniciado en marzo de 2011 foise progresivamente decatando cara unha guerra civil interna con ampla capacidade de impacto rexional. En perspectiva, e comparado co golpe militar exipcio (2013) e a reactivación da represión en diversos países da rexión, a persistencia do conflito sirio confirma o estado de progresiva degradación dos ideais establecidos na denominada Primavera árabe.

Entre as características propias do conflito sirio pódense identificar as rivalidades e enfrontamentos derivados da preponderante composición sectaria da sociedade siria, particularmente de carácter étnico e relixioso (sunnitas, alauítas, xiítas, cristiáns, drusos, maronitas, curdos, armenios, palestinos, turcos, etc.); a persistencia dun réxime ditatorial, establecido polo clan al Asad no poder desde 1970; a expansión do conflito da veciña Iraq, en particular ante a conformación e avance do Estado Islámico como realidade non estatal con forte capacidade de poder político, relixioso e paramilitar; a confrontación de intereses estratéxicos por parte de actores externos (Turquía, Rusia, Irán, EUA, Europa, Arabia Saudita, Qatar, Israel); un panorama de atomización política e paramilitar por parte dos actores internos do conflito (réxime de Bashar al Asad, Exército Libre Sirio, grupos opositores, milicias curdas, Estado Islámico, Fronte Al Nusra, etc.) e a distante e incapaz actitude da comunidade internacional á hora de suxerir unha solución política do conflito armado, así como de definir unha política de asistencia humanitaria a favor dos países veciños afectados pola masiva chegada de desprazados e refuxiados.

O contexto 2015 da a entender un panorama de práctica inamobilidade dos factores xeradores do conflito. O réxime de Bashar al Asad apenas ten o control da capital Damasco e doutras rexións do suroeste sirio, particularmente onde a comunidade alauíta ten preponderancia. Paralelamente, é visible a consolidación do Estado Islámico nun amplo corredor sunnita entre Siria e Iraq, así como da Fronte Al Nusra ao sueste sirio. As milicias curdas manteñen fortes posicións no Norte sirio, fronteirizo con Turquía e o Norte de Iraq, e apenas logra manterse en pe unha plataforma opositora fragmentada política e militarmente, dependente de actores externos (EUA, Gran Bretaña, Arabia Saudita, Qatar).

A desintegración do tecido social sirio e o drama humanitario manifestado en desprazados e refuxiados dentro e fóra do país sinala un contexto dificilmente sostible para preservar a cohesión nacional e estatal en Siria. Neste sentido, crecen as expectativas dunha desintegración de feito do Estado sirio por mor das rivalidades sectarias e a consolidación de novos actores non estatais, en particular o Estado Islámico e as milicias curdas que ansían un Estado curdo independente, así como a resultas dos intereses estratéxicos por parte de actores externos.

Neste contexto, Europa adoeceu dende o comezo dunha política unitaria de consenso para abordar unha solución política do conflito sirio. Suxeita aos intereses atlantistas establecidos por EUA e os seus aliados europeos, en particular Gran Bretaña, a Unión Europea amosou unha falta de coordinación e de visión integral do problema sirio, apoiando a celebración de fracasadas conferencias internacionais que mais ben derivaron en tentativas por fortalecer a falacia dunha plataforma opositora sumamente desintegrada, na súa pretensión de derrubar o réxime de Bashar al Asad.

Mentres Rusia, Irán e China establecían puntos de coordinación en apoio ao réxime de Bashar al Asad, para evitar a súa caída e que a consecuente inestabilidade siria afectara os seus intereses xeopolíticos estratéxicos, a política europea de apoiar á oposición siria a instancias dos imperativos atlantistas deseñados en Washington, fixo causa común co apoio loxístico e financeiro a favor da oposición siria por parte das “petromonarquías” do Golfo Pérsico, en particular Arabia Saudita, Qatar e Emiratos Árabes, cunha reversión “inesperada” que foi o fortalecemento do Estado Islámico, antano protexido por estas monarquías co aval occidental.

c) A (des) Unión Europea

A crueza do conflito sirio e, particularmente, a incapacidade da comunidade internacional para adiantar unha solución ao mesmo, foi progresivamente derivando nunha actitude de indiferenza e distanciamento por parte dos gobernos occidentais ante a traxedia humanitaria, intensificando así o drama dos refuxiados. O 2015 significa así un punto de non retorno dunha crise insostible, derivando nunha masificación dun drama achegado ás costas mediterráneas europeas e, de alí, ao corazón mesmo da Unión Europea.

Se a incapacidade europea para dar curso a unha solución ao conflito sirio é sumamente notoria e reveladora da súa escasa influencia no sistema internacional e na resolución de conflitos, a posterior actitude política e institucional dos países membros da Unión para afrontar o drama dos refuxiados sirios permite salientar o progresivo declive dos seus postulados de integración e de cohesión social, así como o tratamento e incumprimento dos compromisos internacionais en materia de dereitos humanos, en particular do dereito de asilo.

Estes aspectos cobran relevancia ante a patente incapacidade da Unión Europea para asistir a países que acolleron aos refuxiados en campos de internamento, como son os casos de Grecia, Macedonia, Serbia ou Bulgaria, así como a dureza política e policial exhibida por outros gobernos, en especial Hungría, Austria, Eslovaquia e Dinamarca, quen negáronse a acoller refuxiados, pechando as fronteiras e obstaculizando o seu paso cara Alemaña e o norte de Europa.

A indolencia da Unión Europea queda igualmente patente tendo en conta a súa inacción ante as políticas extremistas e racistas adoptadas polo goberno húngaro de Viktor Orban, en particular, a actuación das súas forzas policiais contra os refuxiados. Está por ver se Bruxelas terá capacidade de sancionar a gobernos como o húngaro ou danés, reticentes a acoller a refuxiados ou a aceptar a porción das controvertidas “cotas” negociadas pola Unión Europea con cada país membro.

Non obstante, a mobilización cidadá a favor dos refuxiados, con exemplos elocuentes como o caso islandés, país non membro da Unión Europea pero cuns cidadáns que adoptan políticas autónomas de acollida que están provocando un cambio de posición favorable por parte do goberno dese país, permite deducir a existencia doutra Europa, a dos cidadáns, mais sensible e condescendente co drama humanitario.

Con todo, a peor crise humanitaria europea desde o final da II Guerra Mundial, manifestada nesa maré de refuxiados sirios e doutros conflitos, está ironicamente cuestionando os cimentos do proxecto europeo de integración, ideado precisamente na Europa da posguerra para evitar a reprodución de conflitos históricos e deseñada pensando na procura da paz, dos dereitos humanos e da convivencia.

IGADI. 18 de setembro de 2015.



([1]) http://acnur.es/emergencia-en-siria. Segundo ACNUR, un de cada 13 habitantes de Siria é un refuxiado.