IgadiPaper nº151 - A Asociación Transatlántica de Comercio e Investimento (TTIP)

IgadiPaper nº151

A Asociación Transatlántica de Comercio e Investimento (TTIP)

(04/2015)

A Asociación Transatlántica de Comercio e Investimento (TTIP)

a) Introdución
IgadiPaper nº151 - A Asociación Transatlántica de Comercio e Investimento (TTIP)

A pesar da súa opacidade e escasa atención informativa, as deliberacións que desde finais de febreiro lévanse a cabo no Parlamento Europeo (PE) sobre a eventual aprobación da Asociación Transatlántica de Comercio e Investimento (Transatlantic Trade and Investment Partnerhisp, TTIP) entre EUA e a Unión Europea (UE), sinala un contexto decisivo dentro do proceso de negociación iniciado en xuño de 2013 por parte da Comisión Europea, polarizado por unha conxuntura economicamente desigual, determinada pola persistencia da recesión e austeridade na zona Euro e os síntomas de paulatina recuperación económica estadounidense.

A nivel institucional, a eventual aprobación deste acordo de libre comercio transatlántico inclúe á Comisión Europea a través do Consello da Unión, ao Parlamento Europeo e, finalmente, aos respectivos Parlamentos dos 28 Estados membro da UE. Oficialmente, as bases deste acordo estipulan unha apertura comercial transatlántica para empresas, multinacionais e PEMES, principalmente europeas de cara o mercado estadounidense; a redución dos trámites burocráticos para a exportación; e a introdución dunha nova normativa que flexibilice e paulatinamente elimine a lexislación en materia arancelaria, así como de desmantelamento de barreiras de regulación e burocracia de cara a potenciar a balanza comercial e os investimentos transatlánticos([1]). O TTIP inclúe a sectores chave como o téxtil, químico, farmacéutico, cosmético, automobilístico, electrónico, enxeñería, enerxía e propiedade intelectual, abrindo a perspectiva de desregulamentación noutros sectores como a sanidade, educación, ambiente, seguridade e protección dos consumidores([2]), entre outros.

O proceso de negociación do TTIP ven recibindo fortes críticas por parte de diversos sectores e movementos sociais europeos, baixo acusacións de “antidemocrático”, de fomentar a ideoloxía neoliberal e a privatización do sector público, e de permitir un maior poder para as corporacións e as multinacionais por riba da cidadanía([3]). Con todo, e en perspectiva xeopolítica global, este acordo igualmente sinalaría a concreción e reforzamento da asociación “atlantista” impulsada dende Washington, moi probablemente coa finalidade de crear marcos de contención e de disuasión de cara á conformación de novos eixes xeopolíticos contestatarios na area internacional, como son os casos da asociación estratéxica entre China e Rusia, das demandas dos BRICS por reconstituír a arquitectura financeira e económica global “post-Bretton Woods”, e da pretensión de Beijing por conformar un “destino compartido” no espazo asiático.

b) A estratexia “neoatlantista”

En clave legal, o TTIP aínda debe transitar por un incerto camiño de negociación e aprobación. A comezos de febreiro pasado, a Comisión Europea elevou ante o Parlamento Europeo a potestade para negociar a normativa estipulada no TTIP, cunha decisión que debería darse antes de mediados de 2015. Desde comezos de marzo, o Congreso estadounidense, de maioría republicana, iniciou a discusión para decidir se concede ao presidente Barack Obama a posibilidade do fast track lexislativo para poder impulsar o acordo transatlántico([4]).

En plena negociación, o TTIP recrea unha forte polémica política condicionada por un establishment político e empresarial favorable á súa aprobación, contrariado pola proliferación de sectores sumamente críticos e contrarios a este tratado, principalmente persuadidos polos efectos que o mesmo tería dentro do crítico mercado laboral europeo e ante a posibilidade de liberalización e privatización de sectores sensibles como a sanidade, o ambiente e a seguridade alimentaria. Do mesmo xeito, estes sectores sinalan o TTIP como un serio retroceso en materia de dereitos sociais([5])

A maiores, o TTIP suxire novas fontes de fortalecemento da estratexia “neoatlantista” deseñada dende Washington. Os seus antecedentes están enmarcados na Declaración Transatlántica (1990) e o Diálogo Empresarial Transatlántico (1995), este último principalmente impulsado por multinacionais e empresas corporativas. Ambas iniciativas deron paso á creación do Consello Económico Transatlántico (2007), entidade orientada a premer politicamente en Washington e Bruxelas para axilizar o acordo de libre comercio transatlántico([6]). Neste sentido, os sectores críticos con este acordo alertan sobre o excesivo (e por tanto decisivo) peso dos sectores empresariais favorables ao mesmo.

Con todo, as negociacións deste tratado deben igualmente analizarse a carón do  contexto político actualmente existente en Europa. Destacan aquí a probable influencia doutros factores que igualmente gravitan sobre a eventual aprobación do TTIP, como a crise ucraína, parcialmente pacificada tralo acordo de Minsk (Bielorrusia) asinado o pasado 15 de febreiro; o empeoramento das relacións ruso-occidentais; os roces na negociación entre Grecia, a UE e a “troika”; a recuperación económica estadounidense, en contraste coa persistencia da recesión europea; e a dependencia enerxética europea de Rusia, entre outros.

Neste sentido, o TTIP daría azos á pretensión de Washington e os seus aliados europeos de impulsar marcos de asociación estratéxica e de contención orientados a acometer e diminuír o peso doutros actores contestatarios á súa hexemonía occidental e “atlantista”, e que cada vez cobra maior peso e influencia no escenario global. Estes actores e as súas variables estaríanse configurando a través de eixes xiratorios en distintos ámbitos xeopolíticos, entre os que poden destacar a cada vez mais afianzada asociación estratéxica entre China e Rusia; a nova xeopolítica impulsada polo Kremlin, orientada á captación de novos socios dentro do seu espazo periférico ex soviético así como en Europa Oriental([7]);  e a necesidade de reproducir no contexto atlántico a viabilidade doutras iniciativas anteriormente establecidas, en especial o Tratado Transpacífico (Transpacific Partnership, TPP) que desde 2011 ven impulsando Obama na área de Asia-Pacífico, con claras pretensións de conter o ascenso chinés.

Por tanto, e de cara ao final do seu mandato en 2017, a reprodución dun “neoatlantismo” a través do TTIP alentaría a Obama a acelerar os mecanismos lexislativos de fast track previstos para a aprobación do acordo transatlántico. Esta perspectiva ven igualmente determinada pola indefinición e as incertezas do momento europeo, en particular ante o avance electoral de opcións críticas co “atlantismo” e coas políticas económicas impulsadas desde Bruxelas, tal e como se verificou nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo (maio de 2014) e co triunfo electoral de Syriza en Grecia (xaneiro de 2015). O avance destas novas opcións, así como doutros movementos progresistas e incluso “antisistémicos”, claramente obstaculizarían a aprobación do TTIP.

Compre destacar que dúas das principais estratexias xeopolíticas de Obama de cara ao final do seu mandato estarán centradas en atar legalmente a aprobación do TTIP e avanzar decididamente na iniciativa do Tratado Transpacífico (TPP) na ribeira de Asia-Pacífico, contando coa súa prolongación hemisférica occidental na Alianza do Pacífico conformada desde 2012 por México, Perú, Chile e Colombia.

Paralelamente, o fortalecemento dun eixe de asociación económica transatlántica con Europa lle permitiría a Washington, a medio e longo prazo, a consecución dun novo mercado enerxético, á vista dos avances na explotación do gas de esquisto (shale gas), reducindo así a forte dependencia enerxética europea de Moscova, calculada en aproximadamente un 40% do seu consumo de petróleo e gas natural.

A través do fortalecemento do TTIP e tomando en consideración o actual contexto de caída dos prezos de petróleo, Washington lograría contrariar as políticas contestatarias de países “díscolos” produtores de petróleo (Rusia, Irán, Arabia Saudita, Venezuela), confiando igualmente na perspectiva de que a recuperación económica estadounidense e a eventual autonomía enerxética derivada do shale gas reducirían a tradicional dependencia enerxética estadounidense do exterior (Oriente Próximo, Venezuela), abrindo consecuentemente novos mercados de penetración (Europa, Asia).

c) Do Atlántico a Asia-Pacífico

Esta visión de “neoatlantismo” comercial estipulado no TTIP igualmente permitiría a Washington ampliar o radio de actuación da Alianza Atlántica, tradicionalmente identificado co paraugas militar da OTAN. O obxectivo estaría igualmente dirixido a subverter o eixe estratéxico establecido entre China y Rusia, cunhas marxes de actuación de alcance global e rexional.

Entre eles destacan os avances dos BRICS na configuración dun novo sistema económico global (Novo Banco de Desenvolvemento, Acordo de Reservas de Continxencia)([8]), o impulso decidido do Foro China-CELAC (xaneiro 2015), da preeminencia da Organización de Cooperación de Xangai (OCX) e, eventualmente, dos novos proxectos de integración e cooperación que China ven  impulsando, en especial a Conferencia sobre Interacción e Medidas de Construción da Confianza en Asia (CICA) e as Rutas da Seda, continental e marítima.

Neste sentido, tanto a OCX como a CICA estanse convertendo en módulos de integración impulsados por China para crear un área de influencia xeográfica dende Asia Central ata Asia-Pacífico, pasando polo Sueste asiático, e que non se limite única e exclusivamente á área comercial senón que igualmente aborde perspectivas de cooperación política e de seguridade. Este amplo espazo xeopolítico reúne unha diversidade de actores con cada vez maior peso internacional (China, Rusia, Irán, India, Turquía) con outras potencias establecidas (Xapón) e escenarios de estratéxico calado conflitivo (Afganistán, Asia Central, Paquistán, Indonesia). A confluencia destes actores permiten diversificar as bases de poder global, na pretensión de configurar sistema internacional alternativo, multipolar e non hexemónico, claramente contestatario coa ata agora incontestable hexemonía “atlantista” occidental.

China promove a RCEP (Regional Comprehensive Economic Partnership) un acordo comercial que inclúe aos países de ASEAN, xunto con Australia, India, Corea do Sur, Nova Zelandia e Xapón. As negociacións iniciáronse en novembro de 2012. No cumio de APEC celebrado en Beijing a finais de 2014, China propuxo a creación dunha Zona de Libre Comercio en Asia-Pacífico, superadora das dúas propostas (TPP, RCEP), excluíntes cadansúa dos principais liderados.

Ante esta perspectiva de conformación de novos eixes xeopolíticos que deseñen un novo sistema multipolar entre os océanos Atlántico e Pacífico, Washington e Bruxelas dirixen á súa atención á consolidación dun TTIP que serva igualmente como reprodución na área atlántica do que, desde 2011, está recreando o TPP na área de Asia-Pacífico, coa Alianza do Pacífico como extensión na contorna latinoamericana, a fin de capitalizar os intereses globais do mundo occidental liderado por EUA. Tanto o TTIP como o TPP eríxense como instrumentos xeopolíticos orientados a preservar a hexemonía occidental e “atlantista” de cara ás próximas décadas, tendo en conta o previsible ascenso da influencia de China e a conformación dun sistema multipolar non hexemónico.

IGADI. 6 de marzo de 2015.


([1]) “Qué es la ATCI”, Comisión Europea. Ver en: http://ec.europa.eu/trade/policy/in-focus/ttip/about-ttip/index_es.htm. Ver tamén: “El Pacto Transatlántico”, Parlamento Europeo, Oficina de Información en España. Ver en: http://www.europarl.es/resource/static/files/folleto_web.pdf

([2]) “El Pacto Transatlántico”, op.cit.

([3]) Consultar: HILARY, John, “El Acuerdo Transatlántico sobre Comercio e Inversión. Una carta para la desregulación, un ataque al empleo, el final de la democracia”, Rosa Luxemburg Stiftung, Oficina de Bruxelas, maio de 2014. Ver en: http://www.rebelion.org/docs/191623.pdf. Outra  críticas cara o TTIP poden consultarse en: GONZÁLEZ GARCÍA, Julio, “Siete preguntas sobre el TTIP cuyas respuestas deberías conocer”, El Diario (España), 20 de outubro de 2014. Ver en: http://www.eldiario.es/agendapublica/proyecto-europeo/preguntas-Tratado-Transatlantico-TTiP-respuesta_0_315669128.html

([4]) DOMÍNGUEZ CEBRIÁN, Belén, “La brecha entre las leyes entre EEUU y la UE retrasan el ‘macrotratado’ comercial”, El País (España), 1 de marzo de 2015. Ver en: http://economia.elpais.com/economia/2015/03/01/actualidad/1425244575_300954.html

([5]) “El Acuerdo Transatlántico sobre Comercio e Inversión”, op.cit.

([6]) Ibid. Consultar tamén “Siete preguntas sobre el TTIP cuyas respuestas deberías conocer”, op.cit.

([7]) As recentes visitas do presidente ruso Vladimir Putin a Budapest e Belgrado permiten identificar algunhas variables dentro desta nova estratexia xeopolítica impulsada polo Kremlin desde mediados de 2014, a carón da crise ucraína. A mesma estaría basicamente centrada en xogar cartas importantes dentro do espazo da órbita de influencia da UE en Europa Oriental e os Balcáns. Neste sentido, poden consultarse os artigos “Orban pierde su ‘supermayoría” e “El Kremlin siembra cizaña” publicados no Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 928, 2 de marzo de 2015, pp. 4-5. Nestas variables, Putin xoga as súas cartas enerxéticas (Hungría) e de tradicionais filiacións culturais (Serbia) como móbiles para potenciar marcos de asociacións de reduzan a capacidade de influencia da UE en países membros como Hungría, e outros en proceso de eventual admisión como Serbia, sen esquecer os recentes achegamentos que desde 2013 veñen adiantando Rusia e Turquía (membro da OTAN e tradicional aliado occidental), e que son extensivos no Cáucaso e Asia Central a través da Organización de Cooperación de Xangai (OCX). Paralelamente, desde a súa chegada ao poder en xaneiro pasado, o primeiro ministro grego Alexis Tsipras ven impulsando unha diplomacia de achegamento cara Rusia e China, a fin de eventualmente servir de colchón financeiro e de contención cara as políticas de austeridade impulsadas pola “troika”. China dispón dun foro de cooperación específico cos PECO.

([8]) Consultar: “VI Cumio dos BRICS: creando unha nova arquitectura global”, IGADI Paper Nº 139, 21 de xullo de 2014. Ver en: http://www.igadi.org/web/sites/all/arquivos/igadipaper139.pdf