IgadiPaper nº172 - Ecuador despois de Correa. Eleccións presidenciais e lexislativas: 19 de febreiro de 2017

IgadiPaper nº172

Ecuador despois de Correa. Eleccións presidenciais e lexislativas: 19 de febreiro de 2017 

(1/2017)

Ecuador despois de Correa.
Eleccións presidenciais e lexislativas: 19 de febreiro de 2017

a) Introdución
IgadiPaper nº172 - Ecuador despois de Correa. Eleccións presidenciais e lexislativas: 19 de febreiro de 2017

Os comicios presidenciais e lexislativos previstos para o próximo 19 de febreiro en Ecuador marcarán o epílogo da denominada “década gañada” da “Revolución Cidadá” liderada polo presidente Rafael Correa (2007-2017). O contexto electoral sinala notables singularidades presentes no proceso político ecuatoriano, igualmente determinadas polos inevitables escenarios de incertezas e de crecentes expectativas sobre cómo evolucionará esta nova etapa “post-correísta”. Nesta cita electoral, Ecuador tamén realizará un histórico referendo sobre os capitais asentados en “paraísos fiscais”.

A agrupación política e electoral oficialista Alianza País (AP) concorrerá baixo a candidatura do ex vicepresidente “correísta” Lenín Moreno (63 anos). Entronizado polo propio Correa, a Moreno corresponde unha difícil herdanza: liderar unha opción política moi vinculada ao carismático e popular presidente ecuatoriano, en aras de preservar un legado inevitablemente “post-correísta”.

A consolidación dese legado progresista suxire para Moreno un contexto marcado polos matices. Se ben mantén o liderado practicamente en todas as enquisas, ven perdendo determinados apoios na intención do voto, aspecto que coloca como decisiva a franxa electoral dos indecisos (40-60%).

Sen o carisma nin a enerxía de Correa, á candidatura de Moreno tamén lle afectan algúns escándalos de corrupción no seu entorno (o seu compañeiro de fórmula Jorge Glas Espinel) e indirectos (Odebrecht; Petroecuador). Con todo, Moreno e a AP conservan o favor electoral ante a división opositora, cuxos principais expoñentes son Guillermo Lasso (da dereita liberal Creo-Suma); Paco Moncayo (centroesquerda Acordo Nacional polo Cambio); e Cynthia Viteri (Partido Social Cristiá).

As enquisas prognostican un ballotage de segunda volta, a celebrarse o próximo 2 de abril, dado que ningunha das candidaturas semella proclive a superar o limiar do 40% dos votos necesarios para vencer na primeira volta. Compre igualmente observar que para estes comicios están facultados a votar un total de 103.410 ecuatorianos residentes no exterior, asentados nas tres principais sedes consulares: Madrid, Nova Jersey (EUA) e Caracas.

b) Continuísmo “con rectificacións”

A denominada “década gañada” en Ecuador afronta agora as incertezas propias dun proceso de transición “post-Correa” no que está en xogo a consolidación da Revolución Cidadá.

Moreno aposta por un “continuísmo con rectificacións” e amósase como a “faciana amable” da revolución “correísta”, definida para neutralizar o estilo carismático e enérxico de Correa que levouno a fortes confrontacións co sector empresarial e os medios de comunicación. Por tanto, Moreno debe agora medir con sagacidade non só os visibles avances sociais da “década gañada” de Correa senón os retos que igualmente se presentan para Ecuador, particularmente de cariz político e institucional.

Aquí visualízase o peso e a persistencia de liderados carismáticos como piar estratéxico, que polarizan a partidos e organizacións políticas atomizados na súa representatividade política. Está por ver cómo esta perspectiva inflúe na normalización da vida democrática e do equilibrio de poderes a nivel institucional tras unha década hexemónica de “correísmo”.

Durante a súa presidencia, Correa alcanzou importantes logros que solidifican a súa popularidade, que agarda veranse continuados a través do seu “delfín” electoral. Nesta “década gañada”, Ecuador experimentou a súa maior estabilidade social e política tras convulsos períodos anteriores observados na inquietante década anterior (1996-2007)([1]). Nesa etapa “pre-Correa”, Ecuador viviu preocupantes períodos de elevada conflitividade política e social, con frecuentes cambios e remocións presidenciais.

A inestabilidade política anterior persuadiu a Correa a fortalecer un movemento político (Alianza País) capacitado para a reestruturación estatal a través dun proceso constituínte de reformulación de todos os poderes públicos. O liderado carismático de Correa permitiu a captación e a ampliación das marxes de representatividade e de participación política de diversos actores, principalmente dos movementos sociais. O progresismo da “era Correa” avanzou paralelamente a un notable boom económico manifestado pola bonanza petroleira, configurando ao mesmo tempo unha política exterior pragmática e multipolar.

Lenín Moreno deberá agora contextualizar estes avances cos retos que se presentan na etapa “post-Correa” nun contexto igualmente determinado pola actual caída dos prezos petroleiros, que obstaculiza o crecemento económico experimentado nos últimos anos. E aquí imponse un factor estratéxico, determinado pola consistencia do seu binomio electoral co seu compañeiro de fórmula, o candidato a vicepresidente Jorge Glas Espinel.

Mentres Moreno encarna o “modelo social progresista” de Correa, Glas Espinel mantén unha posición mais pro-empresarial, aspecto que dirime unha eventual influencia de Correa na súa inclusión no binomio electoral coa finalidade de non abrir fendas de confrontación co sector empresarial. Con todo, diversos escándalos de corrupción afectan a Glas, razón que explica a súa desaparición na propaganda electoral de Moreno, a fin de non danar a imaxe do “delfín” de Correa.

c) O retorno da atomización

Pola súa banda, a oposición política e electoral observa o contexto como unha oportunidade para propiciar un cambio político que dea curso á eventual transición “post-Correa” sen AP na presidencia. Pero as súas expectativas vense condicionadas pola marcada división política das súas respectivas candidaturas.

A mais visible é a candidatura de Cinthya Viteri (Partido Social Cristiá), moi vinculada aos sectores da empresa privada que premen pola disciplina e a austeridade fiscal ante o gasto público expansivo do “correísmo”, principalmente en materia social.

Os sectores políticos do entorno de Viteri teñen igualmente unha orixe rexional localizada na economicamente puxante rexión costeira de Guayaquil, particularmente no seu alcalde Jaime Nebot. Nos últimos anos, e especialmente durante a etapa de Correa na presidencia, Guayaquil chegou incluso a manifestar un pulso autonomista con respecto á capital Quito.

As restantes candidaturas son de menor calado pero poden xogar un papel decisivo no previsible ballotage. Banqueiro vinculado ao Opus Dei, Guillermo Lasso, candidato da dereita liberal Creo-Suma, foi con anterioridade un aliado político de Nebot ata a súa ruptura en 2015, presentando unha alternativa mais radical. Pola súa banda, o ex xeneral Paco Moncayo lidera o centroesquerda Acordo Nacional polo Cambio, que agrupa a movementos sociais e indixenistas descontentos co “correísmo”.

Con practicamente nulas opcións presidenciais, as restantes catro candidaturas (Washington Pesántez; Abdalá Bucaram fillo; Iván Espinel; e Patricio Zuquilanda) expresan representacións da “anti-política” pero cuxa eventual inclusión na próxima Asemblea Nacional (137 membros) contribuirá a recrear a perspectiva da atomización. E aquí revélase en que medida o próximo goberno verá sensiblemente reducida a súa marxe de manobra, debilitado sen maiorías absolutas, dependente de constantes pactos e alianzas de diversa índole política e ideolóxica.

Este escenario aborda un reto ineludible: o inevitable peso dun sistema de contrapesos institucional, na que non se descarta unha “cohabitación” política que desarticule progresivamente a década hexemónica de maiorías absolutas experimentada con Correa. Esta perspectiva define un contexto de serios desafíos para a preeminencia dunha Revolución Cidadá que pode verse diluída pola atomización e a polarización política que se anuncia nesta nova etapa.

d) Convivir co xiro “neo-conservador”

O contexto electoral ecuatoriano non escapa dos recentes cambios políticos e electorais acaecidos en América do Sur desde 2015, particularmente da denominada viraxe “neo-conservadora” observada en Arxentina, Brasil e Perú. O favoritismo sen maioría absoluta de Moreno e da AP consolida o poder da esquerda progresista, aínda que non escapa da sensación de perda de espazos de poder das esquerdas latinoamericanas.

A previsible continuidade do “correísmo” con Moreno na presidencia ecuatoriana supón igualmente un aspecto relevante ante a reconfiguración política que está observando a rexión. O avance da reacción “neo-conservadora”, principalmente centrada no presidente arxentino Mauricio Macri e o seu homólogo brasileiro Michel Temer está trazando liñas de actuación dentro da arquitectura rexional (MERCOSUR, UNASUR, Alianza do Pacífico), con claras expectativas de reducir os espazos de poder da hexemonía das esquerdas observada no período 1999-2015.

Tampouco debe esquecerse o impacto hemisférico da presidencia de Donald Trump na Casa Branca, que reforza estas expectativas “neo-conservadoras” pero a través dun talante mais radicalizado, principalmente en materia de inmigración.

Velaí que esta etapa “post-correísta” en Ecuador moi probablemente consolidará o pragmatismo da súa política exterior, a fin de evitar inserirse en crises políticas (Venezuela) e manifestar relacións normais cos seus veciños “neo-conservadores” (Perú, Colombia, Brasil).

Outro aspecto relevante, principalmente en materia económica e de investimentos estranxeiros, ten que ver cos achegamentos de Ecuador con China, e que eventualmente poden vertebrar unha posible conexión ecuatoriana de cara á Alianza do Pacífico conformada por México, Colombia, Perú e Chile. Desde xaneiro pasado, Ecuador ocupa a presidencia do G77+China.

Con Ecuador no epicentro de atención, o péndulo electoral latinoamericano proseguirá a súa andaina durante 2017 coas presidenciais en Honduras e as lexislativas na Arxentina (outubro) e finalmente as presidenciais e lexislativas en Chile (novembro).

IGADI. 14 de febreiro de 2017.


([1]) Esta inestabilidade política, institucional e social observouse principalmente durante as presidencias de Abdalá Bucaram (1996-1997), Fabián Alarcón (1997), Rosalía Arteaga (1997), de novo Fabián Alarcón (1997-1998), Jamil Mahuad (1998-2000); o goberno da Xunta de Salvación Nacional comandada polo coronel Lucio Gutiérrez (2000); Gustavo Noboa (2000-2002); de novo Lucio Gutiérrez (2002-2005); e finalmente o gabinete transitorio presidido por Alfredo Palacio (2005-2007)