IgadiPaper nº150 - A Estratexia de Seguridade Nacional de EUA 2015

IgadiPaper nº150

A Estratexia de Seguridade Nacional de EUA 2015 

(03/2015)

A Estratexia de Seguridade Nacional de EUA 2015

a) Introdución
IgadiPaper nº150 - A Estratexia de Seguridade Nacional de EUA 2015

A publicación, o pasado 6 de febreiro, da Estratexia de Seguridade Nacional de EUA 2015([1]), delimita as expectativas, liñas básicas e estratexias que en materia de seguridade nacional promoverá Washington ata o final do mandato presidencial de Barack Obama en xaneiro de 2017. 

Dividido en catro apartados (Seguridade, Prosperidade, Valores e Orde Internacional), a aparición deste documento, o segundo realizado durante a presidencia de Obama trala publicación da anterior Estratexia de Seguridade Nacional en maio de 2010([2]), coincidiu coa intensificación dos combates no Leste ucraíno e das tentativas diplomáticas europeas cara Kiev, Moscova e Washington, que levaron á celebración da recente Conferencia de Minsk. Este contexto ten unha importancia capital na estratexia de seguridade 2015 impulsada pola Casa Branca, tendo en conta que a mesma outorga unha prioridade inalterable á contención do que denomina “agresiva política de Rusia” dentro do espazo periférico ex soviético, Europa Central e Europa Oriental, con particular incidencia cara países aliados da OTAN.

Amparado nunha retórica esencialmente simbólica (e non menos contraditoria) sobre o papel de EUA na promoción dos valores occidentais (democracia, sociedade civil, dereitos humanos, cooperación internacional), da relevancia doutras ameazas (Estado Islámico, terrorismo yihadista, ciberseguridade, cambio climático, pandemia do ébola, etc.) e da aplicación dunha visión optimista sobre o reto de Washington na perspectiva de reconfigurar o sistema internacional, as estratexias plasmadas neste documento semellan máis ben ter en conta un escenario de maior calado a medio e longo prazo: China e o seu hinterland no Sueste asiático e Asia-Pacífico. Neste sentido, Washington define un enfoque orientado a fortalecer a súa posición a través de iniciativas como o TPP e o T-TIP, que permitan a contención de China dentro dun novo equilibrio da balanza de poder.

b) Obxectivo: un liderado “forte e sostible”

Se existe unha “idea-forza” recorrente no documento da Estratexia de Seguridade Nacional de EUA 2015, esa é a de “salvagardar os nosos intereses nacionais a través dun liderado forte e sostible” (“strong and sustainable leadership”). A diferenza da perspectiva mais reactiva e diletante observada na estratexia anterior (2010), a retórica plasmada neste documento comprime as bases ideolóxicas fundamentais esgrimidas por Obama e os seus asesores na idea de “tomar a iniciativa” e reconverter o papel de Washington ante os cambios que ocorren no sistema internacional.

Estas ideas vense confirmadas a través das prioridades establecidas. En resumo, algunhas delas están identificadas en ameazas de carácter xeopolítico (contención da “agresión de Rusia” e “degradación e definitiva derrota do Estado Islámico”) con outras amparadas nunha visión mais global e transversal (combate á propagación do ébola, retención da proliferación nuclear, diminución das emisións de carbono, etc.)

Esta retórica filosófica vese consolidada na propagación de ideas que reforcen esa perspectiva de “liderado forte e sostible” plasmadas en cinco argumentos básicos:  “liderar con fortaleza”, salientando en qué medida EUA logrou superar a crise económica “tras unha difícil década”; “liderar con propósitos”, expandindo o respecto ao Estado de Dereito e os valores democráticos; “liderar con socios capaces” (ONU, institucións internacionais); “liderar con todos os instrumentos do poder de EUA” a fin de reforzar a influencia de Washington e as súas “vantaxes estratéxicas”; e finalmente “liderar cunha perspectiva de longo prazo”, observando aquí tres escenarios claramente definidos: “a potencialidade de India, o ascenso de China e a agresión de Rusia([3]).

Outro aspecto chave que reforza esa idea de “fortaleza sostible” e do liderado estadounidense a nivel global está asociada cos “dramáticos cambios no mercado enerxético global” que permiten a Washington reducir a súa dependencia enerxética exterior, destacando que na actualidade “EUA é o mais grande produtor de gas natural e de petróleo”, liderando “unha nova economía de enerxía limpa”.  

Neste sentido, establécese a continuación unha reflexión global sobre a división das prioridades estratéxicas establecidas neste documento.

b.1) Seguridade

A publicación da Estratexia de Seguridade Nacional 2015 coincidiu coa renovación do conflito armado no Leste de Ucraína, un aspecto que está recreando unha aguda polarización no seo da OTAN. Con todo, dentro desta crise e na perspectiva de contención de Rusia, Washington observa unha OTAN “máis forte e cohesionada” grazas á achega de novos membros “como Polonia e as repúblicas bálticas”, tradicionalmente portadoras dunha posición antirrusa. No que atinxe á política estadounidense cara Moscova, a estratexia 2015 difire notablemente da posición adoptada na anterior estratexia 2010 de “resetear” as relacións co Kremlin.

Neste sentido, EUA e os seus aliados europeos observan a Rusia como un desafío e un reto ineludible que permite, ao mesmo tempo, fortalecer o eixe “atlantista”. No contexto actual da crise ucraína, tendo en conta a maioría republicana no Congreso e Senado estadounidenses así como a visión da estratexia 2015 e as posteriores declaracións de altos funcionarios da Casa Branca, Washington sopesa a posibilidade de apoiar militarmente a Kiev, contrariando a visión do eixe franco-alemá na UE, mais proclive a manter canles de negociación sen desestimar o factor disuasivo cara Moscova.

Nesta perspectiva estaría igualmente definida a eventualidade dunha ampliación da OTAN de cara ao espazo ex soviético, co presumible ingreso ucraíno na Alianza Atlántica, sutilmente certificada coas declaracións (posteriores á publicación do documento) por parte da asesora de seguridade nacional, Susan Rice, cando esgrimía que “axudaremos aos nosos aliados e socios a resistir a coacción rusa a longo prazo”. A pesar diso, Washington paralelamente confía en manter os lazos de cooperación con Moscova, principalmente en casos específicos (Irán, Siria, Estado Islámico, Corea do Norte, proliferación nuclear).

Con todo, a contención da “agresión rusa” e a certificación dun enfoque “atlantista” en Ucraína non son os principais factores que definen a estratexia en materia de seguridade para Obama. Washington semella convencido de que as retiradas de efectivos militares en Iraq e Afganistán (de 180.000 en 2009 aos 15.000 da actualidade) están recreando un novo equilibrio da balanza militar, con epicentro na contorna xeopolítica que vai dende Asia Central ata Asia-Pacífico.

A estratexia 2015 establece o reforzamento de alianzas con Xapón, Corea do Sur, Australia, Filipinas, Tailandia e Paquistán, identificando como potenciais riscos de escalada de conflitos “a provocación de Corea do Norte e as tensións nos mares do Sur e Leste de China”([4]). Neste sentido, e ante as disputas marítimas e territoriais nos mares de China, o documento “denuncia” un clima de “coerción e condutas asertivas que ameazan esta escalada”, instando a adoptar “un código efectivo de conduta para o Mar de China meridional entre China e a Asociación de Estados do Sueste Asiático (ASEAN)”.

Outra prioridade estratéxica é a situación en Oriente Próximo, principalmente pola inesperada aparición do Estado Islámico entre Siria e Iraq e da persistencia do terrorismo yihadista, vinculado ou non á rede Al Qaeda. Obama xira instrucións para “derrotar definitivamente” ao EI, razón pola que instou formalmente o  apoio oficial do Congreso estadounidense. No apartado das medidas antiterroristas, Washington establece unha estratexia de achegamento cara Somalia, Iraq, Afganistán, e Paquistán, avogando por “equipar unha oposición siria moderada” que combata “o terrorismo do EI e a brutalidade do réxime de Bashar al Asad([5]).

Salienta neste documento a escasa atención prestada ao contexto post-Primavera árabe, da situación da democracia e dos dereitos humanos e o silencio cómplice de Washington ante a represión establecida en aliados estratéxicos como Exipto tralo golpe militar (2013) así como o caos libio, derivado da operación internacional liderada por Washington para derrubar o réxime de Muammar al Gadafi (2011).

O documento só establece tímidas liñas orientadas a apoiar determinados exemplos de transición democrática (Tunisia), de observar a estabilidade institucional (Exipto e Libia) e de adoptar medidas enérxicas na destrución de armamento químico (Libia, Siria). Este tratamento está igualmente reflectido na solución do problema palestino, fortalecendo as tradicionais alianzas rexionais (Israel, Arabia Saudita) e abordando con maior pragmatismo a apertura cara outros actores (Irán), principalmente en función da negociación nuclear.

b.2) Prosperidade

Neste apartado, Washington avoga por adoptar iniciativas orientadas a modificar a estratexia de seguridade enerxética, principalmente ante situacións conflitivas (Rusia, Oriente Medio), alterando o equilibrio estratéxico a través dun “mercado enerxético mais competitivo”; apostar pola innovación tecnolóxica e a adopción de medidas para reconstituír a orde económica e financeira global (OMC, FMI, BM), tendo en conta o ascenso de novos actores (G20, BRICS).

Con todo, a aposta estratéxica de Washington está asociada ao impulso da Iniciativa de Asociación Trans-Pacífico (TPP, polas súas siglas en inglés) e da Asociación de Investimentos e Comercio Transatlántico (T-TIP) como ferramentas de modificación e de reconstitución das relacións económicas internacionais.

b.3) Valores

A defensa e expansión da democracia e dos dereitos humanos segue a constituír un valor adicional á “idea-forza” establecida na reivindicación dun “liderado forte e sostido” para Washington.

A estratexia 2015 estipula a ampliación dos dereitos civís, da igualdade de xénero e diversidade sexual, o apoio ás minorías, o empoderamento da sociedade civil e apoio ao ascenso dunha nova xeración de líderes, magnificando ao mesmo tempo a expansión de exemplos de transición democrática (Tunisia, Birmania, África subsahariana). Sinalando como desafíos “a agresión rusa en Ucraína, o ascenso do EI e a guerra civil siria”, este documento desestima calquera mea culpa relativa á política estadounidense ante visibles casos de retroceso e deterioro democrático (Exipto, Bahrein, Arabia Saudita) e de caos estatal (Libia).

b.4) Orde Internacional

Xunto coa Seguridade, o apartado da Orde Internacional é o que ocupa maior atención dentro da estratexia 2015. E neste contexto, Asia ocupa a prioridade e preponderancia da atención para Washington, ao igual que a expansión da súa Iniciativa de Asociación Trans-Pacífica (TPP).

No propósito de “diversificar as nosas relacións de seguridade en Asia así como a nosa postura defensiva e a nosa presenza([6]), Washington avoga pola “modernización” das alianzas con Xapón, Corea do Sur, Australia e Filipinas e o afondamento e ampliación doutras alianzas (Vietnam, Malaisia, Indonesia, Tailandia), fortalecendo ao mesmo tempo os mecanismos de cooperación con organismos rexionais (ASEAN, Cumio Asia Oriental e APEC), apartados onde o TPP constitúe un “eixe central” de actuación.

Con respecto a China, Washington espera deseñar unha política de cooperación con unha “estable, pacífica e próspera China”, abordando unha diversidade de temáticas (cambio climático, saúde pública, crecemento económico, desnuclearización da península coreana). Con todo, esta estratexia clarifica en qué medida China constitúe un claro desafío á seguridade nacional estadounidense, principalmente no apartado da ciberseguridade. Neste sentido, o documento establece que Washington “seguirá estreitamente a modernización militar de China e a súa presenza expansiva en Asia”, e adoptará “as accións necesarias” contra calquera “agresión” de carácter cibernético, sexa por parte de “actores privados ou do goberno chinés([7]).

Paralelamente, e no afán de conter a “agresión rusa”, Washington espera expandir o paraugas do “atlantismo” cara os Balcáns, Europa Oriental e o Cáucaso (Moldavia, Xeorxia, Ucraína), a través da OTAN e da Asociación de Investimentos e Comercio Transatlántico (T-TIP)([8]).

Mentres observa avances democráticos e económicos na África subsahariana, o documento finalmente suxire establecer un marco de cooperación económica e de seguridade nas Américas, orientado a fortalecer o TPP (Canadá) a través do eixe da Alianza do Pacífico (México, Perú, Chile). Esta visión complétase coa pretensión de abordar unha asociación económica estratéxica con Brasil, o apoio á resolución do conflito colombiano, o seguimento das crises políticas en países con “democracia en risco” (Venezuela) e a continuidade dos avances na apertura diplomática con Cuba([9]).

 c) Prioridade: China e Asia-Pacífico

Unha análise global da Estratexia de Seguridade Nacional 2015 permite inferir cal é a prioridade estratéxica a medio e longo prazo establecida pola administración Obama, que definitivamente xira arredor de China e a área de Asia-Pacífico.

Os acontecementos de comezos de 2015 confirmarían esta visión de Washington. Destacan, neste sentido, o cumio China-CELAC en Beijing (6-7 de xaneiro); as visitas a China por parte de presidentes latinoamericanos (Venezuela, Ecuador e Arxentina) buscando cooperación económica e financeira (máis urxente no caso venezolano); a potenciación da Conferencia sobre Interacción e Medidas de Construción da Confianza en Asia (CICA), co cometido de construír unha Casa Común Asiática; e a revitalización do proxecto de infraestruturas de todo tipo entre Asia e Europa a través da Ruta da Seda e tamén da Ruta Marítima da Seda. Todos eles constitúen estratexias xeopolíticas prioritarias para Pequín, que son observadas con suma atención en EUA.

Washington presupón que Beijing camiña con crecente firmeza no escenario global, con preponderancia en Asia-Pacífico, e que este contexto contrasta cos plans de expansión das súas iniciativas TPP e T-TIP. A CICA e a Casa Común Asiática son plataformas alternativas de integración no Sueste asiático e no Pacífico, con China como epicentro de desenvolvemento, ademais da Zona de Libre Comercio de Asia-Pacífico e a RCEP (Asociación Económica Integral Rexional). Paralelamente, a Organización de Cooperación de Xangai (OCX) permítelle a Beijing fortalecer o seu eixe de desenvolvemento e actuación en Asia Central, onde a relación con Rusia adquire un carácter estratéxico.

IGADI. 16 de febreiro de 2015.



([1]) National Security Strategy, February 2015.  http://www.whitehouse.gov/sites/default/files/docs/2015_national_security_strategy.pdf (en inglés)

([2]) National Security Strategy. May 2010: http://www.whitehouse.gov/sites/default/files/rss_viewer/national_security_strategy.pdf (en inglés)

([3]) National Security Strategy (2015), op.cit. pp. 2-4.

([4]) Ibid, p. 10.

([5]) Ibid, pp. 9-10.

([6]) Ibid, p. 24.

([7]) Ibid, p. 24.

([8]) Ibid, p. 25.

([9]) Ibid, pp. 26-28.