images publicacions IgadiPaper97

IgadiPaper nº97

O momento do BRICS: A eventual ampliación cara Indonesia e Turquía

(21/2012)

O momento do BRICS:
A eventual ampliación cara Indonesia e Turquía

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper97

O paulatino ascenso das potencias emerxentes do Sur, en particular ante a consolidación do bloque BRICS conformado por Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica e de como esta realidade está determinando unha dinámica de cambios na reconfiguración do sistema internacional e do poder global, permite inferir a posibilidade de que, a medio prazo, este bloque acometa a súa expansión xeográfica e xeopolítica cara outros dous actores en ascenso: Indonesia e Turquía.

Un momento chave que propiciaría esta perspectiva de alargamento sería a realización do V Cumio do BRICS a celebrarse en Durban (Sudáfrica) en marzo de 2013. A discusión sobre a eventual ampliación deste bloque cara actores emerxentes como Indonesia e Turquía implicaría, ao mesmo tempo, unha serie de retos, en especial no relativo á súa institucionalización política (aspecto carente na actualidade) e aos desafíos emanados da súa actuación en escenarios como o Sueste asiático (coa eventual inclusión indonesia) e do espazo euroasiático entre o Mediterráneo, Oriente Próximo, o Cáucaso e Asia Central, propiciado pola eventual admisión turca.

Ampliado coa admisión surafricana en 2010, o BRICS aborda un momento de relativo esplendor sen menoscabar o efecto que a recesión económica global está afectando ás súas economías. A súa potencialidade tradúcese no crecemento económico de China, India e Brasil, a potencialidade enerxética rusa e a inclusión dun país africano en ascenso como Sudáfrica, aínda que o seu peso é sensiblemente menor. Na actualidade, o BRICS representa un bloque conformado por máis de 3.000 millóns de persoas (o 40% do total  mundial), cun PIB en conxunto valorado en US$ 13,7 billóns, segundo cálculos do Fondo Monetario Internacional (FMI) de abril de 2012, correspondendo ao 20% do PIB global([1]). Con taxas de crecemento económico calculadas en torno ao 7-10% anual durante a década 2001-2010, na actualidade países como China, India, Brasil e Rusia están entre as dez principais potencias económicas a nivel mundial.

A eventual inclusión indonesia e turca traduciría un aumento da potencialidade económica do BRICS actual así como unha maior implicación e posible influencia en rexións con elevado risco para a seguridade internacional, como son os casos do Sueste asiático e do espazo euroasiático que ten a Turquía como epicentro. Deste modo, un eventual BRICS-IT implicaría tanto a consolidación do ascenso das novas potencias do Sur como a certificación dunha serie de complexidades para estes países ante os cambios que actualmente se operan no sistema internacional.

b) Un foro BRICS-IT?

O V Foro do BRICS([2]) a celebrarse o próximo 26-27 de marzo de 2013 en Durban (Sudáfrica) centrará oficialmente a súa atención na concreción de mecanismos de cooperación política e económica dentro do bloque, con especial atención á eventual creación dun Banco do BRICS e da necesidade de realizar transaccións con outras reservas monetarias diferentes ao dólar estadounidense e o Euro([3]).

Así e todo, outros aspectos de maior carácter xeopolítico poderían ocupar a atención deste V Cumio do BRICS, en especial ante a súbita discusión en diversos foros económicos mundiais sobre unha eventual ampliación cara dous actores emerxentes como Indonesia e Turquía, así como a posibilidade de que no transcurso desta década ingresen outros países como México e Tailandia.

A perspectiva dunha eventual admisión indonesia e turca implicaría unha nova faciana para o BRICS, en particular ante a evidencia de que ambos países fan causa común co bloque na aposta polo multilateralismo, a multipolaridade do sistema internacional e a reconversión dos principais organismos internacionais cara un maior peso das demandas dos países do Sur.

Indonesia é o país musulmán de maior poboación, con máis de 237 millóns de persoas (censo de 2011), e o cuarto a nivel mundial tras China, India e EUA. Cun PIB per capita valorado en US$ 4.666, Indonesia ocupa o posto 122º a nivel mundial segundo cifras do FMI de abril de 2012, sendo considerado polo Banco Mundial como “país con ingreso medio baixo”. A súa taxa de poboación baixo o limiar da pobreza está estimada en 12,5%, segundo datos do Banco Mundial (2012), cunha esperanza de vida ao nacer calculada en torno aos 69 anos([4]).

Caso contrario é Turquía, país que estase a converter nunha “semi-potencia global”, con notable ascenso nos foros internacionais e un peso específico de relevante importancia nos actuais acontecementos en Oriente Próximo, en particular tralos cambios políticos emanados da Primavera árabe e ante o pulso nuclear entre a ONU e Irán, principalmente traducido no acordo nuclear alcanzado entre Turquía, Brasil e Irán en maio de 2010.

Membro estratéxico da OTAN desde 1949, Turquía conta cunha poboación superior aos 72 millóns de habitantes e un PIB per capita estimado en US$ 10.576, segundo datos do FMI (abril 2011), conservando así unha posición xeopolítica estratéxica entre Oriente Próximo, o Cáucaso e Asia Central. Segundo datos do Banco Mundial (2012), Turquía é un país de “ingreso medio alto”, cunha taxa de pobreza calculada en 18,1% da súa poboación e esperanza de vida ao nacer de 74 anos([5]).

Non obstante, a eventual inclusión indonesia e turca no BRICS implicaría diversos retos en materia xeopolítica e de seguridade, con prioridades diferentes para ambos países. A pesar dos seus recentes avances económicos, Indonesia constitúe aínda unha economía sumamente vulnerable ás crises financeiras internacionais, tal e como se evidenciou coa crise asiática de 1997-1998, así como en desastres naturais como o “tsunami” de 2005. Igualmente, a súa aínda recente transición democrática e a propensión de conflitos secesionistas, trala independencia de Timor Leste (2000) e as tensións con grupos armados na provincia de Aceh, fai deste país un escenario igualmente explosivo pola persistencia de conflitos de carácter étnico e relixioso.

Pola súa banda, Turquía é un caso non menos controvertido. Cunha forte potencialidade económica, cun crecemento calculado no 4,6% para 2012 e unha notable reconversión industrial e tecnolóxica, Turquía é un socio comercial e económico estratéxico para EUA, Europa e Asia. Cun goberno islamita moderado desde 2002 que impulsou importantes avances constitucionais de carácter progresista non exentos de tensións políticas cos sectores laicos e o estamento militar, Turquía está impulsando unha inédita diplomacia multipolar cara África, Asia e América Latina, traducindo a súa vontade de inserirse como actor estratéxico da cooperación Sur-Sur. Dentro da OTAN, Turquía destaca igualmente como actor de pacificación en conflitos internacionais como Kosovo (1999) e Afganistán (desde 2001).

Non obstante, Turquía non está exento de conflitos internos (secesionismo kurdo e dereitos humanos) e externos (crise con Siria desde 2011, tensións con Israel polo tema palestino, apoio ao programa nuclear iraniano, etcétera), aspectos que cobrarían o seu peso no caso de ingresar nun BRICS con pretensións de converterse nun foro de alcance global. Do mesmo xeito, e no caso de eventualmente ingresar no BRICS, Turquía sería o único membro da OTAN en formar parte deste foro, un aspecto que lle pode conferir agudos roces con outros membros como Rusia, a pesar dos recentes e prolíficos achegamentos entre Ankara e Moscova, principalmente por razóns enerxéticas.

c) A crise como “freo de man”

Alén das especulacións e do debate sobre eventuais admisións, o foro BRICS encara na actualidade os retos emanados dos efectos da crise e da recesión económica mundial instalada desde 2008, un aspecto que cobrará importancia capital no próximo cumio en Durban, especialmente no apartado da cooperación política e económica.

Tras unha década de espectacular crecemento, os países do BRICS experimentarán unha moderación do mesmo a partir do 2012. Diversas consultoras estiman que o crecemento económico de China situarase entre o 6-7% anual no que resta desta década, sendo este índice menor no caso de Brasil e India (2-3%), principalmente polas súas respectivas dependencias dos prezos internacionais das materias primas e polos efectos da inflación. Igualmente, e segundo datos do Banco Central ruso, o país experimentará a medio prazo un déficit de conta corrente([6]).  Outros analistas especulan co peso que eventualmente terían determinados casos de corrupción na estrutura política e no desenvolvemento económico en países como China, Brasil e India. 

Igualmente, existe certa sensación de incerteza sobre a viabilidade e definitiva consolidación do BRICS como un foro global con peso político suficiente para impulsar reformas e cambios no sistema internacional. O foro BRICS adoece dunha estrutura política definida, principalmente ante a carencia dunha Secretaría Xeral, e da infraestrutura burocrática apropiada para funcionar como algo mais que unha alianza. A perspectiva de certa ambigüidade semella predominar nos seus cumios, toda vez está a espera de que determinadas estruturas (Banco dos BRICS, Fondo dos BRICS, etcétera) poidan cobrar forma a medio prazo.

Así e todo, non se albisca no horizonte un declive definitivo do foro BRICS. Con aínda notables índices de crecemento económico, ás audaces políticas de redistribución da riqueza (Brasil) súmase un esforzo conxunto por avanzar na produción en I+D e de bens de alto valor engadido. Desde 2011, as solicitudes de patentes en China, India e Brasil están aumentando, incluso a niveis superiores de EUA e Europa([7]), un aspecto que revelaría as potencialidades deste bloque, á espera do que suceda no mesmo ante a hipotética admisión de novos membros como Indonesia, Turquía, México ou Tailandia.

IGADI. 6 de decembro de 2012.

 


(1) “Los BRIC pierden brillo”, Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 816, 5 de novembro de 2012.

(2) Como é sabido, o acrónimo BRIC foi acuñado en 2001 por Jim O´Neill, entón presidente da consultora Goldman Sachs Asset Management, e que identificaba a potencias emerxentes como Brasil, Rusia, India e China. Dentro desta perspectiva de ascenso dos países do Sur, en 2010 o BRIC ampliouse cara Sudáfrica, converténdose no BRICS actual.

(3)  Ver: FRASER, John, “Hay un BRICSIT en el horizonte”, Inter Press Service en español, Novembro de 2012. Enlace web: http://ipsnoticias.net/nota.asp?idnews=101928. Tamén consultar o enlace oficial do V Foro dos BRICS de Durban (Sudáfrica): http://www.brics5.co.za/ (en inglés)

(6) “Los BRIC pierden brillo”, op.cit, páxina 2.

(7) Ibid.