images publicacions IgadiPaper123

IgadiPaper nº123

Eleccións autárquicas en Portugal: algunhas tendencias notables

(25/2013)

Eleccións autárquicas en Portugal: algunhas tendencias notables

images publicacions IgadiPaper123a) Son comicios locais. Prudencia na análise

A pesar da fame que no vello continente existe por ver se o predominio absoluto e descarnado das políticas liberais (neoliberais, se se prefire) produce algún tipo de mudanza electoral, convén lembrar aquí que os comicios do pasado 29 de setembro en Portugal foron locais. E as eleccións locais non son o mellor indicador para tirar conclusións a nivel estatal.

É, de feito, máis probable que os resultados electorais locais poidan ter un impacto en posteriores comicios estatais do que que as políticas estatais teñan un claro reflexo no plano local. Moitas veces no local ensáianse solucións electorais para ver, en pequeno, cal pode ser o desempeño de tal ou cal opción política que, de primeiras, non vemos, por unhas ou outras razóns, en ámbitos de maior calado institucional.

Desde esta perspectiva pódense apuntar xa dous factores relevantes deixados polos pasados comicios lusos. O interese por experimentar ou reexperimentar gobernos comunistas, que pasan de 28 a 34 gobernos municipais, ou de diversos signos independentes. E o desinterese notable pola opción representada polo Bloco de Esquerda, que perde a única Cámara Municipal que xestionaba.

Independentes e, sobre todo, comunistas teñen unha magnífica oportunidade para faceren ver o carácter diferencial das súas propostas.

A partir daquí, a fin de podermos extrapolar algunhas conclusións xerais a partir dos resultados electorais locais, con certa solvencia, recorreremos ao estudo dos resultados nas 10 maiores cidades portuguesas. Nelas, o peso dos vínculos persoais coas persoas que integran as candidaturas dilúense, podendo ser determinantes, por contra, nos municipios de menor tamaño. E, por outro lado, polo seu relevo estratéxico para os partidos políticos, acostuman contar cun maior envolvemento por parte das súas elites organizativas e institucionais estatais, establecéndose así unha ligazón máis forte coa política gobernamental ou de oposición a nivel estatal.

Existen tendencias claras nos resultados desas grandes cidades? Si e, neste caso, en xeral, coinciden coas que se observan nos resultados xerais, ficando así, se cabe, mellor asentadas. Vexámolas.

b) Os partidos gobernantes sofren un castigo sen paliativos

Exceptúase da análise ao Porto, cun partido independente claramente vencedor que contou co apoio dun dos partidos gobernantes, o CDS-PP, e que á vez se proclama anti-partidos, de modo que resulta difícil calibrar o grao de identificación coas políticas gobernamentais que a persoa electora lle pode atribuír.

En 8 das outras 9 cidades a coalición gobernante foi castigada de modo claro, coa excepción de Braga, onde conseguiu un lixeiro ascenso. En media, PSD e CDS perderon a metade dos votos nesas 9 urbes, cando esta tendencia, levando en conta os votos tanto para os gobernos municipais como para as súas respectivas asembleas, é moito máis matizada no plano nacional.

Se a metodoloxía aquí escollida para analizar os resultados locais do pasado 29 é acertada, isto é un aviso claro e contundente para a coalición gobernante.

c) As esquerdas conseguen máis postos, non máis votos

Atendendo ao número de votos atinxidos polo PS nas 10 grandes cidades do país, o electorado portugués tamén manifestou o seu desgusto con esta opción partidaria. O PS consegue menos votos en 9 das 10, perdendo case o 20% do seu electorado nas grandes cidades. Porto, Loures ou Matosinhos son os casos máis chamativos, con perdas de entre o 40 e o 50%. A nivel nacional esta tendencia suavízase, ficando a perda de votantes no 10% en relación a 2009.

Os resultados do PCP son ambiguos e modestamente favorables para esta formación. Sobe en votantes en 6 das 10 cidades, mais o aumento de votantes en relación a 2009 non chega ao 3% nas 10 urbes. Cabe, máis falar, de que a efectos de apoio electoral, o PCP mantense. Neste caso, a tendencia mantense de modo moi semellante no plano nacional, onde o PCP sobe case un 2,4%.

Noutras análises fálase de resultados magníficos para ambas as formacións, en clave nacional, atendendo á tradución institucional dos votos de ambas que, nun contexto de grande abstencionismo e de baixada de votantes nos partidos de dereita, foi claramente positiva. Non se desmentirá aquí o éxito local das dúas formacións: o PS pasou de 132 a 149 presidentas e presidentes de Cámara e o PCP de 28 a 34. Son avances importantes no plano local, mais de escasa importancia no ámbito nacional, no inmediato. Son, si, unha oportunidade para exhibir opcións políticas diferenciadas das do goberno estatal e para dotarse de máis medios públicos de cara a uns comicios nacionais. Mais esta influencia será mediata e dependerá de moitos outros factores.

d) Institucións pobres... tamén en lexitimidade

O pasado 29 rexistrouse unha abstención histórica do 47,4%, a máis elevada desde as primeiras eleccións autárquicas celebradas en 1976. Se a isto sumamos os votos en branco e nulos, que máis que duplicaron os de 2009, chegando a superar os 340.000 sufraxios, encontrámonos con que o electorado que vota a algún partido e o que non o fai, están practicamente empatados.

Que significa isto? Tradicionalmente, nunca mellor dito, houbo quen interpretou a abstención como un voto de satisfacción co sistema. Segundo estas opinións, a persoa votante razoaría máis ou menos así: “todo vai funcionar máis ou menos ben independentemente do partido que gañar, de modo que non me tomarei o esforzo de ir votar”. Indo un pouco máis alá, mesmo hai quen afirme, desde as aulas da Facultade de Ciencias Políticas da USC, que un certo nivel de abstención resulta saudable en calquera democracia, porque unha participación total podería provocar algún tipo de colapso técnico (???).

Mais a quen tales teses defende cabería colocarlle a seguinte cuestión: de que maneira, non violenta, pode alguén mostrar o seu descontentamento nun sistema democrático neoliberal, á hora de votar, se non é absténdose, con voto nulo ou voto en branco?

Aplicando isto ao caso que nos ocupa, o electorado portugués móstrase perigosamente cansado do seu sistema de partidos políticos e do seu desempeño nas institucións públicas. Se esta tendencia se producise nunhas eleccións xerais cabería mesmo preguntarse so o democrática e moralmente correcto non sería a adopción de medidas extraordinarias, que poderían pasar por un período constituínte após un longo e serio debate social.

IGADI. 7 de outubro de 2013.