images publicacions IgadiPaper72

IgadiPaper nº72

Unha década do 11/S
(18/2011)

Unha década do 11/S

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper72Un balance da primeira década dos atentados terroristas acaecidos o 11 de setembro de 2001 en Nova York transmite un resultado contraditorio, especialmente para os dous principais actores implicados, a rede terrorista Al Qaeda e EEUU, país que sufriu uns atentados que transformaron o panorama internacional.

O entón presidente estadounidense George W. Bush (2001-2009) utilizou o 11/S como motor para afianzar unha axenda de dominación global por parte de Washington, concibida tralo final da confrontación bipolar coa ex URSS e a súbita e incerta emerxencia da denominada “posguerra fría”. Esta pretensión de supremacía unilateral estadounidense, fraguada nas polémicas guerras de Afganistán e Iraq e unha agresiva política exterior orientada a fender a legalidade internacional, deu paso a unha política de impunidade legal e xudicial que, en aras de preservar a seguridade internacional, violentaron sistematicamente os dereitos humanos. Os casos máis flagrantes desta impunidade son a base militar de Guantánamo, os cárceres de Abu Ghraib (Iraq) e Bagram (Afganistán), e os polémicos voos ilegais da CIA.

Ironicamente, o mundo post-11/S certificou o comezo do esvaecemento do poderío global de Washington e un dinámico cambio na xeopolítica global, confirmado coa paulatina perda de influencia no escenario internacional por parte de EEUU, ante o ascenso de potencias emerxentes como China, India ou Brasil, cunhas visións máis multilaterais e multipolares orientando unha orde contestataria contra a hexemonía estadounidense.

Do mesmo xeito, o fracaso político de Al Qaeda evidenciouse, curiosamente, tras asestar o 11/S o maior golpe á seguridade do seu principal inimigo. Se ben proliferou coa súa actividade terrorista e tras perder o seu bastión de refuxio no Afganistán controlado polo réxime Talibán (1996-2001), a rede creada polo recentemente abatido Osama ben Laden amosase actualmente diminuída no eido operativo e marxinalizada dentro do contexto político, unha perspectiva evidenciada ante a súa nula influencia nos cambios que actualmente acontecen no mundo árabe.

b) A errática “guerra contra o terrorismo”

Tras os atentados contra as Torres Xemelgas de Nova York o 11 de setembro de 2001, o entón presidente estadounidense George W. Bush declarou formalmente a “guerra internacional contra o terrorismo”, centrando a súa atención na destrución da rede terrorista Al Qaeda, fundada por Osama ben Laden en 1996, e acusada de perpetrar os considerados máis graves atentados terroristas da historia.

Dende entón, a estratexia de “guerra internacional contra o terrorismo” converteuse no bastión principal da política exterior e de seguridade de Washington, unha visión unilateralmente reproducida nos países considerados aliados de EEUU, coa pretensión de modificar o sistema institucional e legal internacional a favor dos postulados esgrimidos por Bush. Deste modo, o entón goberno “neoconservador” republicano na Casa Branca afianzou esta estratexia a través dos denominados “falcóns” de liña dura inseridos nas altas esferas do gabinete de Bush, principalmente Donald Rumsfeld, Dick Cheney, Paul Wolfowitz e Condoleeza Rice, os cales xa colaboraran con anteriores administracións republicanas no contexto da “guerra fría” durante os mandatos de Ronald Reagan(1981-1989) e George W. Bush pai (1989-1993).  

Por tanto, o 11/S permitiu acicalar unha “doutrina Bush” que rescatou a visión “reaganiana” esgrimida no “Proxecto para o Novo Século Estadounidense” (Project of the New American Century, PNAC) concibido a partir de 1997 polos sectores “neoconservadores” liderados por Rumsfeld, Cheney e Wolfowitz. Esta visión estipulaba a necesidade de “concentrar os esforzos para asegurar o liderado global estadounidense”, revitalizando o seu sector militar e industrial e desenvolvendo unha política exterior unilateral, identificando despois do 11/S á rede terrorista global Al Qaeda como o novo inimigo de Washington e das “democracias liberais occidentais”.

Así, Washington concentrou a súa atención en modificar a xeopolítica global a través das súas polémicas intervencións militares en Afganistán (avaliada pola ONU e a OTAN e entón refuxio do réxime Talibán e de Al Qaeda) e Iraq (sen contar neste caso co aval do Consello de Seguridade da ONU), coa perspectiva de transformar o sistema internacional de cara ás súas prioridades. O caso máis evidente foi o iraquí, tendo en conta que o PNAC concibía a necesidade de transformar o mapa xeopolítico de Oriente Próximo a favor dos intereses estadounidenses e do seu aliado israelí, con especial énfase en asegurar os intereses enerxéticos e a contención rexional dun hipotético Irán nuclear como potencia ascendente.

Esta excesiva obsesión de Bush por concentrar a atención en Iraq e Oriente Próximo diluíu severamente a atención sobre a complexidade que constituía o escenario centroasiático en Afganistán e Paquistán como principal factor de inestabilidade para Washington e os seus aliados. As incertas e inestables transicións post-Talibán en Afganistán e post-Saddam en Iraq converteron a ambos países en exemplos de complexidade para a diplomacia e as forzas armadas estadounidense, un aspecto que intensificará a súa inestabilidade unha vez se concreten as respectivas retiradas militares estadounidenses en ambos países entre 2011 e 2012.

Nesta década post-11/S, a impunidade legal e xudicial de Washington a nivel internacional foi o principal móbil de actuación, en aras de preservar a estratexia de “guerra internacional contra o terrorismo”. Os supostos de violacións de dereitos humanos por parte de Washington co aval de gobernos aliados en Europa, Asia, África e América Latina, foron evidentes ante casos tan flagrantes como a base militar de Guantánamo, os cárceres de Abu Ghraib (Iraq) e Bagram (Afganistán) e os polémicos voos ilegais da CIA.

c) O fracaso de Washington e Al Qaeda

Ironicamente, e lonxe de asentar a supremacía unilateral global estadounidense, o goberno de Bush acelerou de forma indirecta a perda de influencia de Washington nos asuntos globais, enmarcado nunha notoria falta de credibilidade que, no contexto actual, apenas logra reverterse dentro do “pragmatismo realista” afianzado polo seu sucesor presidencial Barack Obama a partir de 2009. Precisamente, o propio Obama, que prometeu infrutuosamente o peche de Guantánamo, reproduciu inicialmente o legado de Bush ao intuír que o principal risco para a seguridade estadounidense segue a ser Al Qaeda e o seu terrorismo “yihadista salafista”, unha visión lexitimada tras o asasinato do seu principal líder Osama ben Laden, nunha polémica operación secreta da CIA en maio pasado en Paquistán.

Por outra banda, cabe referirse a Al Qaeda e a súa década de actividade terrorista tras asestar o seu máis importante golpe o 11/S. A inmediata perda do seu refuxio Talibán en Afganistán obrigou á rede de Osama ben Laden a operar na porosa fronteira centroasiática con Paquistán. Se ben Al Qaeda e as súas células lograron executar importantes atentados en Bali (2002), Casablanca e Istambul (2003), Madrid (2004), Londres (2005) e Bombai (2009), na actualidade apréciase un notorio debilitamento político da súa cúpula (liderada nestes momentos polo exipcio Aywan al Zawahiri),cunha operatividade diminuída, con escaso nivel de financiamento e de repercusión social e política no mundo musulmán, dando paso á necesidade dunha radical descentralización das súas células como única garantía de supervivencia.

Deste modo, as redes de Al Qaeda tentan actualmente asentarse no Corno de África, no Golfo de Adén e no Golfo Pérsico, así como nun Magreb actualmente sacudido polas revoltas populares democráticas contra réximes autocráticos, un factor que confirma de novo o fracaso político de Washington cara o mundo árabe. Estas revoltas democráticas árabes evidencian unha realidade que supera incluso o legado do propio Osama ben Laden, cuxa marxinalidade dentro da rede terrorista e como referencia de loita no mundo musulmán era notoria antes de ser abatido.

d) Unha nova xeopolítica post-11/S

Se tomamos en conta o acontecer internacional de 2011, apréciase inmediatamente a escasa repercusión que ten na actualidade a vixencia do 11/S como principal referencia da política e seguridade mundiais.

A rebelión política no mundo árabe (coa actual guerra en Libia como principal foco de atención) e a crise económica global, larvada por diversos escándalos financeiros e a proliferación de resistencias contra un modelo político e económico “neoliberal” imperante nas últimas décadas, constitúen algunhas das variables que están definindo o mundo post-11/S, incluso desprazando a este suceso do centro da atención global.

Paralelamente, a unilateralidade de Washington defendida na “doutrina Bush” deu paso á incerta aceptación do multilateralismo por parte do goberno de Obama que, atendendo a diversas perspectivas, anuncia o progresivo declive da hexemonía global estadounidense. A última década propiciou a aparición de “potencias emerxentes” no contexto global, con especial atención no ascenso de China, Brasil, India e, en menor medida, Turquía; na recuperación de Rusia como actor influente no escenario internacional; e a aparición de modelos políticos alternativos e de integración rexional en América Latina, África e o sueste asiático, contestatarios co modelo “neoliberal”.

Os excesos da pretendida preponderancia global de Washington diminuíron a súa influencia e asentaron un mundo máis multipolar que, curiosamente, fortaleceu a países considerados inimigos como Irán, cuxa potenciación como actor relevante en Oriente Próximo e no Golfo Pérsico, paralelo a unha activa diplomacia noutros escenarios como América Latina ou África, está acelerándose a medida en que avanza no seu programa nuclear. Ese aspecto igualmente revela certa perda de influencia de Israel dentro do contexto rexional, atenazada polo distanciamento adquirido polo goberno de Obama e doutros aliados rexionais como Turquía, así como da súa indefinición ante os cambios no contexto do mundo árabe. Precisamente, este fracaso da política estadounidense e, indirectamente, israelí, evidenciouse coa súa errática percepción e actuación ante os actuais cambios no mundo árabe, con especial atención trala caída do presidente exipcioHosni Mubarak, aliado estratéxico de Washington e Tel Aviv.

No caso europeo, o mundo post-11/S igualmente confirmou a debilidade política da Unión Europea como actor global, incluso inserida nunha crise de identidade que afecta á viabilidade da súa integración, especialmente determinada pola crise económica ou, indirectamente, pola progresiva proliferación dunha tendencia populista de dereita e coa aceptación de medidas antiinmigración.

No plano da estratexia militar, o mundo post-11/S afirmou un novo tipo de confrontación, a “guerra asimétrica”, así como polémicos móbiles de actuación dentro da legalidade internacional, como o concepto da “Responsabilidade de Protexer” que ten actualmente na guerra de Libia o seu exemplo máis visible e polémico. Igualmente, Washington afianzou unha especie de “brazo militar” para a CIA, dentro dun proceso de revitalización do seu complexo militar e industrial orientado a potenciar a actuación das “forzas especiais” e das “operacións secretas” como baluartes da estratexia da “guerra asimétrica” contra un inimigo non convencional. Deste modo, EEUU aumentou de 1.800 forzas especiais a nivel mundial en 2001 a 25.000 na actualidade, cun radio de actuación dirixido a escenarios post-bélicos como Iraq e Afganistán e outros considerados “estratéxicos”, como Iemen, Paquistán, Somalia, Filipinas ou Nixeria.

No mundo post-11/S, o terrorismo “yihadista salafista” e incluso doutras tendencias e manifestacións de carácter político ou ideolóxico, seguirá a constituír un problema para a seguridade internacional pero non a prioridade sobre a qué asentar un novo modelo, tal e como esperaban dende dúas ópticas confrontadas tanto Bush como Osama ben Laden. Por tanto, o mundo de 2011 revela, dalgún modo, a obsolescencia  política do 11/S.

IGADI, 6 de setembro de 2011