images publicacions IgadiPaper65

IgadiPaper nº65

Portugal: Passos para o rescate
(11/2011)

Portugal: Passos para o rescate

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper65A vitoria da dereita nas eleccións lexislativas portuguesas celebradas o pasado 5 de xuño, proxectando ao líder do Partido Social Demócrata (PSD), Pedro Passos Coelho cara a xefatura do goberno en Lisboa, remata o ciclo de dominio do Partido Socialista (PS) iniciado en 2005 co ata agora primeiro ministro José Sócrates, desta vez varrido polos efectos da crise económica e dun rescate financeiro internacional valorado en 78.000 millóns de euros.

Cun goberno do PSD practicamente establecido e próximo á maioría absoluta, en gran medida fortalecido polo apoio que terá na Asemblea da República doutro partido da dereita, o CDS-PP, sumando 129 deputados dun total de 230 escanos, así como polo respaldo da Presidencia da República en mans do histórico líder conservador Aníbal Cavaco Silva, o próximo primeiro ministro Passos Coelho afrontará un escenario político máis favorable para negociar coa denominada troika que xestiona os designios da economía portuguesa, conformada polo Banco Central Europeo (BCE), a Comisión Europea e o Fondo Monetario Internacional (FMI).

Esta troika observa con beneplácito a vitoria da dereita portuguesa, en especial á hora de aprobar os plans de axuste macroeconómico e de recortes no gasto público, un escenario dificilmente posible ante a perspectiva dun goberno minoritario con Sócrates como primeiro ministro. Precisamente, o propio Cavaco Silva urxiu a Passos Coelho a formar inmediatamente un novo goberno, con preferencia antes do vindeiro 23 de xuño.

Un próximo goberno do PDS/CDS-PP deixa nunha complexa situación á esquerda portuguesa, con 97 escanos parlamentarios repartidos entre o PS, a Coligaçao Democrática Unitaria (CDU)-Partido Comunista Portugués (PCP) e o Bloco de Esquerda. Ao mesmo tempo, a elevada abstención, cifrada nun 41,1%, certifica a sensación de cansazo social e de distanciamento da clase política dos cidadáns, sumamente preocupados polos efectos da recesión económica e da desocupación laboral, estimada en 12,6% a finais de abril de 2011. En clave política, esta elevada abstención tamén constitúe un factor a ter en conta polo próximo goberno portugués.

b) Passos Coelho abre un novo ciclo

Tras as eleccións lexislativas do pasado 5 de xuño, o mapa político portugués mudou de forma considerable para o período de goberno 2011-2015. O  centrodereita do Partido Social Demócrata (PSD), liderado por Pedro Passos Coelho, alcanzou o 38,3% dos votos, con 105 deputados, o seu mellor resultado só superado polas maiorías absolutas alcanzadas polo seu histórico líder e actual Presidente da República portuguesa, Aníbal Cavaco Silva, nas eleccións de 1985 e 1991.

Pola súa banda, o ata agora gobernante Partido Socialista (PS) do primeiro ministro José Sócrates, sufriu unha importante caída con respecto aos comicios de 2009, alcanzando o 28,05% dos votos, cun total de 73 deputados, o peor resultado deste partido desde 1991. O dereitista Centro Democrático Social-Partido Popular (CDS-PP) liderado por Paulo Portas, alcanzou o 11,74% dos votos, con 24 deputados. Outros partidos, na esquerda, como a Coligaçao Democrática Unitaria (CDU)-Partido Comunista Portugués (PCP) e o Bloco de Esquerda, alcanzaron respectivamente o 7,94% (16 deputados) e o 5,19% (8 deputados).

Deste modo, o novo panorama político portugués sinala unha clara hexemonía da dereita na Asemblea da República, a través dunha coalición PSD/CDS-PP que permitirá abordar un período de maior estabilidade política, en particular á hora de dar curso ao draconiano programa económico de axuste esixido pola denominada troika que xestiona a economía portuguesa desde marzo pasado. Cun rescate financeiro valorado en 78.000 millóns de euros, esta troika precisaba dun goberno maioritario en Lisboa que permitira a aprobación inmediata das reformas económicas estipuladas, razón pola que recibiron con beneplácito a vitoria de Passos Coelho.

Obviamente, estes comicios certificaron unha gran derrota para Sócrates e o PS, afectados polo nivel da crise económica e unha errática andaina política nos derradeiros meses, que levaron a dimisión do goberno e ao adianto electoral. Tras os resultados do domingo 5, a dimisión inmediata de Sócrates como secretario xeral do PS confirma igualmente o seu desprazamento político. Xunto a el, o outro gran derrotado da cita electoral é o Bloco de Esquerda, liderado por Francisco Louça, que perde a metade dos seus deputados con respecto aos comicios de 2009, pasando de 16 escanos a 8. Non obstante, o óptimo resultado alcanzado pola CDU-PCP, liderado por Jerónimo de Sousa, matiza en gran medida o fracaso deste segmento político e ideolóxico, sendo o único partido da esquerda en crecer eleitoralmente, gañando un deputado con respecto aos comicios de 2009. 

Caso aparte merecen dous factores políticos aparentemente periféricos, como son a elevada abstención (41,4%), un índice histórico polo seu elevado nivel en eleccións lexislativas; e a aparición do fenómeno do Movemento 12 de Marzo (M12M), popularmente coñecido como Geraçao á rasca, con síntomas de descontento cidadán similares ao Movemento 15 de Maio no Estado español.

Como sucedera co 15/M nas eleccións municipais españolas do pasado 22 de maio, o M12M en Portugal tentou chamar a atención respecto ás súas demandas e protestas, con relevante intensidade, manifestada nunha abstención electoral que certifica o nivel de distanciamento e descontento cidadán coa súa clase política. Días antes das eleccións, o M12M presentou un documento no que demandaba un referendo popular para decidir sobre as medidas do rescate financeiro, así como o remate coas listas electorais pechadas.

c) Un draconiano programa de axuste

Con este panorama, o goberno dereitista de Passos Coelho cumprirá cos acordos establecidos no Memorando de Rescate adoptado polo goberno de Sócrates coa Unión Europea e o FMI en marzo pasado. As reformas macroeconómicas e a redución do gasto público moi probablemente darán paso aos grandes recortes en materia de infraestruturas (principalmente das liñas de Alta Velocidade Lisboa-Madrid e Vigo-Porto). Tamén está en perspectiva un amplo plan de privatizacións de empresas e entidades con participación estatal, como son os casos do banco Caixa Geral, do xestor Aeroportos de Portugal (ANA), da liña aérea portuguesa TAP Air Portugal, Correos de Portugal (CTT) e das participacións estatais nas empresas eléctricas Energías de Portugal (EDP) e da Rede Eléctrica Nacional (REN). O novo goberno portugués espera recadar aproximadamente 6.000 millóns de euros a finais de 2011, que servirán para cumprir pagamentos da débeda pública portuguesa.

Durante a campaña electoral, o propio Passos Coelho recoñeceu que o Memorando datroika cumpre cos postulados do programa político do PSD, especialmente en materia de regulación do mercado laboral e empresarial, das reformas no sistema xudicial, no mercado inmobiliario, da sanidade, educación, servizos públicos e dimensións do sector público, entre outros. Velaí en gran medida a satisfacción causada pola súa vitoria tanto en Bruxelas como no FMI, así como nos investidores estranxeiros e na leve caída da prima de risco da débeda portuguesa, no luns 6 posterior ás eleccións.

Paralelamente, diversas fontes financeiras especulan con que o Goberno de China e investidores deste país asiático poderían converterse en fortes compradores dos bonos que o Mecanismo de Estabilidade Financeira (EFSF polas súas siglas en inglés) emitirá este mes de xuño para financiar o rescate portugués. Beijing posúe cantidades significativas de débeda soberana portuguesa e grega. China tamén participou en xaneiro pasado na oferta de financiamento do rescate irlandés, aínda que sen desvelar a cantidade.

Non obstante, o panorama socioeconómico dista moito de xerar óptimas expectativas. A Oficina de Estatística da UE e o Instituto Nacional de Estatística (INE) portugués estimaron o desemprego en 12,6% da poboación economicamente activa en abril de 2011. En maio de 2011, o INE calculou que un 20% da poboación, un total de dous millóns de persoas, viven baixo o limiar da pobreza, a metade delas persoas con máis de 70 anos. Igualmente, o FMI estimou un crecemento cero da economía portuguesa en 2011, incluso coa predición dunha caída estimada en 2% para 2012, escenario que certifica unha prolongada etapa de recesión económica para Portugal, xusto no período de goberno de PDS/CDS-PP.

d) Galicia tras as eleccións portuguesas

Resulta indubidable que o novo mapa político portugués repercutirá considerablemente en Galicia, principalmente no aspecto económico aínda que tamén se manteñen paralelismos de carácter político e electoral, a tenor da recente e contundente vitoria do Partido Popular de Galicia (PPdG) nas eleccións municipais celebradas o pasado 22 de  maio.

Un goberno de Passos Coelho e da coalición PSD/CDS-PP en Lisboa certificará un retraso máis prolongado da finalización do AVE entre Vigo e Porto, en principio previsto para finalizar en 2015. Paralelamente, a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e o Eixo Atlántico, solicitaron unha inmediata reunión con Passos Coelho para considerar as consecuencias negativas no comercio transfronteirizo derivadas da posta en marcha do cobro nas autovías SCUT portuguesas desde outubro de 2010 no Norte de Portugal, e que se estenderon en abril pasado ao resto do país, no marco do pacto de goberno estipulado polo ex primeiro ministro Sócrates co PSD.

Precisamente, o Eixo Atlántico advertiu recentemente da caída dun 14 e 20% do tráfico entre as autovías portuguesas A-27 e A-28, respectivamente, así como unha caída do 50% do comercio transfronteirizo. O novo panorama político portugués e a persistencia da crise económica igualmente influirán noutras entidades de cooperación transfronteiriza, como a Asociación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) entre Galicia e o  Norte de Portugal, así como na recen constituída Rexións do Suroeste Europeo (RESOE) entre Galicia, Norte de Portugal e Castela e León.

IGADI, 9 de xuño de 2011