“Guerra de disuasión” en Siria
(13/2013)
“Guerra de disuasión” en Siria
a) Introdución
Os ataques aéreos “selectivos” realizados por Israel a comezos de maio contra posicións militares do réxime de Bashar al Asad en Damasco, deixa entrever diversos sinais en clave xeopolítica enmarcadas na atmosfera actual de Oriente Próximo, escenarios que involucran tanto a actores rexionais (Siria, Israel, Turquía, Irán, o movemento islamita libanés Hizbulá, entre outros) como globais (EUA, China, Rusia), con estratéxicos intereses na rexión.
Non obstante, mais que o preludio dunha nova espiral bélica, os movementos en torno a esta crise semellan amosar unha variable persuasiva e de disuasión de carácter militar, político e estratéxico relacionada co futuro de Siria e o seu impacto rexional. Tras mais de dous anos de guerra civil en Siria cun incerto escenario de “guerra de posicións” sumamente estacionario entre as forzas leais ao réxime e os rebeldes sirios agrupados no heteroxéneo e relativamente unido Consello Opositor Sirio, en Damasco non se presentou un abrupto cambio de poder similar ao acaecido no Iraq de Saddam Hussein ou na Libia de Muammar al Gadafi, casos verificados a través de intervencións militares internacionais lideradas por EUA.
Neste sentido, resulta notorio destacar a converxencia de intereses entre Washington e Tel Aviv, tanto no aspecto da presión diplomática como na realización destes ataques aéreos, toda vez que o goberno de Barack Obama segue a recear dunha maior implicación ou intervención militar en Siria similar á acaecida anteriormente, no marco da OTAN, en Libia en 2011. Antes de producírense os citados ataques, EUA apoiou tacitamente as declaracións dun alto mando israelí sobre a presunta utilización de armamento químico por parte do réxime de Bashar al Asad contra a poboación civil.
Paralelamente, é evidente a existencia dun “pacto tácito” entre Moscova e Washington, moi probablemente orientado a evitar friccións bilaterais en torno a Siria. Do mesmo xeito, estes ataques israelís con tácito apoio estadounidense poden supoñer mensaxes de presión e disuasión cara outros dous actores con intereses en Siria: Irán e China.
b) Un laboratorio de intereses en Siria
Os recentes ataques aéreos israelís contra instalacións militares do réxime de Bashar al Asad en Siria supoñen unha manifestación tanxencial que evidencia a posibilidade de expansión rexional dun conflito interno abruptamente atomizado e que, dende febreiro de 2011, leva provocado a morte duns 70.000 civís.
Oficialmente, Tel Aviv xustificou estes ataques aéreos na destrución dos mísiles Fateh-110 de fabricación iraniana e os Scud-DS de fabricación siria, así como da batería antiaérea SA-17 de fabricación rusa([1]), e que eventualmente poderían ser utilizados contra posicións israelís dende o Sur do Líbano por parte do movemento islamita Hizbulá, tradicional aliado do réxime de Bashar al Asad así como de Irán.
Esta sensación “prebélica” ven intensificándose dende abril pasado, cando Tel Aviv activou unha acción táctica de ataque contra Damasco tralas acusacións realizadas por Itai Baron, xefe da unidade de investigación da Intelixencia Militar israelí, sobre a presunta utilización de armamento químico (gas sarín) por parte das forzas leais ao réxime contra a poboación civil, en especial en combates contra milicias rebeldes na localidade de Aleppo. Cabe sinalar que o pasado 6 de Maio, Carla del Ponte, responsable dun dos equipos da ONU encargados de investigar estes incidentes, anunciaba que existían “indicios poderosos” de que os rebeldes, non o goberno, fixeran uso do gas sarín.
Dende Washington, a posición do goberno de Barack Obama foi a de secundar tacitamente estas acusacións israelís así como os posteriores ataques aéreos, probablemente convencido da necesidade de activar medidas punitivas contra o réxime de Bashar al Asad e persuasivas cara os seus aliados, principalmente Rusia, Irán e China. Non obstante, Washington evita implicarse directamente na crise siria, sexa a través dunha intervención militar ou ben apoiando aos rebeldes, a diferenza do que ocorreu coa intervención da OTAN en Libia entre marzo e novembro de 2011 e que levou á caída do réxime de Muammar al Gadafi.
Así e todo, o actual contexto confirmaría un cambio abrupto de posición por parte do goberno de Obama contra o goberno sirio (e indirectamente contra Irán), adoptando unha posición mais directa ao mesmo tempo que activa diversos canais diplomáticos de persuasión a fin de asegurar a neutralidade de Rusia e China ante calquera resolución contra Siria que se votase no Consello de Seguridade da ONU. Precisamente, este tácito apoio estadounidense a Israel na crise siria implicou con anterioridade unha especie de acomodo de posicións entre Washington e Moscova, tendente a asegurar o respecto a determinadas “liñas vermellas” dentro do conflito sirio.
Estas “liñas vermellas” identificaríanse en, primeiro lugar, en atender as demandas do presidente ruso Vladimir Putin de asegurar a cando menos aparente negativa de Obama á hora de apoiar aos rebeldes sirios, tendo en conta que Moscova posúe relevantes intereses en Siria, xeopolíticos, económicos e militares, en especial a presenza na base mediterránea de Tartus e contratos militares valorados en US$ 1.500 millóns. Cunha relación militar e xeopolítica que procede dos tempos da ex URSS([2]), Siria recibe anualmente un 10% das exportacións de armamento rusas.
Asegurando esta eventual non implicación directa de Obama en Siria, Moscova e Washington negociarían unha saída política, a través dunha Conferencia Internacional prevista para finais de maio e acordada na recente visita de John Kerry a Rusia, coa perspectiva dun aparente distanciamento ruso con respecto ao seu aliado, incluso no caso da súa eventual caída.
c) EUA e Israel temen ao islamismo radical
Se ben Washington non agocha o seu interese en propiciar a caída de Bashar al Asad([3]), preocúpalle máis a posibilidade dun fortalecemento das células islamitas radicais incrustadas entre os rebeldes sirios. Un caso particular de preocupación corresponde á Fronte Jabat al Nusra, que en abril pasado anunciou formalmente a súa alianza con Al Qaeda en Iraq. Entre os rebeldes sirios existen outras células “yihadistas” radicais de carácter aparentemente mais independente, tales como Ahar al-Sham, as brigadas de Al-Haqq, Liwa al-Tawhid ou Fajr al-Islam, con incertos intereses e posicións.
Neste sentido, a preocupación principal para EUA centraríase na posible captación do arsenal químico e militar por parte destas células islamitas, cun eventual radio de actuación que implicaría incertas alianzas coas células de Al Qaeda en Iraq, así como de cara aos movementos Hizbulá (Líbano), Hamas e Yihad Islámica (Palestina) e outras células radicais en Oriente Próximo.
A fin de evitar a reprodución en Siria do caótico Iraq post-Saddam, Washington igualmente espera que unha eventual caída de Bashar al Asad conleve un escenario de transición moderado por actores externos estratexicamente aliados como Turquía, Arabia Saudita e Catar, cuxos intereses en Siria son mais notorios e directos, á vista dos seus respectivos apoios político, diplomático, militar e loxístico aos rebeldes sirios.
Pola súa banda, Israel baralla perspectivas probablemente máis incómodas, debido á certificación de que ningún dos escenarios presentados en Siria lle convén de forma absoluta a Tel Aviv. A alianza do réxime sirio con Irán e o seu tácito apoio a Hizbulá e Hamas son factores de constante irritación para Tel Aviv, en especial ante o peso estratéxico que cobra Teherán. Pero un eventual caótico final de Bashar al Asad que potencie ás células “yihadistas salafistas” sería un escenario aínda máis pernicioso para os intereses israelís.
Confluíndo cos intereses de Washington, Tel Aviv semella mais ben apostar por unha transición post-al Asad tutelada por elementos “moderados” dentro do Consello Opositor Sirio, contando co apoio de Turquía, Arabia Saudita e Catar. Auspiciado por Obama e previo ás acusacións contra Bashar al Asad polo armamento químico e os ataques aéreos en Damasco, o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu activou xestos conciliadores cara un aliado estratéxico como Turquía, que lle levou a pedirlle perdón ao goberno de Recep Tayyip Erdogan polo ataque á flotilla turca cara Gaza en 2010.
Este (re) achegamento turco-israelí([4]), que ten igualmente implicacións xeopolíticas e militares cara Irán, ocorreu de forma paralela á presión diplomática de Washington orientada a asegurar a neutralidade rusa e chinesa no conflito sirio.
d) Obxectivos colaterais: China e Irán
Pero existen outros dos actores aos que, de forma indirecta e persuasiva, puideron estar “dirixidos” estes ataques aéreos israelís: Irán e China. No caso iraniano, que celebrará eleccións presidenciais o próximo 14 de xuño, esta “disuasión prebélica” en Siria implicaría igualmente abrir un apéndice da presión internacional liderada por EUA e a AIEA contra o programa nuclear de Teherán.
Preocupada polas expectativas en materia de equilibrio nuclear en Oriente Próximo ante a perspectiva dun Irán con capacidade atómica, Israel intensifica as súas acusacións contra Teherán de presunta implicación directa na defensa do réxime sirio, así como a través da xa tradicional asistencia loxística iraniana a Hizbulá e Hamas.
Pola súa banda, China, que conta con importantes intereses estratéxicos e enerxéticos en Oriente Próximo, ven implicándose nos últimos tempos como actor diplomático de relevancia na rexión. Entre o 25 e 30 de abril, o seu enviado especial para Oriente Próximo, Wu Sike, realizou unha xira rexional orientada a promover marcos de negociación para a paz entre palestinos e israelís. A posición oficial de Pequín no conflito palestino-israelí aposta polo recoñecemento dun Estado palestino coas fronteiras de 1967 e con capital en Xerusalén Leste([5]).
Precisamente, os ataques aéreos israelís en Siria coincidiron coas respectivas visitas a Pequín por parte do presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abbas, e do primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu, realizadas a principios de maio. Ambas visitas confirmaron o ascendente papel de China en Oriente Próximo, a cada paso menos discreto, unha perspectiva que podería deparar importantes repercusións no contexto xeopolítico rexional.
IGADI. 08 de maio de 2013
([1]) Consultar os artigos de FISK, Robert, “The Truth is that after Israel´s air strikes, we are involved”, The Independent, 5 de maio de 2013. Ver en: http://www.independent.co.uk/voices/comment/robert-fisk-the-truth-is-that-after-israels-air-strikes-we-are-involved-8604593.html; e KOTSEV, Viktor; “Multiple signs behind Israel´s Syria strikes”, Asia Times, 6 de maio de 2013. Ver en: http://www.atimes.com/atimes/Middle_East/MID-01-060513.html. Ambos publicados en Rebelión (España)
([2]) A URSS e Siria asinaron un Tratado de Amizade e de Cooperación en 1970, ano no que o pai do actual presidente sirio, Hafez al Asad, tomou o poder en Damasco. Rusia respectou este pacto trala disolución da ex URSS, o cal intensificou a relación militar entre Moscova e Damasco. Se cre que durante este tempo, Siria albergou entre 3.000 e 4.000 conselleiros militares rusos. Para maior información sobre os intereses de Rusia e China en Siria, consultar o artigo de DEEN, Thalif; “Rusia y China blindan a Siria de posibles sanciones”, Inter Press Service en español, 10 de xuño de 2011. Ver en_ http://www.ipsnoticias.net/nota.asp?idnews=98385
([3]) Fontes oficiais en EUA aseguran que dende febreiro pasado, o presidente Obama recibe fortes presións da CIA e do Departamento de Estado a través da elaboración dunha estratexia de implicación de Washington en Siria que promove o apoio loxístico e militar aos rebeldes sirios. Para maior información, consultar o artigo de ARAABI, Samer; “Gobierno de EEUU dividido sobre Siria”, Inter Press Service en Español, febreiro de 2013. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/nota.asp?idnews=102363
([4]) “Israel y Turquía cruzan sus órbitas”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 840, 6 de maio de 2013. Páxina 5.
([5]) “China dispuesta a ofrecer ayuda para reunión de líderes Palestina-Israel”, Diario del Pueblo en español (China), 4 de maio de 2013. Ver en: http://spanish.peopledaily.com.cn/31621/8232196.html