IgadiPaper nº171 - Galicia gaña relevancia na CPLP

IgadiPaper nº171

Galicia gaña relevancia na CPLP

(8/2016)

Galicia gaña relevancia na CPLP

a) Introdución
IgadiPaper nº171 - Galicia gaña relevancia na CPLP

A celebración do XI Cumio da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) realizado o pasado 1 de novembro en Brasilia, deu paso á adopción dunha axenda estratéxica que trazará os pasos a seguir durante a próxima década por parte deste organismo. Neste sentido, baixo o título “A CPLP e o Desenvolvemento Sostible 2030”, a Declaración de Brasilia define unha axenda para os próximos anos orientada a fortalecer a súa presenza nos foros internacionais así como ao fomento da cooperación Sur-Sur.

Galicia encara unha oportunidade histórica á hora de ampliar a súa proxección neste organismo. No cumio de Brasilia decidiuse outorgar ao Consello Galego da Cultura o status de Observador Consultivo, aspecto que recoñece institucionalmente os avances realizados ata agora en Galicia para abrir canais de inserción na CPLP. Destaca particularmente neste sentido a aprobación por unanimidade (marzo de 2014) por parte do Parlamento de Galicia da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) “Paz Andrade” para o ensino do idioma portugués no sistema educativo galego.

Outros avances cómpre referir no eido político, en particular trala recente campaña electoral dos comicios autonómicos do pasado 25 de setembro. Na súa axenda electoral, o Partido Socialista de Galicia (PSdG) incluíu a reivindicación de ingreso galego na CPLP, petición formalmente realizada ante o primeiro ministro portugués António Costa. Con anterioridade, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) tamén realizou unha reivindicación similar.

Cabe igualmente sinalar as posibilidades que se abren para Galicia dentro da CPLP coa recente designación do portugués António Guterres como novo secretario xeral da ONU. Durante a súa etapa como primeiro ministro (1995-2002), Guterres foi un dos artífices da creación da CPLP en 1996, así como un dos grandes impulsores da integración transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal.

Por tanto, e con motivo do 20º aniversario da CPLP, a Declaración de Brasilia aprobou esta Nova Visión Estratéxica 2016-2026, renovando así o seu compromiso por afondar na cooperación política e diplomática, na cooperación multisectorial e na promoción e difusión da lingua portuguesa a nivel mundial. Nesta Declaración tamén se concedeu o status de Observador Asociado a Hungría, a República Checa, Eslovaquia e a República Oriental do Uruguai, como paso decisivo para impulsar estratexias de maior inserción dos respectivos Observadores Asociados no organigrama institucional da CPLP.

b) O status de Observador Consultivo

A Declaración de Brasilia que propiciou a adopción da Nova Visión Estratéxica 2016-2026 por parte da CPLP pode abrir un novo marco de influencia de Galicia neste  organismo.

Na actualidade, a CPLP está oficialmente constituída por nove países: Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea Bissau, Guinea Ecuatorial, Mozambique, Portugal, São Tomé e Príncipe e Timor Leste. Compre igualmente considerar que dentro da CPLP existen outras entidades que manteñen o status de Observador Consultivo. Con anterioridade, outras localidades de fala portuguesa como Goa, Damão e Diu (India) tamén solicitaron ingresar na CPLP a través deste estatuto de Observador Consultivo. Toda vez, este organismo mantén contactos de índole cultural e lingüística con outros países con comunidades de fala portuguesa, como son os casos de Malaisia, Sri Lanka, Singapur, Tailandia, Australia, Indonesia e Myanmar.

Neste sentido, previo ao XI Cumio de Xefes de Estado e de Goberno da CPLP, celebrouse o pasado 31 de outubro a XXI Xuntanza do Consello de Ministros deste organismo, na que decidiuse atribuír a categoría de Observador Consultivo a sete novas entidades:

  • Consello da Cultura Galega (Galicia);
  • Fundação João Lopes (Cabo Verde);
  • Instituto Pedro Pires de Estudos Cabo-Verdianos, da Universidade de Bridgewater (EUA);
  • Instituto para a Promoción e Desenvolvemento da América Latina (IPDAL);
  • Plataforma de Entidades Reguladoras da Comunicación dos Países e Territorios de Lingua Portuguesa (PER);
  • DASP – Sociedade Alemá para os Países Africanos de Lingua Portuguesa;
  • Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa.

A categoría de Observador Consultivo foi atribuída considerando o disposto no Regulamento dos Observadores Consultivos da CPLP, adoptado pola XIV Xuntanza do Consello de Ministros da CPLP, realizado na cidade da Praia (Cabo Verde), a 20 de xullo de 2009.

No marco da XI Conferencia de Xefes de Estado e de Goberno da CPLP, a Declaración de Brasilia tamén estipulou a elevación á categoría de Observador Asociado á República de Hungría, a República Eslovaca, a República Checa e a República Oriental do Uruguai. Esta categoría foi atribuída a estes países tomando en conta a diversidade de lazos de cooperación que manteñen estes países co mundo lusófono e, no caso uruguaio, pola súa proximidade xeográfica coa República Federativa de Brasil. Elevando o seu status a Observador Asociado, estes novos membros asumen o compromiso de afondar os lazos a nivel político, económico e cultural coa CPLP, en particular no cometido de promover e difundir o ensino e aprendizaxe da lingua portuguesa.

c) Oportunidades na axenda 2016-2026

A presenza na CPLP a través do Consello da Cultura Galega, outórgalle a Galicia un elemento estratéxico vital na coordinación de relacións co mundo lusófono por medio da CPLP, aínda que as mesmas estean oficialmente supeditadas a súa aprobación por parte do Estado español. Non obstante, a propia CPLP transmitiulle á Xunta de Galicia (xuño de 2016) a condición de que Galicia é candidata firme para eventualmente converterse en membro pleno deste organismo, tal e como manifestou en comparecencia parlamentaria o propio secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García([1]).

Segundo datos da Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia (xuño de 2016), mais de 3.500 persoas estudan o idioma portugués no sistema educativo galego, amparadas polo cumprimento da Lei 1/2014 do 24 de marzo de 2014, mellor coñecida como a ILP “Paz Andrade”.

Neste sentido, no curso educativo 2015/2016, un total de 60 centros educativos en Galicia imparten a materia de Lingua Portuguesa como segunda lingua estranxeira, alcanzando así a mais de 1.600 alumnos. Paralelamente, a colaboración por parte do  Instituto Camôes para o ensino e aprendizaxe do portugués alcanza un total de 10 centros educativos galegos, abarcando uns 495 alumnos, toda vez uns 4 centros educativos imparten un total de 8 seccións bilingües en portugués, ó redor de 200 alumnos. Por outra banda, unhas 1.127 persoas cursan o portugués nas respectivas  Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) existentes en Galicia([2]).  Estes feitos avanzan  aspectos salientables para o aproveitamento en Galicia da ensinanza da lingua portuguesa e dos seus vínculos co mundo lusófono, neste caso a través da CPLP.

Estes marcos de concreción comezan igualmente a manifestarse no eido político. Con motivo da campaña electoral para os comicios autonómicos galegos do pasado 25 de setembro, o Partido Socialista de Galicia (PSdG), a través de David Balsa, trasladou ao primeiro ministro portugués António Costa a proposta de que Galicia sexa incluída como membro pleno na CPLP, petición realizada en Coimbra (Portugal), durante un congreso extraordinario ([3]).

No 2012, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) solicitou formalmente o ingreso de Galicia na CPLP, neste caso fora baixo o status de Observador Asociado. Cumpría así co estipulado no artigo 35.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia (1981), que permite a posibilidade de establecer relacións culturais con aqueles Estados cos que manteña “particulares vínculos culturais e lingüísticos([4]), aspecto indispensable que achega a proximidade cultural e lingüística de Galicia co mundo lusófono.

Paralelamente, o  artigo 8 do estatuto da CPLP (1996) establece que o ingreso como Observadores Asociados remite a “aquelas entidades territoriais que teñan órganos de administración autónomos([5]), condición plenamente adquirida por Galicia en tanto que Comunidade Autónoma. Na Declaración de Brasilia([6]) estableceuse como aspecto prioritario desta axenda 2016-2026 que o Secretariado Executivo da CPLP avanzara na coordinación e intensificación cos Estados membro de políticas de maior inserción dos Observadores Asociados dentro da organización, aspecto que eventualmente elevaría o papel e a presenza de Galicia no seo da CPLP. 

d) O momento da CPLP

Con motivo do seu 20º aniversario, o XI Cumio de Brasilia certificou o avance e a amplitude da CPLP como un proxecto político autónomo, enmarcado na visión da cooperación multilateral Sur-Sur dentro dun sistema multipolar non hexemónico. Deste xeito, as súas sinais de identidade permiten configurar un proxecto de ampla repercusión demográfica e xeográfica, con 270 millóns de habitantes de fala portuguesa espallados en catro continentes: América, Asia, África e Europa.

Como acontecera anteriormente co cumio dos BRICS celebrado en Goa (India) a mediados de outubro, o recente cumio da CPLP foi o primeiro neste sentido para o anfitrión, o actual presidente brasileiro Michel Temer, figura esencial dentro do controvertido proceso de impeachment contra a ex presidente Dilma Rousseff. Tanto Rousseff como o seu antecesor Lula da Silva (2003-2011) foron importantes defensores e impulsores da CPLP a través de proxectos de cooperación Sur-Sur no marco da lusofonía, achegando especialmente proxectos de relación estratéxica entre Brasil e a África lusófona.

Con todo, Temer foi elixido ata 2018 como presidente da Conferencia de Xefes de Estado e de Goberno da CPLP, e tamén elixiuse a María do Carmo Trovoada Pires de Carvalho, de São Tomé e Príncipe, como nova Secretaria Executiva da CPLP para o bienio 2017-2018.

A importancia do cumio de Brasilia verificouse igualmente coa presenza dos Xefes de Estado e de Goberno dos países membro da CPLP. Por tanto, asistiron a Brasilia os presidentes José María Vasconcelos (Timor Leste); Jorge Carlos Fonseca (Cabo Verde); Teodoro Obiang (Guinea Ecuatorial); Evaristo Carvalho (São Tomé e Príncipe); e Marcelo Rebelo de Sousa (Portugal). Tamén asistiron o primeiro ministro Baciro Djà (Guinea Bissau); o vicepresidente Manuel Vicente (Angola); o ministro de Exteriores Oldemiro Baloi (Mozambique) e o primeiro ministro portugués António Costa.

Foi igualmente significativa a homenaxe realizada neste cumio ao portugués António Guterres como novo secretario xeral da ONU, cargo que asumirá a partir de xaneiro de 2017 en substitución do surcoreano Ban Ki Moon. Con este nomeamento, a CPLP ansía vertebrar a súa axenda 2016-2026 como eixe estratéxico para avanzar na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030.

Pero existe un factor se cabe mais estratéxico: o histórico nomeamento de Guterres como o primeiro cidadán da CPLP en presidir a maior organización a nivel mundial, permitirá ampliar a dimensión estratéxica do mundo lusófono dentro da configuración dun novo sistema multipolar e multilateral. Unha perspectiva igualmente imprescindible para que Galicia poida vertebrar estratexias de maior inserción dentro da CPLP e nos foros internacionais, a carón das oportunidades que se abren de cara á próxima década.

IGADI. 7 de novembro de 2016