images publicacions IgadiPaper134

IgadiPaper nº134

Eleccións en Quebec: freo ao soberanismo e impacto en Europa

(7/2014)

Eleccións en Quebec: freo ao soberanismo e impacto en Europa

images publicacions IgadiPaper134
a) Introdución
A derrota do Partido Quebequés (PQ) nas eleccións celebradas o pasado 6 de marzo, perdendo o goberno tras dezaoito meses de lexislatura, supón un histórico punto de inflexión para as aspiracións soberanistas do territorio francófono. Neste sentido, o PQ obtén o seu peor resultado electoral en 40 anos, deixando nunha encrucillada as súas expectativas de propiciar un novo referendo soberanista tralos realizados en 1980 e 1995.

Dos 125 deputados que forman parte da Asemblea Nacional quebequesa, o federalista Partido Liberal de Quebec (PLQ) convértese agora na principal forza política, cunha maioría absoluta de 70 deputados, superando en 20 escanos en comparación cos comicios de 2012. Deste modo, o PLQ coloca ao seu líder Phillipe Couillard como novo primeiro ministro. Pola súa banda, o PQ retrocede a 30 deputados, 24 menos que na anterior elección, un resultado que obrigou á renuncia da ata agora primeira ministra Pauline Marois. Outro “gañador” destes comicios foi a Coalición Futuro Quebec (“Coalition Avenir Quebec”, CAQ), unha formación nacionalista conservadora que obtivo 22 escanos, tres máis que nos anteriores comicios. Finalmente, os independentistas de esquerda Quebec Solidario (QS) quedaron cos restantes tres deputados.

Neste sentido, e sumando os votos do PQ, CAQ e QS, os partidos soberanistas en Quebec alcanzarían 55 escanos, insuficientes fronte a maioría absoluta do PLQ. Este escenario ralentiza, cando menos a medio prazo, calquera tentativa política a nivel parlamentario para premer pola celebración dun novo referendo de autodeterminación. En diversos círculos políticos do PQ e doutras formacións independentistas comeza a sopesarse a posibilidade dunha “refundación política” que reformule as aspiracións soberanistas e incluso o debate sobre a identidade nacional.

Os resultados das eleccións en Quebec e, particularmente, o retroceso electoral do PQ, suxire lecturas para os procesos soberanistas en Europa. Sen constituír casos estritamente paralelos, cobra aquí importancia a próxima celebración do referendo independentista en Escocia (18 de setembro); as aspiracións de Catalunya por realizar unha consulta popular para novembro próximo, recentemente desestimada a nivel estatal; e igualmente a vía pragmática “confederal” adoptada pola formación flamenca Nieuw-Vlaamse Alliantie (N-VA), en particular de cara ás próximas eleccións rexionais e federais belgas do próximo 25 de maio, que coinciden coas eleccións parlamentarias europeas.

b) A “refundación” do PQ

Tras este histórico fracaso electoral, o PQ, formación nacionalista fundada en 1968 por René Lévesque, afronta unha nova etapa política na que, moi probablemente, verase inmerso nun proceso de relevo xeracional, de cambio de liderado e incluso de refundación dos seus postulados e prioridades políticas.

Os escasos 18 meses de goberno do PQ en Quebec e o seu fracaso electoral dan a entender un cambio de prioridades na sociedade quebequesa. Nos comicios de 2012, o PQ derrotou ao agora gañador PLQ co alento das protestas estudantís contra unha serie de medidas de austeridade económica, así como ante as denuncias de diversos escándalos de corrupción no entorno do entón primeiro ministro, o liberal Jean Charest, e que afectaron directamente á imaxe política do PLQ.

Non obstante, a recente maioría absoluta electoral do PLQ e a histórica derrota do PQ nos pasados comicios dan a entender un cambio significativo na sociedade quebequesa, onde as demandas soberanistas e independentistas poden verse supeditadas, cando menos de forma conxuntural, ás prioridades socioeconómicas. Neste sentido, a opinión pública en Quebec ven cuestionando e especulando coa escasa capacidade do actual liderado do PQ para impulsar a nivel cidadá estas demandas soberanistas.

O electorado e boa parte da opinión pública quebequesa criticaron o excesivo énfase do PQ en centrar a súa atención na consulta soberanista como peza básica do seu programa electoral de goberno, dando a entender que o PQ interpretaba estas eleccións como unha especie de “referendo sobre o referendo”([1]). Tras esta derrota electoral e ante a perspectiva dun eventual cambio xeracional na dirección central do PQ, volve ao centro de discusión pública a cuestión da identidade nacional quebequesa, así como as expectativas e aspiracións soberanistas e as fórmulas de autonomía e descentralización con respecto a Canadá.

Neste sentido, e sen pretender afirmarse baixo parámetros étnicos, a discusión en Quebec sobre a cuestión nacional e as aspiracións de soberanía tradicionalmente xiraron en torno ás potencialidades dun nacionalismo lingüístico e cívico, un aspecto que pode variar ante a realidade fraguada por unha sociedade cada vez máis multicultural e cosmopolita, particularmente debido ao aumento da inmigración, así como ante a necesidade de formular un proxecto atractivo para a mocidade([2]). Esta perspectiva ben puido influír nesta histórica derrota electoral do PQ, en particular ante a súa aparente incapacidade para integrar no seu programa outras fórmulas alternativas e outros enfoques prioritarios.

Pero tamén existen outras variables. Unha proposta do PQ de aprobar unha Declaración de Laicidade do Estado, que prohibía o uso de símbolos relixiosos de forma ostentosa por parte de empregados públicos, foi interpretada de forma negativa por diversas comunidades e minorías culturais e inmigrantes (principalmente as provenientes do Magreb e América Latina), razón que puido influír na caída de popularidade do PQ e a súa posterior derrota electoral. Do mesmo xeito, a elección do multimillonario Pierre Karl Péladeu (52 anos) como deputado polo PQ na Asemblea Nacional, foi visto en diversos círculos como unha especie de “xiro á dereita” por parte do PQ([3]), un aspecto que eventualmente pode influír na elección dunha nova directiva do partido que entronice ao propio Péladeu, especialmente trala renuncia da ata agora primeira ministra Marois, presidenta do PQ desde 2007.

Un escenario diametralmente distinto obsérvase na formación gañadora. O retorno do PLQ ao poder en Quebec constitúe unha notoria vitoria política para o primeiro ministro canadense, o conservador Stephen Harper, en particular á hora de concretar un novo marco de relacións entre a capital Ottawa e Quebec. Non foi, por tanto, casualidade que o propio Harper afirmara de forma exultante que, tras estes resultados, os quebequeses “rexeitaron a idea do referendo e apostaron por un goberno que se centre na economía e na creación de emprego”.

c) O caso europeo: soberanismo pleno ou solución “confederal”?

A derrota electoral do PQ exerce, dalgún xeito, un moderado nivel de influencia no contexto europeo no entorno dos denominados “nacionalismos periféricos”, os procesos soberanistas e as demandas de autodeterminación das “nacións sen Estado”. Baixo esta perspectiva, o PQ tradicionalmente constitúe unha referencia política viable para casos particulares como Escocia, Gales, Euskadi, Catalunya ou Flandres, entre outros, en particular pola preservación quebequesa dun “nacionalismo cívico”, de carácter lingüístico.

O contexto actual europeo determina un momento importante para a discusión da cuestión nacional e das demandas soberanistas. O caso particularmente mais tenso ten que ver coa crise suscitada polo referendo de autodeterminación de Crimea a favor da secesión de Ucraína e a súa “reinserción” na Federación Rusa, o cal corre paralelo coas tensións soberanistas das comunidades rusas actualmente existentes no Leste ucraíno, especialmente na rexión de Donetsk.

En Europa Occidental, este proceso está avanzando de forma mais decisiva. O referendo soberanista en Escocia previsto para o próximo 18 de setembro cumpre coas demandas históricas do gobernante Partido Nacionalista Escocés (Scottish National Party, SNP) de propiciar unha consulta de autodeterminación con respecto a Gran Bretaña. Tentando establecer unha comparación co caso quebequés (onde xa se realizaron dous referendos con anterioridade en 1980 e 1995), por vez primeira na súa historia, Escocia terá a oportunidade de someter estas demandas a unha consulta popular, con expectativas polo momento incertas. 

O referendo escocés é observado igualmente como referencia por outros  nacionalismos periféricos como Gales pero, especialmente, cobra maior relevancia para Catalunya. Impulsado neste caso polo gobernante Convergencia i Unió (CiU), Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Iniciativa per Catalunya/Verts (ICV), a autonomía catalana tiña previsto celebrar o próximo 9 de novembro unha consulta cidadá sobre a súa soberanía, a cal foi radicalmente desestimada en Madrid polo Congreso dos Deputados e o Tribunal Constitucional. Non obstante, e a pesar das presións políticas  de Madrid aducindo a súa inconstitucionalidade, as demandas soberanistas cataláns cobran cada vez maior intensidade.

No marco das próximas eleccións parlamentarias da Unión Europea previstas para finais de maio, a Alianza Libre Europea (ALE), plataforma formada por 40 formacións políticas soberanistas e independentistas([4]), preme por unha refundación das bases constitucionais da UE para atender as demandas dos nacionalismos periféricos. O presidente da ALE é Eric Defoort, histórico líder de Nieuw-Vlaamse Alliantie (“Nova Alianza Flamenca”, N-VA), o principal partido político nacionalista no territorio belga de Flandres, e actualmente socio de goberno maioritario en Bruxelas.

Coa mente posta nas eleccións federais belgas e nas parlamentarias europeas previstas simultaneamente para o próximo 25 de maio, o cumio da N-VA celebrado en febreiro pasado permitiu reconducir o proxecto político desta formación nacionalista flamenca. Neste sentido, o seu liderado apostou por impulsar novas formas de autonomía sen que isto supoña unha ruptura federal total con Bélxica e a UE.

Optando por unha vía pragmática, moi probablemente debido á escasa maioría favorable á independencia de Flandres, as incertezas e a eventual confusión que este escenario achegaría sobre o encaixe legal da UE e, igualmente, polos efectos da crise económica, a N-VA semella aparcar momentaneamente a súa pretensión independentista a favor dunha ampliación de competencias autonomistas([5]), principalmente en materia de relacións exteriores, seguridade social, política interior, financiamento e infraestruturas. Isto reforzaría a proposta de “confederación” co Estado belga, preservando igualmente as expectativas autonomistas de Flandres.

Neste panorama, e sendo conscientes de que se están abordando contextos diversos e complexos, resta calibrar cal será o impacto real das eleccións de Quebec no concerto europeo, en particular ante vía independentista fraguada a través da consulta popular, como pretende o referendo escocés e as demandas catalanas, ou ben a potenciación do pragmatismo “confederal” proposto pola N-VA.

 

IGADI. 14 de abril de 2014.


([1]) “Analyse de la défaite du Parti Québécoise : c´était un référendum sur le référendum”, Radio Canadá International, 8 de abril de 2014. Ver en : http://www.rcinet.ca/fr/2014/04/08/la-defaite-du-parti-quebecois-serait-un-referendum-sur-le-referendum/

([2]) “Requiem pour le projet de pays”, Le Devoir (Quebec), 9 de abril de 2014. Ver en : http://www.ledevoir.com/politique/quebec/405038/requiem-pour-le-projet-de-pays

([3]) “Las consecuencias de la derrota del Partido Quebequense”, Radio Canadá Internacional, 8 de abril de 2014. Ver en: http://www.rcinet.ca/es/2014/04/08/las-consecuencias-de-la-derrota-del-partido-quebequense/. O ex primeiro ministro de Quebec, Bernard Landry (PQ, 2001-2005) declarou tralas eleccións que Péladeu avanza como favorito para dirixir o futuro PQ. Consultar: “Péladue ‘favori’ pour diriger le PQ”, La Presse (Montreal, Canadá), 8 de abril de 2014 : http://www.lapresse.ca/actualites/elections-quebec-2014/201404/08/01-4755554-peladeau-favori-pour-diriger-le-pq-selon-landry.php?utm_categorieinterne=trafficdrivers&utm_contenuinterne=cyberpresse_B13b_partis_1956692_section_POS3

([4]) European Free Alliance. Member Parties. http://www.e-f-a.org/whos-who/member-parties/

([5]) “Flandes renuncia a la independencia”, El País (España), 6 de febreiro de 2014. Ver en: http://internacional.elpais.com/internacional/2014/02/05/actualidad/1391630481_279158.html