images publicacions IgadiPaper137

IgadiPaper nº137

Cumio G77+China: o impulso á axenda post-2015 dos Obxectivos do Milenio

(10/2014)

Cumio G77+China: o impulso á axenda post-2015 dos Obxectivos do Milenio

images publicacions IgadiPaper137
a) Introdución

Baixo o lema “Cara unha Nova Orde Mundial para Vivir Ben”, a localidade boliviana de Santa Cruz albergou entre o 14 e 15 de xuño o Cumio do G77+China, evento que conmemorou o seu 50º aniversario coa presidencia pro témpore de Bolivia. Este grupo, creado en 1964, conta actualmente con 133 estados membros, destacando a preponderancia de África (56 países), seguido de Asia (37), América (31) e un só país europeo, Bosnia e Hercegovina. En perspectiva, o G77+China representa o 82% da poboación total mundial e é considerado como o maior bloque de carácter multilateral dentro da ONU.

Compre destacar que China non é membro formal do G77, contando con unha participación especial derivada do seu achegamento bilateral e comercial aos países americanos e africanos. Así, o presidente chinés Xi Jinping non estivo no cumio de Santa Cruz, sendo representado polo vicepresidente do Comité Permanente da Asemblea Popular Nacional, Chen Zhu. Organizado polo mandatario anfitrión Evo Morales, ao cumio asistiron o secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, e varios mandatarios e representantes latinoamericanos, africanos e europeos. 

O apoio e impulso á Axenda post-2015 dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio da ONU ocupou un lugar prioritario na Declaración Final de Santa Cruz, en particular no relativo á loita contra a pobreza e as desigualdades e a protección medioambiental. Paralelamente, a Declaración avogou pola construción dunha nova orde mundial na que prevaleza a “equidade, a democracia, a unidade, complementariedade e solidariedade”, así como pola transparencia nos sistemas de cualificación económica, un aspecto vital nun momento de crise económica global, en particular pola preponderancia dos programas de axuste e de reestruturación de cara aos países en desenvolvemento.

Igualmente, a Declaración condenou o uso da espionaxe, outro aspecto chave nun momento de tensión por este motivo entre EUA e os seus aliados con diversos países, en particular China; a defensa de políticas de inclusión e de xénero, a eliminación das políticas subsidiarias agrícolas e o solidariedade común caras ás problemáticas das Illas Malvinas, Cuba, Palestina e Venezuela.

b) O maior foro Sur-Sur

O cumio do G77+China celebrado en Santa Cruz (Bolivia) logrou congregar a presidentes, vicepresidentes e xefes de goberno dun cento de delegacións internacionais, con forte presenza latinoamericana. Recibidos polo anfritrión Evo Morales, destacaron a presenza da presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner, o cubano Raúl Castro, o peruano Ollanta Humala, o ecuatoriano Rafael Correa, o salvadoreño Salvador Sánchez Cerén, o nicaraguano Daniel Ortega, o paraguaio Horacio Cartes, o uruguaio José Mújica e o venezolano Nicolás Maduro, así como o presidente iraniano Hassán Rouhaní, cunha presenza que resaltou aínda mais o peso global deste encontro.

Xunto ao secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, igualmente estiveron presentes o presidente da Asemblea Xeral da ONU, John Ashe, e a Secretaria Xeral Iberoamericana, Rebeca Grynspan. Pola súa contra, as ausencias máis destacadas foron a do presidente chinés Xi Jinping –que visitará a rexión en xullo próximo-, as súas homólogas chilena Michelle Bachelet e brasileira Dilma Rousseff, e o colombiano Juan Manuel Santos. O cumio, non obstante, superou as expectativas con respecto ao celebrado en 2005 en Catar, que contou coa presenza de 20 presidentes e 70 delegacións internacionais.

Ademais do impulso á Axenda post-2015 dos Obxectivos do Milenio da ONU, en particular no relativo á erradicación da pobreza extrema en 2030, o Cumio G77+China entrou a especial atención e prioridade nas temáticas propias da realidade latinoamericana, escenario onde tiveron incidencia e presenza organismos rexionais como a Unión de Nacións do Sur (UNASUR), a Comunidade de Estados de América Latina e o Caribe (CELAC) e a Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA).

Neste sentido, o G77+China abordou con especial énfase unha defensa común das reclamacións de soberanía das Illas Malvinas por parte de Arxentina, así como contra os denominados “fondos voitres”, que ameazan con paralizar o actual proceso de reestruturación da débeda externa deste país.

No relativo á soberanía sobre as Illas Malvinas, a posición do G77+China de apoio ás demandas arxentinas moi probablemente explica que, posteriormente, o Comité Especial de Descolonización da ONU decidira recomezar o debate sobre a problemática das Malvinas, facendo causa común coa Declaración de Santa Cruz que salienta o compromiso do grupo polo arranxo pacífico das controversias mediante o diálogo.

Paralelamente, a crise venezolana dos últimos meses, en particular ante a violenta confrontación política entre opositores e simpatizantes do goberno de Maduro, motivou a celebración dun Encontro dos Movementos Sociais dos países membros da ALBA, como preámbulo do Cumio G77+China, marco no que se fortaleceu o apoio á soberanía venezolana e ao goberno de Maduro, particularmente por parte dos gobernos de Bolivia, Cuba e Ecuador. Este encontro da ALBA contou igualmente coa presenza do secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon.

No que cabe á presenza de China como actor estratéxico oficialmente non membro do G77, o contexto do evento permite sinalar un punto de inflexión nas relacións entre a potencia asiática e este organismo multilateral, particularmente pola activa presenza comercial e diplomática de Pequín en América Latina e África.

Un aspecto salientable ten que ver coa cooperación económica. Neste sentido, o Cumio G77+China serviu de toma de contacto previo á próxima celebración do VIII Cumio Empresarial China-América Latina e o Caribe, que se levará a cabo en setembro próximo na localidade chinesa de Changsha, capital da provincia de Hunan. Este evento será organizado polo Banco Popular de China e o Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID), orientado a propiciar un cambio “cuantitativo e cualitativo” no relativo á cooperación económica e comercial.

Previo a este encontro,  a localidade boliviana de Tarija acollerá en agosto próximo unha reunión de ministros de Enerxía, Hidrocarburos e Minería dos países membro do G77+China, a fin de debater sobre a industrialización dos recursos naturais, un dos 242 puntos acordados na Declaración de Santa Cruz. Este foro estará organizado pola Organización das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Industrial (ONUDI) e a Comisión Económica para América Latina (CEPAL). Durante o cumio G77+China, a empresa hidroeléctrica chinesa Sinohydro asinou un acordo co goberno boliviano para a execución de obras civís na hidroeléctrica de San José, no departamento de Cochabamba.

c) A Declaración de Santa Cruz

Á vista do notable peso xeopolítico multilateral do G77+China, principalmente no marco da ONU e doutros organismos internacionais como a Organización Mundial do Comercio (OMC) e a Conferencia de Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento (UNCTAD), o cumio de Santa Cruz serviu como marco político relevante para a elaboración dunha Declaración Conxunta. A base esencial deste documento apunta ao impulso da Axenda post-2015 dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio da ONU, apostando por unha posición común ante a crise sistémica global.

Neste sentido, o G77+China afírmase como o primeiro foro de carácter mundial en asumir politicamente o compromiso de alcanzar estes Obxectivos do Milenio, que serán temporalmente prorrogados ata 2030, con particular incidencia no combate contra a pobreza extrema, as desigualdades, a exclusión socioeconómica e o apoio aos procesos de desenvolvemento autónomo.

Igualmente, esta Declaración recoñece os aínda persistentes problemas de carácter estrutural existentes nas economías dos países en desenvolvemento, das potencias emerxentes e dos países do Sur, á hora de acometer programas autónomos de desenvolvemento. Por outra banda, salienta as súas limitacións de carácter económico e financeiro, tendo en conta o que considera como “desigualdades nas estruturas dos organismos comerciais, económicos, financeiros e tecnolóxicos”, un aspecto que cobra importancia dentro do actual contexto fraguado polas políticas de austeridade e de recortes, nunha conxuntura de crise económica.

Neste sentido, o G77+China aseverou que a actual crise é a peor desde os tempos da Gran Depresión (1929), en particular na perspectiva financeira e económica, razón pola que demandou unha reestruturación eficaz e inmediata dos organismos financeiros internacionais, particularmente o Banco Mundial e o FMI, herdeiros do sistema de Bretton Woods (1944), así como daqueles organismos de cualificación crediticia, cunha influencia política tan desmesurada como incontrolada.

Compre sinalar a aposta da Declaración de Santa Cruz polo desenvolvemento sostible, inclusivo e equitativo, pola creación de emprego, acceso á saúde pública, seguridade alimentaria, fomento das políticas de equidade de xénero e sensibilidade respecto aos ecosistemas e ás políticas ambientais, aspecto no que os gobernos de Bolivia e Ecuador tiveron especial énfase principalmente polas súas políticas oficiais de apoio ao principio de “Vivir Ben”.

Neste apartado, defendeuse igualmente a soberanía nacional sobre os recursos naturais, un aspecto particularmente visible na conca amazónica, así como o apoio aos pobos indíxenas e á cooperación Sur-Sur, particularmente ante a necesidade de encarar o problema da débeda externa e os seus efectos no desenvolvemento socioeconómico dos países latinoamericanos, africanos e asiáticos.

IGADI. 30 de xuño de 2014