Últimas noticias
A Fundación Carolina e o IGADI asinan un convenio para promover o uso científico do galego
Os documentos intercambiados estarán accesibles para a súa descarga gratuíta desde as plataformas respectivas da Fundación Carolina e a Revista Tempo Exterior do IGADI. As temáticas dos artigos escollidos vincularanse ás liñas de traballo converxentes entre a área de Estudos e Análise da Fundación Carolina e o IGADI, en temáticas como a cooperación internacional, multilateralismo, rexionalismo, ou relacións entre a Unión Europea e América Latina. Os autores serán académicos e especialistas iberoamericanos.
Na xuntanza para formalizar este mecanismo de cooperación participaron por parte da Fundación Carolina, Érika Rodríguez Pinzón, a súa directora, e Andrea Mila-Maldonado, investigadora da área de Estudos e Análise da Fundación Carolina. Polo IGADI, Daniel González Palau, director, e o director da revista Tempo Exterior, Celso Cancela.
A Fundación Carolina é unha institución público-privada sen ánimo de lucro que promove as relacións culturais e a cooperación en materia educativa e científica entre España e os países da Comunidade Iberoamericana de Nacións. Fundada en 2000, o seu obxectivo é fortalecer os lazos entre estas nacións a través de programas de bolsas, cursos, investigacións e proxectos conxuntos. A Fundación Carolina desprega actividades en áreas como a educación superior, a cultura, a ciencia ou a investigación.
O IGADI e a Academia da Gobernanza Global & Estudos de Área da Universidade Tecnolóxica de Guandong lanzan “A Axenda 2030 e o diálogo China-Iberoamérica”
A publicación ten a súa orixe na misión fundacional do IGADI de divulgar o pensamento de Nacións Unidas, así como do traballo compartido das nosas liñas de investigación en Cooperación Internacional e Axenda 2030 e o Observatorio de la Política China.
Baixo estas premisas, vinte e un especialistas, once procedentes de China e dez de países iberoamericanos, responden as seguintes cuestións: Como entende China a Axenda 2030 das Nacións Unidas? Como se aplica a Axenda 2030 e en que estado se atopa nos países iberoamericanos? Que áreas dentro da Axenda 2030 serían máis apropiadas para aumentar as alianzas entre China e Iberoamérica para os retos comúns?
Na publicación combínanse a análise do estado de desenvolvemento da Axenda 2030, xunto a artigos que analizan a proposta chinesa da Comunidade de Destino Compartido, en temas de relevancia como a orde económica mundial, a intelixencia artificial, a cooperación universitaria ou a tradución linguística… amosando as converxencias desta coa Axenda 2030.
No berce da colaboración entre o IGADI e a Academia da Gobernanza Global da Universidade de Guandong aparece de maneira central o Obxectivo 17 da Axenda 2030, a promoción de alianzas co obxectivo de lograr un desenvolvemento pacífico e próspero nun mundo interconectado e interdependente.
O Cumio do Futuro de Nacións Unidas é unha oportunidade para mellorar a cooperación internacional, afrontando desafíos críticos e lagoas na gobernanza global. Celebrarase o 23 e o 24 de setembro baixo o título “Solucións multilaterais para un mundo mellor”.
Podes descarregar a publicación en castelán (con 2 artigos en portugués) desde este enlace.
Inscríbete na XIV edición do Simposio Electrónico Internacional de Política China (21 e 22 de marzo)
A XIV edición do SEI dalle continuidade aos obxectivos das trece edicións anteriores, na procura de abrir o coñecemento e o debate sobre a situación do xigante asiático trala celebración das lianghui (que inician o 4 de marzo), as sesións anuais da Conferencia Consultiva Política do Pobo Chinés e a Asamblea Nacional do Pobo.
No Simposio participarán presentando os seus relatorios 21 investigadoras e investigadores de 8 países iberoamericanos, achegándose de maneira temática a elementos políticos, culturais ou económicos da China do 2024, prestando especial atención ao diálogo iberoamericano coa China.
Pode consultar o programa na web do Observatorio de la Política China e inscribirse gratuitamente no mesmo.
O Tempo Exterior 47 centra o seu monográfico na percepción de Galicia en Portugal e a lusofonía
Ademais dos cinco artigos enfocados na temática do monográfico, o Tempo Exterior 47 conta cunha sección de miscelánea arredor da igualdade de xénero, África e a demografía europea, xunto unha recensión de libros que pecha o número.
Co Tempo Exterior 47 continúa a súa cuarta etapa histórica, baixo a dirección do profesor da Universidade de Vigo Celso Cancela, un Consello de Redacción composto por profesores das tres Universidades galegas e un Consello Científico composto por investigadores de 12 países de Europa, América e Asia.
O número conta co apoio publicitario do Concello de Pontevedra e a colaboración da SX de Política Linguística da Xunta de Galicia.
Análise e actualidade
Liñas de investigación 7220
Apartados xeográficos 7220
- ARQUIVO 4322
- China e o mundo chinés 1867
- Latinoamérica 1046
- Europa 852
- Outros 702
- Oriente Medio 554
- Estados Unidos 439
- Acción exterior de Galicia 373
- Asia 361
- África 311
- Rusia 215
- Balcáns 164
- Península Coreana 118
- Nacionalismos 100
- Cooperación ao desenvolvemento 37
A información sobre a realidade nacional e internacional na túa caixa de correo
A newsletter do IGADI infórmate de todas as novos contidos na nosa web