Últimas noticias
Un Día das Letras cheo de solidariedade internacional: O IGADI publica o último ensaio do profesor Bichara Khader “Palestina, a traxedia permanente (1946-2024): Unha chamada para espertar a Europa”
A historia das relacións entre Galicia e Palestina é unha historia de solidariedade constante que acadou un dos seus fitos cando no mes de novembro do ano 2014 a totalidade do Parlamento Galego apoiou a Declaración institucional sobre o recoñecemento do Estado de Palestina.
A edición en galego deste ensaio de Bichara Khader, arredor das relacións entre Europa e Palestina desde 1948, é unha pinga máis desa corrente de irmandade entre Galicia e Palestina.
Desde este recuncho europeo do Atlántico teimamos por unha sociedade internacional que enterre definitivamente o racismo e as inercias coloniais con solucións orixinais.
Podes descargar de balde o último ensaio de Bichara Khader aquí
Breve apuntamento sobre o autor. Wikipedia
Bichara Khader, (Zababdeh, Palestina, 13 de febreiro de 1944) é un especialista do mundo árabe contemporáneo e das cuestións euro-árabe e euro-mediterráneas. É de orixe palestina e ten a nacionalidade belga. É profesor emérito da Universidade Católica de Lovaina e fundador do Centro de Estudios e de Investigacións sobre o Mundo Árabe da dita universidade. Foi membro do Grupo de Altos Expertos sobre Política Exterior e Seguridade Común da Comisión europea e do Grupo de Sabios para o Diálogo das culturas no Mediterráneo da Presidencia Europea.
Khader insiste na urxencia de entender o mundo árabe e musulmán doutra forma que non sexa en termos de ameaza ou invasión e amósase preocupado ante a islamofobia que cada vez gaña más visibilidade. Tamén é crítico cos países árabes de quen considera «Non poden limitarse a evitar as súas responsabilidades suxerindo que a islamofobia é unha especie de enfermidade incurable de Occidente. Os terroristas e xihadistas do Estado Islámico ou Al Qaeda, por exemplo, non representan o verdadeiro islam, incluso ensucian ou luxan a súa imaxe porque é unha relixión de paz».
Publicamos o noso informe anual de relacións internacionais e política global, dispoñible a 17ª edición do IGADI Annual Report
Baixo o título «Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade» o anuario presenta as Chaves do 2023 e as Perspectivas deste 2024, acompañados de 10 análises por áreas xeográficas e transversais que atenden á nova natureza e formas da multipolaridade en curso, proceso que o IGADI Annual Report retratou nas súas edicións anuais desde o ano 2008.
O anuario do 2023-2024 conta coa participación de 12 analistas do IGADI, que desde Galicia, os EE.UU, México ou Arxentina, poñen a lupa nos principais acontecementos globais do 2023 e o 2024. O IAR conclúe coa identificación das Personaxes do ano 2023: Prigozhin, Jennifer Hermoso, Elon Musk, Binyamin Netanyahu e Javier Milei.
O ano 2024 atópase, así, marcado pola interacción entre as eleccións en 70 países e o aumento dos conflitos de seguridade nos cinco continentes. No horizonte final deste ano electoral global, as eleccións do 5 de novembro nos Estados Unidos delimitarán un dos grandes marcos dos próximos anos.
Presentaremos o IGADI Annual Report 2023-2024 de maneira pública, coas persoas editoras e analistas, o próximo día 6 de maio ás 12:30 na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela.
A Fundación Carolina e o IGADI asinan un convenio para promover o uso científico do galego
Os documentos intercambiados estarán accesibles para a súa descarga gratuíta desde as plataformas respectivas da Fundación Carolina e a Revista Tempo Exterior do IGADI. As temáticas dos artigos escollidos vincularanse ás liñas de traballo converxentes entre a área de Estudos e Análise da Fundación Carolina e o IGADI, en temáticas como a cooperación internacional, multilateralismo, rexionalismo, ou relacións entre a Unión Europea e América Latina. Os autores serán académicos e especialistas iberoamericanos.
Na xuntanza para formalizar este mecanismo de cooperación participaron por parte da Fundación Carolina, Érika Rodríguez Pinzón, a súa directora, e Andrea Mila-Maldonado, investigadora da área de Estudos e Análise da Fundación Carolina. Polo IGADI, Daniel González Palau, director, e o director da revista Tempo Exterior, Celso Cancela.
A Fundación Carolina é unha institución público-privada sen ánimo de lucro que promove as relacións culturais e a cooperación en materia educativa e científica entre España e os países da Comunidade Iberoamericana de Nacións. Fundada en 2000, o seu obxectivo é fortalecer os lazos entre estas nacións a través de programas de bolsas, cursos, investigacións e proxectos conxuntos. A Fundación Carolina desprega actividades en áreas como a educación superior, a cultura, a ciencia ou a investigación.
O IGADI e a Academia da Gobernanza Global & Estudos de Área da Universidade Tecnolóxica de Guandong lanzan “A Axenda 2030 e o diálogo China-Iberoamérica”
A publicación ten a súa orixe na misión fundacional do IGADI de divulgar o pensamento de Nacións Unidas, así como do traballo compartido das nosas liñas de investigación en Cooperación Internacional e Axenda 2030 e o Observatorio de la Política China.
Baixo estas premisas, vinte e un especialistas, once procedentes de China e dez de países iberoamericanos, responden as seguintes cuestións: Como entende China a Axenda 2030 das Nacións Unidas? Como se aplica a Axenda 2030 e en que estado se atopa nos países iberoamericanos? Que áreas dentro da Axenda 2030 serían máis apropiadas para aumentar as alianzas entre China e Iberoamérica para os retos comúns?
Na publicación combínanse a análise do estado de desenvolvemento da Axenda 2030, xunto a artigos que analizan a proposta chinesa da Comunidade de Destino Compartido, en temas de relevancia como a orde económica mundial, a intelixencia artificial, a cooperación universitaria ou a tradución linguística… amosando as converxencias desta coa Axenda 2030.
No berce da colaboración entre o IGADI e a Academia da Gobernanza Global da Universidade de Guandong aparece de maneira central o Obxectivo 17 da Axenda 2030, a promoción de alianzas co obxectivo de lograr un desenvolvemento pacífico e próspero nun mundo interconectado e interdependente.
O Cumio do Futuro de Nacións Unidas é unha oportunidade para mellorar a cooperación internacional, afrontando desafíos críticos e lagoas na gobernanza global. Celebrarase o 23 e o 24 de setembro baixo o título “Solucións multilaterais para un mundo mellor”.
Podes descarregar a publicación en castelán (con 2 artigos en portugués) desde este enlace.
Análise e actualidade
Liñas de investigación 7237
Apartados xeográficos 7237
- ARQUIVO 4322
- China e o mundo chinés 1867
- Latinoamérica 1047
- Europa 859
- Outros 703
- Oriente Medio 554
- Estados Unidos 439
- Acción exterior de Galicia 375
- Asia 362
- África 312
- Rusia 215
- Balcáns 164
- Península Coreana 118
- Nacionalismos 100
- Cooperación ao desenvolvemento 39
A información sobre a realidade nacional e internacional na túa caixa de correo
A newsletter do IGADI infórmate de todas as novos contidos na nosa web